Así quedan finalmente as axudas do Goberno aos gandeiros de ovino e caprino

Así quedan finalmente as axudas do Goberno aos gandeiros de ovino e caprino

Ovellas de Nieves Fernández Vidueira en Viana do Bolo

O Consello de Ministros aprobou hoxe, a proposta do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, un Real Decreto polo que se establecen as bases das axudas estatais ás explotacións ovinas e caprinas que tiveron dificultades na comercialización de años e cabritos nos meses de marzo e abril, como consecuencia das limitacións derivadas polo estado de alarma fronte á COVID-19.

Estas subvencións, para o exercicio 2020, constitúen un complemento das axudas destinadas ao pago por ovella e cabra establecidas no Real Decreto 1075/2014 de axudas da Política Agraria Común (PAC). Por iso, para reducir as cargas administrativas, o feito de ser perceptor da axuda da PAC a estas producións fará que sexa automaticamente beneficiario da subvención.

As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos criterios que fixarán as comunidades autónomas, pero tomarase en conta a condición de novo agricultor.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación financiará estas axudas até un límite de 10 millóns de euros, con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado para 2020.

As autonomías poderán tamén achegar financiamento complementario, co límite de 25.000 euros por beneficiario en tres exercicios fiscais, de acordo co previsto sobre axudas «de minimis» no sector agrícola.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das axudas as persoas físicas ou xurídicas, ou entes sen personalidade xurídica, que presenten en 2020 a solicitude única e que sexan titulares dunha explotación inscrita no rexistro xeral de explotacións gandeiras (REGA).

En concreto, poderán optar a estas subvencións os titulares das explotacións de ovino cunha clasificación zootécnica de «reprodución para a produción de carne», «reprodución para a produción de leite» ou «reprodución para produción mixta» con máis de 50 femias reprodutoras.

Tamén poderán solicitar estas axudas os titulares de explotacións de caprino cunha clasificación zootécnica de «reprodución para a produción de carne», «reprodución para a produción de leite» ou «reprodución para produción mixta? con máis de 30 femias reprodutoras conforme á última declaración censal obrigatoria.

Porén, as autoridades competentes das comunidades autónomas poderán rebaixar o límite inferior de máis de 50 ou 30 femias reprodutoras no caso de que o seu censo de ovino ou caprino, respectivamente, sexa inferior ao 2 % respecto do censo nacional.

En canto ao número de animais con dereito a axuda, consideraranse “femias elixibles” aquelas ovellas e cabras mantidas como reprodutoras que estean correctamente identificadas e rexistradas a data 1 de xaneiro de 2020 e cuxa produción de añose cabritos viuse afectada pola situación creada entre o 14 de marzo e o 30 de abril.

A axuda concederase ao número de ovellas e cabras elixibles, cun máximo de 100 animais por beneficiario e unha subvención máxima por animal de 12 euros. A autoridade competente da comunidade autónoma calculará, a partir da información contida no Sistema Integral de Trazabilidade Animal (SITRAN), o número de animais con dereito a axuda dos beneficiarios, podendo establecer os controis que considere necesarios.

A tramitación, resolución, xustificación, pago e control das axudas corresponderá ás comunidades autónomas, que se encargarán tamén de publicar as correspondentes convocatorias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información