Así se expandirá a Vespa Velutina por Galicia neste 2019

VELUTINA_GALICIA_PREVISIONA vespa velutina seguirá expandíndose ao longo deste 2019 por Galicia, intensificando a súa presenza na faixa atlántica costeira e penetrando cada vez máis cara o interior a través dos vales dos ríos Miño e Sil. Só as montañas do Courel, Os Ancares e do oriente ourensán se manterán libres de momento desta especie invasora.

Así o adiantou este mércores en Santiago de Compostela o doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, Luis Rodríguez Lado, creador da plataforma VeluMAP, dispoñible para o público a través da páxina web http://webs-gis.cesga.es/velutina, que pronostica a expansión futura da Vespa Velutina e o seu grao de afectación a nivel de concello.

É o primeiro sistema de detección precoz desta especie invasora que se deseña en Europa e contou co financiamento da Deputación Provincial da Coruña.

Luis Rodríguez Lado realizou a presentación desta programa na xornada sobre A Vespa velutina en Galicia: estado da cuestión e avances científicos, organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia.

Recomendacións para frear a expansión da Vespa Velutina en Galicia

A xornada foi un punto de encontro entre investigadores e representantes do sector apícola e serviu para poñer en común algúns dos avances que se teñen producido ata agora na loita contra a Vespa asiática -chegada a Europa no ano 2004 e a Galicia no 2011- pero tamén se incidiu no que non se debe facer.

Velaquí algunhas das conclusións das ponencias e da mesa redonda na que participaron Xesús Feás, académico correspondente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia; Román Cid, presidente da asociación de apicultores Abellas Nais; Ester Ordóñez, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia, e Xesús Asorey, secretario da Asociación Galega de Apicultura.

-Os métodos máis efectivos e respectuosos co medio ambiente para loitar contra a Vespa Velutina son a retirada de niños e a protección dos colmeares no verán e outono mediante sistemas como a harpa eléctrica.

-Os científicos desaconsellan realizar trampeo, xa que ata agora os distintos sistemas analizados téñense revelado como moi pouco selectivos, capturando un gran número de insectos doutras especies. De facelo, realizalo soamente na primavera para capturar raíñas e colocar as trampas cerca de localizacións nas que no pasado ano houbo niños de velutina.

-Desaconséllase totalmente o uso de troianos e outros métodos nos que se empreguen insecticidas, xa que acabarán no medio ambiente. “Non pode haber unha poboación de abellas sás nun medio ambiente contaminado”, subliñou Xesús Feás.

-Formación do persoal encargado da retirada dos niños (bombeiros, protección civil…etc). Román Cid advertiu de que na provincia de Ourense os bombeiros, en xeral, non están formados para retirar os niños, “co que moitos quedan a medio retirar e emprégase moito insecticida no proceso, que acaba contaminando o medio”. Neste sentido, destacou que no caso dos bombeiros de Celanova “grazas a que se formaron, son capaces de desactivar e retirar niños empregando un 80% menos de insecticida”.

-Necesidade de que a Vespa Velutina sexa declarada praga a nivel da Unión Europea para que as distintas administracións actúen de forma máis efectiva.

-Alimentación das colmeas: Débese coidar a alimentación das colmeas no outono e o inverno para que a raíña poña suficiente cría que lle permita a colmea estar forte na primavera. E durante o verán, cando maior é a presión das velutinas nos apiarios, débense protexer estes con sistemas como harpas eléctricas, e dar alimentación ás abellas dentro da colmea. E é que unha colmea forte afrontará moito mellor a presión da Vespa velutina

-Defensa da apis mellifera ibérica: Tamén se incidiu na necesidade de protexer a Apis Mellifera Ibérica, a autóctona e máis adaptada ao medio, fronte á importación de raíñas de razas doutras zonas xeográficas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información