Así queda a norma de benestar animal: elimínase a obriga de acceso do gando ó exterior

O plan sanitario integral das granxas pasa a ser voluntario, igual que o veterinario de explotación, se ben mantense a obriga de definir un Sistema de Xestión Integral de Explotacións Bovinas

Así queda a norma de benestar animal: elimínase a obriga de acceso do gando ó exterior

Xovencas no exterior. / Arquivo.

O Ministerio de Agricultura vén de publicar o Real Decreto 1307/2024, que modifica unha serie de normativas sobre benestar, sanidade animal e identificación do gando. A nova regulación, que busca dar resposta ás demandas do agro, incorpora cambios sustanciais. Unha das modificacións agardadas polo agro é a eliminación da obriga de abrir un acceso do gando ó exterior das instalacións (patios ou similares).

No 2022, o Real Decreto 1053/2022 establecía que os animais debían poder pasar parte do tempo no exterior, para o que se instaba a deseñar as instalacións gandeiras con inclusión de patios cubertos ou espazos exteriores similares.

Cos cambios agora introducidos, a normativa limítase a indicar que nas instalacións debe garantirse “o confort térmico e a protección (dos animais) fronte ás inclemencias do tempo”. Tamén se especifica que o gando debe dispoñer de “espazo que lle permita moverse libremente” e que as concentracións ambientais de gases e polvo deben ser similares ás do exterior.

Cubículos
A nova regulación fai tamén precisións sobre os cubículos de aloxamento do gando: “Deben existir polo menos tantos cubículos como número de animais aloxados”. E mantense a obriga de ter prazas de alimentación polo menos en igual número ós animais aloxados, para evitar situacións de estrés, salvo que haxa alimentación a libre disposición (ad libitum).

Descargas eléctricas
Os dispositivos e ferramentas que lle dean descargas eléctricas ós animais prohíbense con carácter xeral, pero continúan permitidos os cercados eléctricos tradicionais, así como os cercados virtuais, estes últimos con supervisión veterinaria.

Identificación e rexistro do gando
A regulación publicada este martes modifica tamén a normativa sobre identificación e rexistro de gando, modificando o Real Decreto 787/2023. Un dos principais cambios é o xa anunciado o pasado luns: a identificación electrónica dos animais pasa a ser obrigatoria en todos os animais nados a partir do 25 de xuño do 2025.

Elimínase a obriga do veterinario de explotación
Outro cambio, xa anunciado, é a eliminación da obrigatoriedade de nomear un veterinario de explotación, que sexa responsable do plan sanitario integral.

O plan sanitario integral pasa a ser voluntario
Nun comunicado de prensa do Ministerio do pasado luns, aludíase á obrigatoriedade do plan sanitario integral de explotacións, se ben o texto do Boletín Oficial del Estado, que modifica o Real decreto 364/2023, chegou con sorpresa e pasa a determinar que o plan sanitario integral de explotacións será voluntario.

Sistema Integral de Xestión de Explotacións Bovinas

A obriga de contar cun Sistema Integral de Xestión de Explotacións Bovinas entrará en vigor o 1 de xuño do 2025 para tódalas ganderías con máis de 20 unidades de gando maior.

O principal cambio para este Sistema son os xa mencionados da voluntariedade do veterinario de explotación e da voluntariedade do plan sanitario integral. Sen embargo, mantéñense o resto de obrigas:

  • Plan de benestar animal
  • Plan de xestión ambiental, con medidas para a optimización do consumo de auga e enerxía, para o control de ruídos, po e olores.
  • Plan de xestión de residuos
  • Plan de produción e xestión do esterco. Terá que incluír un cálculo da produción anual de esterco e unha descripción da xestión prevista (valorización agronómica e outras vías de xestión, se as houbese). Tamén se terá que precisar a superficie de solo agrícola e forestal dispoñible para a aplicación, con identificación das parcelas destinatarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información