Así se elabora o mellor tinto de Galicia en 2020

Antonio Núñez é o xerente da adega Petrón, situada en plena Ribeira Sacra. Con el coñecemos as claves para lograr a excelencia nos seus viños, como o Prómine Singular, seleccionado como mellor tinto galego

Publicidade
Así se elabora o mellor tinto de Galicia en 2020

Antonio Núñez é o xerente á fronte da Adega Petrón, que elabora o mellor tinto de Galicia en 2020.

Prómine Singular é actualmente o mellor viño tinto galego, logo de recibir esta distinción na última edición do certame Catas de Galicia, celebrado a finais do pasado ano. Este monovarietal de Mencía procede do corazón da Ribeira Sacra, elabórase na adega Petrón, situada na subzona de Amandi, en Doade, no concello de Sober (Lugo).

A excelencia das vides e o terroir, o apego á tradición nos coidados do viñedo e a supervisión experta son o segredo de Prómine Singular

“Puidemos facer un bo viño e tivemos a sorte de que nolo valorasen”, reflexiona Antonio Núñez, xerente da adega. A excelencia das vides e o terroir, o apego á tradición nos coidados do viñedo e a supervisión experta están detrás do éxito deste viño.

O Prómine Singular non foi o único viño desta adega recoñecido en 2020. Así, o seu Prómine Mencía, aínda que ámbolos dous son monovarietais desta uva, resultou distinguido co Acio de Ouro pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Vides-Adega-Petron-Ribeira-Sacra-Subzona-amandi-

Os viñedos da adega Petrón atópanse nas mellores parcelas da subzona de Amandi.

Anos de historia

A adega Petrón botou a andar no 2005 e os seus viños comezaron a comercializarse no 2015, porén detrás hai unha historia que se remonta a finais dos anos 80, cando plantaron as primeiras viñas nas ladeiras das montañas de Doade, na subzona de Amandi. Daquela, moitas desas parcelas que rematan a carón do río Sil, acusaban o minifundio característico de boa parte de Galicia.

“Fomos mercando pequenas leiras nas que ir plantando as viñas. Moitos din que os nosos viñedos se atopan nas mellores terras de Amandi, nós así o creemos tamén”, recoñece Núñez. Son viñedos asentados en terras solleiras e ventiladas. “As viñas teñen sol todo o día”, comenta.

Este ano plantarán outras 5 hectáreas de viñedo, de xeito que a adega contará cunhas 15 hectáreas dedicadas ó Mencía

Hoxe os seus viñedos abranguen unhas 10 hectáreas, logo do esforzo por ir concentrando a terra, o que lles permitiu en gran medida reducir o número de parcelas iniciais. Este ano teñen previsto plantar ademais outras 5 hectáreas de viñedo, desta vez nunha mesma parcela. Ultiman os detalles para no tempo realizar a plantación de novas cepas de Mencía. “Aquí estamos centrados no Mencía e imos continuar nesta liña”, detalla o xerente. Porén, tamén teñen unha mínima parte doutras variedades coma Garnacha ou Sousón, entre outras. Máis como indica Núñez, “é unha cantidade tan mínima o que temos doutras variedades que resulta insignificante na colleita”.

Tanto a orientación das parcelas como contar con cepas vellas son fundamentais para obter os viños de calidade que elaboran na adega. “Ter cepas con máis de 30 anos permítenos ter uvas de moita calidade, como coas que elaboramos o Prómine Singular. Son vides que teñen unha baixa produción, con poucos acios, pero excelentes”, valora. Así é que nestes viñedos máis especiais a produción por hectárea estará nos 1.000 quilos, fronte ós preto de 9.000 quilos que estimarían dende o Consello Regulador.

Cos novos viñedos agardan ter unha produción de preto de 100.000 quilos

Coa entrada en produción da nova parcela, na adega agardan acadar preto dos 100.000 quilos. Este ano, debido ás inclemencias meteorolóxicas e á incidencia do mildio tiveron unha produción de pouco máis de 40.000 botellas. “Afectounos moito os ataques de mildio e tamén sufrimos unha xeada que reduciu moito a colleita”, explican dende a adega.

Adega-Petron_Botellas

Nas parcelas máis especiais, a produción sitúase arredor dos 1.000 quilos por hectárea.

Cando a tradición marca o compás

Outra das claves para lograr a excelencia nos seus viños é o coidado que fan tanto do viñedo como das elaboracións na adega. Gustan de conservar ó máximo as prácticas tradicionais e as antigas ensinanzas e criterios para a elaboración do viño aínda marcan os pasos a seguir en moitas cuestións.

“Somos moi tradicionais e gústanos seguir a facer moitos procesos dun xeito case artesanal, como o facían antigamente. Nós seguimos mirando as lúas á hora de facer moitos traballos tanto no viñedo como na adega”, apunta Núñez. Así, teñen en conta a fase lunar para as trasfegas, evitando que coincidan coa lúa chea e tampouco podan as cepas nesta fase.

Teñen en conta a fase lunar á hora de afrontar traballos tanto nos viñedos, como a poda, ou na adega, á hora de realizar a trasfega do viño

“Nos nosos viñedos aínda continuamos limpándolle o pescozo ás cepas”, detalla Núñez. Con este proceso de limpeza manual, un traballo realizado coa legoña, eliminan as malas herbas situadas arredor da cepa, trazando un perímetro a modo de pescozo.

vides-bodega-petron-Rio-SIL-

O coidado das cepas ou a vendima nestas parcelas, cun gran desnivel, supón un importante esforzo.

A propia situación dos viñedos, moitos deles en parcelas en pendente, situadas en socalcos na ladeira da montaña, obríganos a incorporar sistemas como as tirolesas ou os raís para o traslado das uvas durante a vendima. Son todo un exemplo da viticultura heroica da Ribeira Sacra, onde nalgunhas parcelas o mero feito de salvar a pendente que teñen xa supón un gran esforzo.

“Non se valora  economicamente como debera o esforzo que supón producir viño na Ribeira Sacra e a calidade do viño que se logra”

“Aínda non se valora economicamente como debera a calidade dos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e o esforzo que supón lograr viños nestas condicións, en comparación coa viticultura en parcelas nas que se poden mecanizar a maior parte dos procesos”, reflexiona o xerente da adega Petrón. 

No día a día na adega traballan unhas 5 persoas e en época de vendima ou para traballos puntuais, como a poda, o cadro de persoal increméntase sobre 20 traballadores.

Promine_Mellor-tinto-2020_Adega-Petron_

Gama de viños elaborada pola adega Petrón.

Traballar pola excelencia

O Prómine Singular é o viño máis especial da adega. Xunto con el elaboran tamén un Prómine Xove, Prómine Barrica e o Prómine Rosado. “Comezamos a elaborar o viño rosado logo de que nolo pediran os nosos distribuidores. Vimos que había demanda e está a ter unha boa saída”, comenta.

Dende que decidiron dar o paso para comercializar os seus viños contan co asesoramento de Pablo Estévez, considerado como un dos mellores enólogos en España

Na adega, parte do éxito dos viños débese ó traballo e ás indicacións do enólogo Pablo Estévez, considerado por segundo ano consecutivo como o mellor enólogo de viños novos en España. “Comezamos a traballar con el dende o inicio da adega, cando decidimos comercializar os nosos viños e non podemos estar máis satisfeitos co seu traballo e resultados”, valora Núñez.

A maior parte da produción de viño que se elabora na adega Petrón, propiedade do Grupo Campo, distribúese no mercado galego. “Temos tamén algunhas vendas en cidades como Madrid, pero a maior parte do viño comercialízase con distribuidores galegos. A restauración é un dos principais destinos destes viños, polo que coas restricións sanitarias polo Covid-19 tamén se viu condicionada esta campaña.

“Polo momento, pese ós paróns e á baixada da demanda seguimos apostando por comercializar os nosos viños de xeito directo á hostalaría e restauración, no canto doutras canles de distribución como as grandes superficies comerciais”, concreta.

La bodega cuenta también con un destacado restaurante.

A adega conta tamén cun destacado restaurante.

Involucrados no enoturismo

Dende a apertura da adega, tiñan claro que querían apostar tamén polo potencial turístico da zona de Doade. Así, na adega tamén contan cun restaurante, que se converte ó mesmo tempo nunha canle para a comercialización dos seus viños. Ademais, habitualmente organizan visitas guiadas á adega nunha aposta clara polo enoturismo. “A Ribeira Sacra ten o potencial para ser considerada Patrimonio da Humanidade, nós agardamos que o logre e somos optimistas sobre o que iso pode supoñer para estas terras”, valora.

Así, pese á situación de crise, na adega miran con optimismo ó futuro, proba dilo é que estiveron a facer inversións como a compra de maquinaria e apeiros ademais de melloras nas instalacións.

2 ideas sobre “Así se elabora o mellor tinto de Galicia en 2020

  1. Rocío

    Sres, les informo que Doade(Sober), está en la provincia de Lugo, no en la de Orense.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información