Así lles está afectando a suba do penso ás granxas de vacún de leite: “O peor está por chegar”

Producir leite neste momento é arredor dun 15% máis caro que fai un ano. Os custos de produción das explotacións estanse a disparar por subas como a da luz ou o gasóleo, pero, sobre todo, polo encarecemento de materias primas como a colza, a soia ou os cereais, que non deixan de subir e que están incrementar até un 30% os custos de alimentar o gando

NOVOA SC (Taboada) carro mesturador Aira2As ganderías de leite traballaron ao ritmo normal durante a pandemia de coronavirus, sen notar a crise que afectaba de cheo a outros sectores, pero os efectos post-covid estanse a deixar sentir de maneira importante neste momento en forma de suba desmesurada dos custos de produción e conxelación do prezo de venda do leite. Ultimamente estase a falar moito da suba do recibo da luz ou do repunte dos combustibles pero o maior impacto sobre a conta de resultados das granxas estao a ter o encarecemento do concentrado.

A escalada de prezos das materias primas, que comezou hai un ano, semella non deterse polo momento e comeza a afectar de cheo aos fabricantes de concentrados e ás explotacións gandeiras, que até agora puideron ir amortiguando algo a suba grazas a contratos pechados a longo prazo.

Alimentar o gando supón máis da metade dos gastos nunha gandería

Pero o incremento da alimentación do gando, o maior dos custos de produción das granxas, podería chegar a dispararse nalgúns casos até o 30% de cara ao vindeiro ano, o que botaría por terra o difícil equilibrio de rendibilidade co que traballan os produtores de leite, cuns prezos de venda en orixe que non están a incrementarse na mesma medida, malia tímidas subas anunciadas por algunhas industrias. Falamos con distintas ganderías para coñecer como están a afrontar a situación e poñer cifras concretas ao que supón nunha granxa o encarecemento das materias primas.

As subas da luz ou do gasóleo teñen menor impacto que os concentrados sobre o total dos custos de produción das explotacións

Aínda que o impacto da suba dos concentrados está a ser xeralizado, non está a afectar de igual xeito a todas as explotacións, dependendo da capacidade forraxeira de cada unha, un factor determinante que condiciona a necesidade de compra de insumos e a cantidade de soia, colza ou fariña de millo empregada na ración, pero de media estariamos falando de encarecementos neste momento de entre 1 e 2,5 céntimos por litro de leite, e con augurios de mesmo dobrarse ese sobrecusto de cara ao vindeiro ano.

“Cando se vai notar moitísimo é para o ano que vén, porque para este tiñamos pechado prezo ata xullo”

Alonso cos seus pais: Rufina e Cándido

Alonso cos seus pais, Rufina e Cándido, na explotación familiar da Baña

A maioría de explotacións leiteiras, sobre todo as de maior tamaño, mercan as materias primas, ben directamente, ben a través de provedores, pero con contratos pechados a un ano ou a varios meses vista, para asegurarse deste xeito un prezo estable que lles permita traballar con certas garantías e sen depender dos vaivéns do mercado. É a estratexia que segue Granxa Pexegueiros, unha gandería con 130 vacas en muxidura ubicada no concello coruñés da Baña.

“Nós traballamos con materias primas pechadas a un ano. A colza mercámola a través de CAP Coruña e o núcleo a base de fariña de millo sírvenolo Progando”, explica Alonso Iglesias. Por iso, conta, “ata agora non notamos moito a suba porque tiñamos pechado prezo ata xullo, pero cando se vai notar moitísimo é para o ano que vén, porque a maioría de empresas ademais non teñen nada pechado e están comprando ao día”, di.

Granxa Pexegueiros paga uns 2.000 euros a maiores ao mes pola suba da colza e a fariña de millo

Granxa Pexegueiros gasta unha cisterna ao mes de colza (unhas 25 toneladas) e unhas 28 de penso (800 kg diarios nas vacas en produción en 100 na recría). No seu caso, a suba das materias primas supón uns 2.000 euros ao mes a maiores. “O penso xa subiu 20€/tonelada pero vai seguir subindo moito máis a medida que avance o ano porque a fariña de millo hai un ano estaba a 170€ a tonelada e agora está a 270, subiu 100€, e a colza vaise encarecer no noso caso entre 40 e 50€ a partir de agora”, indica.

“Estamos xa por enriba de 2,5 céntimos en litro neste momento pero chegará a 4 céntimos de seguir subindo así cara a final de ano”

Juanjo nas instalacións da gandería en Alfoz

Juanjo, nas instalacións da gandería en Alfoz xunto ao seu fillo e a dous empregados

Juanjo Fraga xestiona a maior gandeiría de leite da Mariña, con 520 produtoras en total repartidas en dúas granxas, unha ubicada na parroquia de Lagoa, en Alfoz, onde prepara a ración diaria con carro mesturador propio cos ensilados que fai na explotación e o concentrado que fabrica Irmandiños na Devesa, e outra en Arante, en Ribadeo, logo de adquirir Nar Xosé, onde segue mantendo o sistema de mestura húmida que lle sirve o CAVI de Vilamartín.

Pero a pesar de traballar con sistemas distintos, di, “os números do que nos supón a suba na alimentación do gando saen moi similares nas dúas granxas, porque os custos de materia prima veñen igual, xa que o provedor é o mesmo, Clun nos dous casos, e o concentrado hai que metelo igualmente na mestura húmida ou no carro que fas ti”, argumenta.

Clun tardou en subir pero foise notando a medida que os contratos a prezo fixo foron caducando

“A alimentación no noso caso supón o 60% do custo total de produción nos dous sistemas e hai pouca diferenza en como nos están a repercutir as subas nunha e noutra granxa. Traballamos tan axustado que céntimos ou medios céntimos de subida dos custos xa nos supón moitísimo en canto a rendibilidade das explotacións”, recoñece.

Segundo os cálculos que fai Juanjo, en base a analizar os datos reais das dúas granxas que xestiona, “estamos nun sobrecusto de 2,5 céntimos en litro neste momento a respecto do ano pasado, pero chegará a 4 céntimos cara a final de ano de seguir subindo así”, di.

“Coa suba da colza a nosa ración vai pasar de 6 euros por vaca e día a 6,5”

Traballos de ensilado de forraxe nas instalacións de Ganxabar en Mazaricos

Traballos de ensilado de forraxe nas instalacións de Ganxabar en Mazaricos

Ganxabar xestiona a alimentación en conxunto de 1.700 vacas en produción diariamente e case 3.000 cabezas totais contando recría e vacas secas, de 6 explotacións leiteiras da comarca de Xallas e A Barcala. Desde o comezo apostaron pola autosuficiencia forraxeira como estratexia e é en momentos de prezos altos das materias primas coma este nos que esa decisión se ve recompensada.

“Foi algo que nos plantexamos desde o inicio, garantizar a forraxe incrementando a superficie agraria á par que o número de cabezas de gando e dispoñer sempre dun excedente de millo para facer gran húmido. Por iso no noso caso a suba aféctanos menos, pero nas explotacións que teñan que mercar os cereais a suba na alimentación será do dobre, en vez do 15% o 30%”, calcula Adrián Cundíns.

A suba a nós aféctanos menos porque facemos gran húmido de millo e iso permítenos aforrar nos cereais, o incremento só o notamos na colza porque somos capaces de suplir o resto

En función do rendemento da forraxe deste ano, a ración de Ganxabar ten un custo de entre 5,95 e 6 € por vaca e día. “Ata agora a suba só nos afectou nunha porcentaxe pequena da colza porque tiñamos prezo pechado para todo este ano e só o notamos na que mercamos a maiores, pero de cara ao ano que vén o custo da ración podería dispararse a 6,45 ou 6,5 euros só coa suba da colza, porque as propostas que temos para 2022 veñen cun incremento do 45% no prezo con respecto ao que temos este ano”, explica.

A colza supón na ración de Ganxabar un terzo do concentrado e as propostas que teñen para 2022 fixan unha suba do 45% a respecto deste ano

Iso suporía un encarecemento no custo total da alimentación do 10% só coa suba do 45% na colza, ao que habería que engadir un 5% máis de suba total que suporía o incremento do 60% dos cereais (fariña de millo, trigo ou cebada) que leva o núcleo onde mesturan os minerais. A ración que fai Ganxabar nas súas intalacións de Grille, en Mazaricos, contén en total 12 kg de concentrado: 4 son de colza, 4 de gran húmido de millo e os outros 4 formados por un núcleo premix de colza e cereais e onde se engaden os correctores, minerais e aditivos da ración.

A suba da colza (do 45%) suporía un 10% de incremento nos custos totais de alimentación, ao que habería que engadir outro 5% que representaría a suba dos cereais (fariña de millo, trigo ou cebada, que se encareceron un 60%)

A escalada de prezos das materias primas está a ser xeralizada, con subas do 30% na soia, o 45% na colza ou o 60% en cereais como o trigo ou o millo, que pasou de custar 170 euros a tonelada o ano pasado a 270 na actualidade. O efecto contaxio acaba arrastrando ademais a outras materias primas, como é o caso doutras proteoxinosas como a alfalfa ou a veza, que se viron influenciadas á alza pola suba da colza e a soia pese a ter habido unha boa colleita en Castela este ano.

O encarecemento da soia e a colza arrastrou a outras proteoxinosas como a alfalfa e a veza a pesar de que foi un bo ano de colleita en Castela

A maioría das explotacións galegas son dependentes do aporte proteico de produtos como a soia ou a colza para elaborar as súas racións, así como da enerxía que conteñen os cereais e que nalgúns casos están a ser substituídos en parte por subprodutos máis baratos, procedentes da industria alimentaria, como a pulpa de remolacha ou o bagazo de cervexa.

Ganxabar tamén está a estudar distintas alternativas para tratar de paliar a suba da colza que usa. “Nós temos as forraxes e o gran húmido garantidos, pero non podemos meter subprodutos porque a vaca ten a capacidade de comer que ten, pero estamos barallando cambiar a colza, que ten un aporte proteico do 30%, por soia, que pode chegar ao 47% de capacidade proteica, porque é proteína máis concentrada e iso permíteche meter máis forraxe propia na mestura ou forraxe de algo menor calidade. Ata agora soia empregabamos moi pouca, só na recría pequena”, explica Adrián.

“Fabricamos nós e axustamos o máximo posible, pero hai uns custos que hai que imputar, non queda máis remedio”

Manuel, xunto aos outros dous socios de SAT O Chope

Manuel, xunto aos outros dous socios de SAT O Chope

SAT O Chope, de Silleda, fabrica os seus propios pensos a través da cooperativa Proporsi, creada en 1986. “Somos 5 socios e fabricamos nós directamente tanto para nós como para outras ganderías de vacún e porcino, en total servimos a 70 clientes”, explica Manuel Iglesias.

A suba de 35€ en tonelada supón para SAT O Chope 1.500 euros máis ao mes

Non depender de terceiros permitiu a esta explotación, con 200 vacas en produción e muxido robotizado, que gasta unhas 45 toneladas de penso ao mes, minimizar a suba, aínda que non tiveron máis remedio que axustar os prezos do concentrado á alza á medida que se ía encarecendo a compra de materias primas en orixe. “Axustamos o máximo posible, pero hai uns custos que ao final hai que imputar, non queda máis remedio”, recoñece. Neste caso a suba foi de 35€/tonelada, o que supón a SAT O Chope 1.500 euros máis ao mes.

“Botar as vacas a pacer permíteme amortiguar os custos de produción porque non dependes tanto do penso”

O encarecemento das materias primas está a afectar a todas as granxas, aínda que o seu impacto é diferente en función do tamaño e o modelo da explotación. As ganderías pequenas e que manteñen o gando en pastoreo son as que mellor están a amortiguar a suba das materias primas. 

Rafael Méndez de Ganadería Artoño SC, de Agolada, ten unha explotación de tamaño medio, con 62 cabezas e 70 hectáreas de terreo. A abundancia de superficie agraria permítelle apostar polo pasto como xeito de abaratar a alimentación do gando.

A suba do penso notámolo todos, pero o impacto é moi distinto nunhas ganderías e noutras porque depende moito dos quilos que lles deas

“A suba do penso nótase pero depende moito do que lles deas, claro. Eu bótoas a pacer e doulles entre 7 e 8 quilos de penso. Sírvemo Hermanos Penas de Arzúa e subiume 4 céntimos por kg do ano pasado a este ano. Ao dispoñer de terreo e poder telas en pastoreo permíteme amortiguar os custos de produción porque non dependes tanto do penso. O impacto da suba das materias primas é moi diferente nunha explotación pequena coma a miña ou nunha grande moito máis intensiva”, considera Rafael.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información