As axudas polo encarecemento dos fertilizantes abonaranse só ás explotacións agrícolas que fosen beneficiarias das axudas da PAC no 2022. O número de hectáreas por beneficiario determinarase de oficio polo Ministerio de Agricultura e corresponderase coa superficie declarada na PAC, con exclusión de terras de barbeito e pastos temporais.
O Ministerio, tal e como se anunciara, abonará 22 euros por hectárea de secano e 55 por hectárea de regadío. Non se concederán axudas cando o importe a recibir resulte inferior a 200 euros. Tamén se establece un tope de 300 hectáreas por beneficiario, a partir do cal non se paga a axuda.
O Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) publicará no tablón de anuncios da súa sede electrónica a relación de titulares beneficiarios, así como o número de hectáreas computadas e a contía que lles correspondería cobrar. Os beneficiarios terán 10 días hábiles para presentar alegacións. No caso de non facelo, transcurrido ese prazo, o Fondo Español de Garantía Agraria procederá ó pago da axuda, facéndose ese pago na conta bancaria na que se ingresou a PAC 2022.
O Ministerio, por último, subliña que fará un seguemento da evolución do prezo de mercado dos fertilizantes para comprobar que as empresas comercializadoras dos mesmos non ‘inflan’ artificialmente os prezos para quedarse indirectamente coa subvención.
Axuda por gasóleo
En paralelo á axuda por fertilizantes, o Ministerio de Agricultura estableceu tamén un apoio extraordinario para profesionais da agricultura, gandería e silvicultura forestal. Serán beneficiarios as persoas e entidades ás que se lle recoñeza o dereito a devolución das cotas do Imposto sobre Hidrocarburos.
O importe das axudas ascenderá a 20 céntimos por litro de gasóleo destinado exclusivamente a uso agrario e polo que o beneficiario obteña a devolución das cotas do Imposto de Hidrocarburos. Considerarase presentada a solicitude coa presentación da solicitude de devolución do Imposto de Hidrocarburos. Pódese consultar aquí toda a información no Real decreto de resposta ás consecuencias sociais e económicas da guerra de Ucraína.