Así evolucionan as vendas de viños a Estados Unidos, o principal importador mundial

Publicidade
Así evolucionan as vendas de viños a Estados Unidos, o principal importador mundial

Presciptores de Estados Unidos nunha visita ao Consello Regulador da DO. Rías Baixas

Estados Unidos é o primeiro mercado exterior para os viños galegos e españois. De feito, é o país de maior consumo mundial, con ao redor do 14% do total mundial, un mercado clave para España, líder produtor a nivel internacional pero tamén o primeiro exportador mundial de viños, cunha cota de preto do 20% do total.

Para Galicia o mercado estadounidense tamén é, xunto con Gran Bretaña, o principal destino das súas exportacións de viños. Sirva como exemplo que na campaña 2018-2019, a Denominación de Orixe Rías Baixas exportou 2,3 millóns de litros a Estados Unidos, unha cifra que supón o 29,04% do total das súas vendas ao exterior.

Porén, este mercado estratéxico para España e para Galicia sofre nos últimos meses unha tormenta perfecta, pois ás tendencias de forte competencia doutros países, únense os aranceis de Trump en vigor desde o pasado mes de outubro, e que supoñen un gravame do 25% do valor e a crise que provocou o coronavirus COVID19.

Como está a afectar esta situación ás importacións de viño a Estados Unidos? O Observatorio Español del Mercado del Vino ( OeMV) acaba de publicar un informe no que analiza os últimos datos sobre a evolución do comercio co mercado estadounidense.

Estados Unidos incrementa as compras de viño a granel, máis barato

IMPORTACION VIÑOS ESTADOS UNIDOS VALOR 2020

A súa conclusión é que nestes 10 últimos meses as importacións globais de viño en EEUU mantivéronse cun lixeiro incremento do 1,5% en volume (15 millóns de litros) fronte a igual período do ano anterior, pero a uns prezos en dólares substancialmente inferiores, que xeraron unha caída da factura do 10,6% equivalente a 551 millóns de dólares, regresando a niveis de importación de 2017.

“Máis ou menos o mesmo viño importado, pero moito máis barato, basicamente porque o produtor máis afectado é Francia, cun posicionamento de prezos máis elevado, e porque se cambiaron unha cantidade importante de viños envasados non espumosos por viños importados a granel”, explican.

Segundo o informe do OeMV os viños principalmente afectados polas novas tarifas, son, con claridade, os envasados non espumosos, que mostran unha clara fenda na súa evolución no mercado norteamericano. Dos 551 millóns de dólares que se perden nestes 10 meses, 477 millóns de dólares son por menores vendas deste tipo de viños.

O pequeno aumento de 15 millóns de litros do total de viños, conséguese no mercado a pesar da redución de 20 millóns de litros en viños envasados, que se compensan, en volume, cun aumento de 38,4 millóns de litros en viños a granel, cuxas vendas están a aumentar de forma sensible desde marzo de 2019.

IMPORTACION VIÑOS ESTADOS UNIDOS VOLUME 2020

E non son só os países de prezos inferiores os que máis as aumentan. En termos absolutos, nos últimos 10 meses estes 38 millóns de litros de crecemento do granel en EEUU débense ao incremento de 16 millóns por parte de Canadá, principal provedor, e a 32 millóns de litros que aumentan as vendas de viños a granel chilenos ao mercado.

Pero, en termos relativos, son Francia e Alemaña – os dous países máis afectado polos novos aranceis – os que están a aumentar máis rapidamente. O primeiro, Francia, cun crecemento nestes 10 meses do 228%, máis que triplica as súas vendas a granel a EEUU, desde os apenas 2,3 millóns de litros aos máis de 7,4 millóns. Alemaña, dobra neste período as súas escasas exportacións de granel de 62.000 a 123.000 litros, mentres España – principal exportador de granel do mundo – non participa apenas deste mercado e diminúe as súas vendas de granel a EEUU un 6% nestes 10 meses.

As exportacións de viños de España a Estados Unidos baixan un 10% en valor no que vai de 2020

En canto ao efecto sobre as importacións de viños envasados a perda é substanciosa, particularmente en valor e protagonizada por Francia. Dos 477 millóns de dólares que se perden nos últimos 10 meses, posiblemente polo efecto combinado de aranceis e pandemia, Francia protagoniza a perdida de case 400 millóns de dólares, equivalentes a un 33,5% das súas vendas no mesmo período do ano anterior.

Unha porcentaxe moi similar – un terzo – ao que perde Alemaña (33,8%) e moi superior ao das perdas dos viños envasados españois neste mercado que é de 22,6 millóns de dólares equivalentes ao 10,4%. Caen tamén as vendas de Arxentina, Chile e Grecia e practicamente desaparecen (-95%) as que viñan realizando desde Reino Unido.

“A consecuencia, en termos de cotas de mercado de viños envasados no mercado norteamericano, resulta arrepiante por tratarse dun período de tempo relativamente pequeno”, advirten desde o Observatorio Español del Mercado del Vino.

 “Francia é o país que sae peor prexudicado nas vendas de viños a Estados Unidos, mentres que Italia e Nova Zelandia saen beneficiadas”

E é que en tan só 10 meses, desde outubro do 2019 a agosto do 2020, Francia perde 6 puntos porcentuais, pasando dunha cota do 30,6% ao 24,6% deste tipo de viños, Alemaña perde apenas 0,4 puntos ata quedar no 1,6% do total e, con todo, España, cuxas vendas caen pero menos que a media do mercado, gana lixeiramente, 0,1 puntos, ata situarse no 5,7% de cota de viños envasados en EEUU.

A máis beneficiada, neste caso e con certa claridade, é Italia que pasa nestes 10 meses do 31,7% ao 35,8% de cota, con ganancia de máis de 4 puntos. En menor medida, Nova Zelandia, terceiro maior provedor xa de viños envasados a EEUU, gana máis dun punto e sitúase cunha cota de case o 10% do total e vendas nos últimos 12 meses de máis de 400 millóns de US$.

“En definitiva, nun mercado, o norteamericano, que cae con forza en valoren os últimos meses, posiblemente tanto polo efecto dos novos aranceis como pola COVID, Francia e Alemaña derrúbanse, España perde pero lixeiramente e menos que a media do mercado en valor e Italia sae beneficiada,non moito en termos absolutos, pero si con ganancia importante de cota de mercado. E gañan os envasadores de viños en EEUU que importan a granel para sortear aranceis maiores e distribuír posteriormente no mercado”, conclúen desde o OeMV.

IMPORTACION VIÑOS ESTADOS UNIDOS PAISES 2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información