Coa inversión inicial por parte da Deputación de Lugo de 930.000 euros estanse a levar a cabo as obras da Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra en Castro Ribeiras de Lea. COPCISA S.A é a empresa construtora que está a executar as obras despois de gañar o concurso público convocado polo ente provincial. Agárdase que o centro estea rematado e operativo o durante o segundo trimestre deste 2019.
Neste proxecto, imprescindible para manter a acreditación internacional dos estudos da Facultade de Veterinaria, implícanse dende o primeiro momento a Deputación de Lugo e a USC, polo que a xestión estará dirixida por ambas administracións.
As instalacións construiranse nunha parcela de 15 .500 metros cadrados propiedade da Deputación de Lugo, e ao lado da Granxa Gayoso Castro, o que facilitará a redución de custos de maquinaria, e creará un auténtico polo de innovación en gando vacún.
Centro de primeiro nivel
Trátase dun centro de primeiro nivel que estará en pleno funcionamento para os estudantes no segundo trimestre do actual curso académico. Terá capacidade para 70 vacas produtoras, contará cun robot de muxido, cun centro de recepción de visitas onde se incluirá unha aula de actividades docentes, de formación e de divulgación, así como cun laboratorio para actividades investigadoras.
Nesta mesma infraestrutura tamén estase a habilitar unha nave que acolla a alimentación do gando, silos con capacidades para almacenar as necesidades da explotación, foxa de xurro rodeada de arbustos ou un espazo totalmente pechado no que se gardará a maquinaria.
A Granxa Experimental de Leite cubrirá unha parte importante das prácticas da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica. Así, profesorado, alumnado e docentes de Veterinaria, poderán realizar prácticas de diferentes materias de veterinaria, enxeñería agrícola e alimentaria; máster de enxeñeira agronómica e máster de produción de leite, cun enfoque máis profesional e práctico en aspectos como manexo sanitario, podoloxía, alimentación, benestar, calidade do leite ou produción agraria.
Tamén se desenvolverán actividades de investigación en temas de interese para o sector e actividades de formación continua para profesionais do sector e gandeiros.
Con esta nova dotación da Granxa Experimental de Leite, executada pola empresa construtora COPCISA S.A. contribúese á investigación sobre a redución de custos e a incorporación de tecnoloxías no sector lácteo. Este centro garante o distintivo internacional da Facultade de Veterinaria.
“Con este Centro pretendemos combater uns dos principais problemas que sofre o sector lácteo: os baixos prezos do leite e a falta de man de obra e de calidade de vida dos seus profesionais. Ademais, buscamos conseguir que a Facultade de Veterinaria manteña o seu recoñecemento internacional”, sinalou o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde.
Planos da Granxa Experimental de Leite do Campus de Lugo: