A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Así serán as medidas de benestar animal da Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra

Así serán as medidas de benestar animal da Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra

Cepillo rotativo como o que se instalará na Granxa Experimental do Campus Terra

A Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra que promove e financia a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, incorporará as últimas innovacións en benestar animal.

A instalación, situada en Castro Ribeiras de Lea e que está a ser construída pola empresa COPCISA S.A despois de gañar o concurso público convocado polo ente provincial, ten previsto estar operativa este outono para os estudantes do Campus Terra.

Tal e como destacan desde o equipo técnico da Deputación de Lugo que se encarga de supervisar o proxecto construtivo “no deseño das instalacións da Granxa Experimental tívose en conta tanto o benestar animal, os fluxos de traballo no proceso de produción, os movementos dos animais e as últimas melloras e avances técnicos do sector”.

Ademais, a nave de gando -con capacidade para 70 vacas adultas- deseñouse para poder instalar nun futuro un sistema automatizado de alimentación. “Todas as instalacións están pensadas para poder ser ampliadas nun futuro”, sinalan desde a Deputación de Lugo.

Entre as medidas de benestar animal que incorporará destacan:

Cepillos rotativos:

Instalaranse cepillos rotativos monofásicos para benestar dos animais, con velocidade de xiro de 26 r.p.m., sistema pendular con dous puntos de xiro, un en cada extremo do brazo, conexión e desconexión automática, protección contra sobrecargas e baixo consumo.

Disporanse dúas unidades na zona de vacas en produción e unha unidade na zona de vacas secas.

Cornadizas:

Instalaranse cornadizas tipo Joudain ou similar de tubo de aceiro galvanizado de 60 mm que irán ancoradas a postes galvanizado de 100×60 mm con inclinación para confort dos animais.  Levarán un eixo de xiro calibrado con amortiguador de goma, bloqueo de praza en aceiro revestido con poliamida, desbloqueable e inaccesible para os animais, sistema antiaforcamento dos animais, brazo de mando escamoteable de dúas posicións e coxinete de xiro da barra de bloqueo revestido de material composto.

Existirán 76 unidades na zona de vacas en produción, 8 unidades na zona de lazareto, 8 unidades na zona do semental (por se finalmente variase o uso desta parte da instalación e albergase outro tipo de animais) e 25 na zona de vacas secas.

Estas cornadizas asentaranse sobre un muro de formigón armado de 0,50 metros de altura, para que as vacas queden á altura perfecta para poder acceder á comida.

Cubículos amplos e que evitan a competencia:

Instalaranse cubículos galvanizados modelo europeo anchura 1,25/1,35 metros con lonxitude total 2,75 – 3,15,e altura da barra reguladora de 1,20 metros para garantir espazo suficiente para o benestar dos animais.

A súa distribución na nave é a que segue: 70 para as vacas en produción, 16 para as vacas secas e un cubículo dobre (2 ud) para o semental. É dicir, o número de camas para as vacas (86) será superior ao de animais presentes (70).

Pasos de home:

Para facilitar o acceso entre as diferentes partes da explotación aos traballadores da mesma instalaranse pasos de home entre as cornadizas dispostos de forma estratéxica, catro na zona de vacas en produción, dous na zona de vacas secas, un na zona do semental e outro na zona do lazareto.

Ventilación e cubertas:

En canto á cuberta, esta resólvese con panel sándwich e ventilación cenital, o que favorecerá aínda máis se cabe a ventilación e circulación do aire. Entre medias disporanse de faldóns de cuberta suficientes con paneis translúcidos que achegarán luminosidade ao interior das instalacións reducindo notablemente as necesidades de iluminación artificial das dependencias.

A cuberta resólvese mediante a instalación de panel sándwich especial para cubertas de 30 mm de espesor, soportado sobre viguetas pretensadas tipo VTF (28 viguetas de 9 metros en total, 14 viguetas en cada un dos faldóns de cuberta, 7 entre pórticos), as cales descansan sobre as vigas cargadeiro anteriormente mencionadas.

Sala de muxido e robot:

A Granxa Experimental do Campus Terra contará cun robot de muxido pero tamén cunha sala de muxido convencional en espiña de peixe con capacidade para 10 animais, que aínda que nun principio non irá equipada con toda a maquinaria necesaria para a práctica do muxido, servirá para a manipulación do gando por parte do persoal universitario.

A esta dependencia sumarase unha zona de procedemento que permita separar animais en muxido para un exame veterinario, así como unha zona de observación de todas as instalacións situada nun plano superior sobre a oficina e vestiarios da nave.

Nun principio esta sala tan só contará coa estrutura metálica da sala, pois as tarefas de muxido vanse executar co robot. Neste caso a sala será utilizada por parte do persoal da universidade para a observación e manipulación dos animais durante as clases prácticas programadas na granxa experimental.

O acceso á sala de muxido poderase facer ben desde o interior da nave, concretamente desde o corredor que conduce desde o robot á zona de parideiras, ou ben desde o exterior.  O acceso desde o exterior débese a que, para a realización das prácticas, pódense traer animais doutras dependencias diferentes ás proxectadas, e deste xeito evítase o contacto de animais de fóra da explotación cos propios, co que se reduce o posible contaxio ou transmisión de enfermidades. Para a saída dos animais disponse, á súa vez, dunha porta para a súa evacuación cara ao resto de dependencias do establo ou ben cara ao exterior no caso de que os animais sexan alleos á granxa experimental.

Zona de observación:

Outra das novidades que incorpora a Granxa Experimental do Campus Terra é unha zona de observación, que vai facilitar a visión total da instalación por parte de visitantes e alumnado.

A zona de observación sitúase sobre un forxado disposto por riba da oficina e do vestiario. Ao estar nun plano superior que o resto das instalacións isto permite ter unha visión total da instalación, polo que se pode observar o funcionamento no día a día da instalación sen interferir no mesmo e, o que é máis importante, sen molestar e perturbar ao gando.

Asemade, estará habilitada unha zona para a visualización directa do robot de muxido, que permitirá a estudantes e visitantes observar aos animais e o funcionamento do robot.

“Os edificios da Granxa Experimental do Campus Terra, xunto co robot de muxido, están deseñados para permitir unha docencia interactiva, xa que se poderá observar as vacas en todo o seu ciclo produtivo e interactuar con elas. Ademais, a utilización do robot xunto con outras tecnoloxías van permitir obter datos de moitas variables, que servirán para realizar investigacións en alimentación, material de cama, comportamento animal, benestar, cultivos, etc..”, destacan desde o gabinete técnico da Deputación de Lugo.

logo copcisa amplo

Medidas da granxa:

A granxa, que financia a Deputación de Lugo con 930.000 euros, terá capacidade para 79 animais (70 vacas adultas e 9 prazas para recría) e a nave de gando ocupará unha superficie de 2.484 metros cadrados, a fosa de xurro 480 metros cadrados, os silos 581, fosa de xurro 592 metros cadrados e o edificio de prácticas 387 metros cadrados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *