Así se desaproveitan axudas públicas para o rural

Facemos balance de cinco liñas de subvencións que presentaron problemas na última campaña. O caso máis notorio é o dos apoios adicados a prevención de lumes, que adoitan resolverse tódolos anos na última parte do verán, cando xa non poden cumprir a función para a que se concederon. O sector forestal demanda unha mellor xestión

Así se desaproveitan axudas públicas para o rural

Monte veciñal do Viso, en Redondela, que sufriu un lume en agosto, antes de poder executar a axuda de prevención.

O episodio repítese tódolos anos. Montes veciñais que foron arrasados polos lumes do verán ós que lles chegan demasiado tarde as axudas para o mantemento de cortalumes ou para executar puntos de auga. O sector forestal culpa á Xunta de “neglixencia” e de “mala xestión” das subvencións para o monte. Desde Medio Rural advírtese da obrigatoriedade de cumprir con tódolos trámites administrativos pertinentes.

As críticas ó funcionamento das axudas para o monte chegan tanto de empresas do sector como de colectivos de propietarios forestais, caso da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), ligada a Unións Agrarias, ou da Organización Galega de Comunidades de Montes.

“Hai un desbaraxuste xeneralizado. Medio Rural ten que traballar por obxectivos e resolver as axudas en tempo” (Jacobo Feijoo, Asefoga)

“Hai un desbaraxuste xeneralizado nas subvencións forestais” -valora o responsable de Asefoga, Jacobo Feijoo.- “Non pode ser que axudas que se convocan en decembro se resolvan ó final do verán ou no outono do ano seguinte, en épocas nas que os traballos silvícolas e de prevención xa tiñan que estar feitos” -cuestiona-. “Medio Rural ten que traballar con prazos e por obxectivos, de xeito que as axudas se resolvan en tempo”, defende.

A mesma postura expresa a Organización Galega de Comunidades de Montes. “O grande problema das axudas é que non se estacionalizan. Retrásanse sempre e os traballos no monte fanse no tempo en que non se deberían facer” -resume o presidente da Organización, Xosé Alfredo Pereira.- “Que as autorizacións para executar as axudas de prevención cheguen a final de agosto ou en setembro é tirar cos cartos. Esas axudas non cumpren a función para a que foron pensadas. Poderiamos falar dunha especie de malversación de fondos públicos con apariencia de legalidade”.

“As axudas de prevención non cumpren a súa función. Hai un mal uso de cartos públicos con apariencia de legalidade” (Xosé Alfredo Pereira)

A Consellería do Medio Rural, pola súa banda, ten xustificado os retrasos nos trámites administrativos que está obrigada a cumprir, como a petición de documentación complementaria ós posibles beneficiarios ou as inspeccións sobre o terreo. Tamén ten sinalado a Consellería que o alto número de solicitantes e e as novidades que houbo que introducir o pasado ano pola implantación do Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020 dilataron o proceso.

Repasamos a continuación o funcionamento durante o último ano dalgunhas das liñas de axudas dirixidas ó monte, así como doutras subvencións para o rural, como as de conservación de espazos naturais ou as dirixidas a comunidades de regantes, que non se puideron executar pola falta de prazo para facer as obras.

1) Axudas para prevención de incendios forestais

Medio Rural resolveu a finais de xuño a liña de axudas para prevención de lumes, se ben as comunidades de montes non podían iniciar as actuacións ata que os axentes forestais supervisasen os proxectos sobre o terreo e desen o seu visto bo. En moitos casos, como en Arbo ou Redondela, o lume arrasou o monte antes de que chegaran os correspondentes permisos. Desde o sector lémbrase que os axentes teñen que concentrar no verán os seus esforzos nas tarefas de extinción, o que retrasa o resto do traballo.

Medio Rural xustifica os retrasos na obriga de cumprir con todos os trámites administrativos

A normativa autonómica prohíbe ademais executar traballos de prevención na época de alto risco de incendios, que comeza o 1 de xullo e se prolonga todo o verán. O perigo de que faíscas provocadas polas máquinas causen un incendio é alto, pero os beneficiarios das subvencións vense entre a espada e a parede, pois o pasado ano tiñan de prazo ata o 31 de outubro para xustificar a execución dos traballos.

“Ou metes as máquinas no monte no verán ou tes ó persoal traballando 24 horas ó día en outubro, e nin así darías rematado en tempo”, resumen fontes dunha empresa forestal. Esa situación levou a que as empresas iniciasen os traballos de prevención en pleno agosto. A consecuencia, as organizacións do sector teñen documentados varios incendios forestais que se iniciaron de xeito fortuíto durante a execución das actuacións para a prevención de lumes.

A execución de traballos de prevención no verán, en época de alto risco de lumes, provocou incendios fortuítos

Problemas con Patrimonio
Parte das accións de prevención quedaron ademais sen executar por outros problemas administrativos. En áreas afectadas por Patrimonio, as autorizacións da Consellería de Cultura non chegaron ata finais de outubro, días antes da finalización do prazo de execución das obras, co cal foi case imposible resolver esa parte dos traballos, segundo detalla unha empresa do sector.

“En ocasións concédense prórrogas, pero son parches que non solucionan o problema de fondo” -valora o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira-. “As axudas deben cumprir a función para a que foron concedidas e iso non está sendo así”.

Campaña 2017
Esta campaña, as subvencións para prevención volverónse convocar a finais de decembro do 2016, cun presuposto total de 4 millóns de euros. O sector forestal demanda unha resolución áxil das axudas para permitir que os traballos se poidan executar antes do verán. “Poderíase simplificar o proceso de solicitude, mantendo o seu rigor, para facer máis rápida a tramitación” -valora Jacobo Feijoo, de Asefoga.- “A cuestión é rematar coa maraña administrativa e coa neglixencia, actuando en tempo e forma”, conclúe.

2) Axudas para tratamentos silvícolas

A liña de subvencións dirixida a podas e rareos en piñeirais e masas de frondosas tiña de data límite para a execución dos traballos o 31 de decembro do 2016. Problema, en zonas afectadas por Patrimonio, a autorización para facer os traballos non chegou ata mediados de decembro. Houbo proxectos que quedaron sen executar e que se perderon, a pesar das prórrogas concedidas pola Administración, segundo sinalan fontes do sector.

Debate parlamentario
O caso concreto das axudas para tratamentos silvícolas debatiuse na última comisión de Agricultura do Parlamento. O BNG reprochoulle a Medio Rural que deixase máis de 3 millóns de euros sen repartir e cuestionou que boa parte das axudas solicitadas na provincia de Lugo fosen rexeitadas, en tanto que noutras provincias, coma Ourense, a porcentaxe de peticións denegadas foi moi inferior.

Nas axudas para silvicultura, denegáronse máis da metade das solicitudes, a pesar de que había fondos dispoñibles

A este respecto, o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, negou calquera irregularidade. Fernández Couto destacou que a Consellería ampliara o presuposto inicial previsto para as axudas de silvicultura, que pasou de 6 a 15 millóns de euros, polo alto número de solicitantes, un total de 1.029.

Deses 15 millóns de euros quedaron 3 millóns sen repartir porque unha gran maioría de proxectos non contou con informes técnicos favorables por parte dos axentes forestais, segundo o director xeral: “Das 1.019 solicitudes, finalmente só 444 tiveron axudas, cando había fondos presupostados para máis de 700”, detallou.

“Quedaron 3 millóns de euros sen repartir porque en moitos casos os proxectos non tiñan informes técnicos favorables” (Tomás Fernández Couto)

En canto ás diferenzas por provincias, Fernández Couto asegurou que non se facía ningún reparto provincial: “Pode que os solicitantes de Lugo tivesen unha menor experiencia á hora de pedir axudas públicas. Temos casos en que non se contestaron ós requerimentos de documentación que lles fixemos ou nos que os solicitantes tiñan débedas fiscais coa Administración”.

Valoracións do sector
Desde as organizacións de propietarios, achácanse as diferenzas por provincias ós distintos criterios que manexan os técnicos da Administración. “É imposible que unifiquen criterios e as tramitacións van por reino de taifas. O que se admitiría nunha provincia, rexéitase noutra, e o mesmo sucede a nivel de Distrito Forestal”, asegura Jacobo Feijoo.

“Outro problema é que as ordes non están adaptadas á realidade forestal e teñen erros e indefinicións por falta de interlocución co sector. Daí que moitas das axudas inicialmente aprobadas se anulen logo nas inspeccións previas. Tamén hai unha complexidade innecesaria que dilata os tempos de tramitación”, cuestiona o responsable de Asefoga.

3) Axudas para forestación

Na liña de axudas para forestación, que se convocou en decembro do 2015 e que se resolveu 11 meses despois, en novembro do 2016, a Xunta obrigou a xustificar parte dos traballos a 31 de decembro. A pesar do escaso tempo, as empresas si puideron cumprir coa obriga de rematar e xustificar as actuacións, rozas previas na maioría dos casos, polo que estímase que non houbo perda de axudas, pero novamente tívose que traballar a contrarreloxo.

“Os niveis de stress, de preocupación e de problemas financieiros que xera a neglixencia da Administración en propietarios e traballadores non é un problema menor” -subliña Jacobo Feijoo.- “Doutro lado, a nivel social non é o mesmo ter a 5 persoas e 1 tractor traballando todo o ano nun monte, co emprego estable e coidados permanentes que iso xeraría, que a 60 persoas e 12 tractores facendo os traballos nun mes”, cuestiona.

4) Axudas ligadas á Rede Natura

A Consellería de Medio Ambiente concedeu 8 días para a execución da anualidade 2016 nas axudas ligadas á Rede Natura. Tal prazo, considerado “irrisorio” polas entidades beneficiarias, obrigou a estas a renunciar á maioría dos proxectos para os que tiñan axudas. Quince colectivos da serra do Xurés, en Ourense, expresaron publicamente o seu malestar e pediron que a conselleira do ramo, Beatriz Mato, acudira ó parque natural a dar explicacións.

A concesión das axudas foille comunicada o 30 de novembro do 2016 ás entidades beneficiarias do Xurés (comunidades de regantes, asociacións de caza e pesca, etc.). O prazo para a execución dos traballos remataba o 13 de decembro, 8 días laborais despois.

5) Axudas para comunidades de regantes e asociacións de veciños e de mulleres rurais

As subvencións que convoca a Consellería de Presidencia para comunidades de regantes e asociacións de veciños e de mulleres rurais tiveron no 2016 un problema similar. Comunicóuselle ás entidades beneficiarias a concesión das axudas o 15 de outubro e déuselles de prazo ata o 31 dese mes para executar, xustificar e pagar os traballos. Consecuencia, a maioría tivo que renunciar ás axudas.

Ausencia de apoios para a ordenación de montes

As comunidades de montes veciñais e os propietarios particulares terán que xustificar no futuro que contan con plans de ordenación ou, no seu defecto, que se adhiren ós modelos selvícolas deseñados pola Xunta. A Administración esixirá a ordenación do monte para que comunidades veciñais e propietarios accedan a axudas públicas ligadas á selvicultura. Tamén haberá que xustificar a ordenación -ou a adhesión ós modelos selvícolas- para solicitar permisos de corta.

Estas circunstancias fan que o sector estea a agardar con impaciencia pola convocatoria de axudas para a ordenación de montes, que non saen desde a finalización do anterior Plan de Desenvolvemento Rural, no 2014. Os colectivos de propietarios forestais esperan que se volvan convocar de inmediato.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información