
Máis dunha semana levan un grupo de gandeiros e agricultores concentrados ante a Subdelegación do Goberno en Ourense. Convocados pola Asociación do Sector Primario de Galicia (ASPG), protestan polo inminente acordo comercial entre a UE e MERCOSUR, o exceso de burocracia nas explotacións ou a xestión sanitaria e fitosanitaria. E tamén reclaman reformas e melloras na PAC.
Paralelamente, hai concentracións de tractores e maquinaria agrícola en Xinzo de Limia e Maceda cos vehículos dispostos a intensificar as protestas a medida que se achegue a data da sinatura do acordo comercial, prevista para o 12 de xaneiro.
Pero, máis aló desas demandas e obxectivos comúns, quixemos falar coas persoas convocadas para coñecer de primeira man os motivos concretos que os levan a acudir ás protestas e como repercuten no día a día das súas explotacións todos estes problemas que levan tempo denunciando. Especialmente no caso dos máis novos, que ven en risco todo o seu futuro.
Ismael González. Maceda

Ismael, de 19 anos, quere seguir producindo castañas en Maceda
Por que estás participando nesta protesta?
Porque vexo que cada día se nos poñen máis trabas para producir e competir. Eu teño 19 anos e tiña claro que quería dedicarme á produción de castañas. Na miña casa sempre houbo gando e castiñeiros e a miña intención era a de profesionalizarme no cultivo. Pero cada vez véxoo máis difícil e xa hai quen me di que é mellor que o deixe.
Como vives no teu caso os problemas que aquí se denuncian?
Este ano fixen unha inversión bastante elevada para mercar unha máquina de recollida de castañas que facilite o traballo e permita ampliar a produción. E xa decidira plantar máis castiñeiros. Todo eso supón un esforzo económico e burocrático e moitas horas de traballo. Non sei se pagará a pena.
Se non hai cambios, o campo será un pasatempo e non un medio de vida e de produción
No caso de xente tan nova coma ti, vedes que non hai futuro, que non poderedes ser profesionais do campo?
Na miña zona e noutras de Ourense apenas hai xente nova no campo. E, ás veces, semella que non queren que a haxa. Todo son papeleos e apenas hai axuda técnica. Eu sigo querendo dedicarme á castaña, pero vexo que non hai máis ca complicacións. Semella que no canto de axudar a que a xente nova se incorpore, o que buscan é dificultarlles o acceso.
Cres que haberá algún avance logo das vosas protestas?
Está difícil. Polo de agora só vemos palabras e non feitos. O que está claro é que, se non se melloran as condicións dos produtores e non se corrixen situacións que non teñen sentido, acabaremos por ter os cultivos e o gando como un pasatempo e non como un medio de vida. E teremos que traballar noutro sector.
Antía Pérez Matías. Montederramo

Para Antía, de 21 anos, é fundamental que a xente nova manteña a ilusión no campo
Que motivou que esteas nesta concentración?
Eu son dunha familia de gandeiros. Teño 21 anos e estudo Enxeñería Técnica Agrícola en Lugo. Precisamente fago esa carreira para poder profesionalizar a explotación da casa e dedicarme a ela o día de mañá. Eu téñoo claro. Pero semella que non vai ser tan doado para min nin para outras persoas mozas, por moita vontade que lle poñamos.
Levades aquí unha semana e non se percibiron grandes avances respecto das principais queixas. Paga a pena todo esto?
Por suposto que si. Todo esto e todo o que fagamos para defender o medio de vida de milleiros de familias e o futuro dos máis novos que queremos dedicarnos ao sector primario. Eu son optimista. Ou, polo menos, loitadora. E creo que, se facemos todo o que estea na nosa man sen perder a ilusión, teremos un futuro.
A xente das cidades debera ter claro que non só defendemos o noso sector. Defendemos a toda a sociedade
Cales son os principais problemas que detectas ti no día a día?
Nós temos unha explotación de carne de vacún. Pero ás veces da a sensación de que realmente temos unha oficina; polo número de horas que temos que dedicar a facer papeleos. Un tempo que debera dedicarse a manexar o gando e os pastos. Por non falar das voltas que nos fan dar para calquera movemento ou acción relativa á granxa.
No tempo que levades aquí, notastes o apoio dos veciños da cidade de Ourense?
Ben…hai de todo. Pero, máis aló de que expresen o seu apoio ou non, creo que deberían ter claro que non só estamos defendendo o noso sector. Estamos defendendo a toda a sociedade. A xente das cidades debería reflexionar sobre onde se producen os alimentos que consume e en que condicións. Que non é o mesmo unha vaca criada no pasto que unha cebada con pensos de cereais transxénicos, por exemplo.
Elías Gómez. Montederramo

O impacto do acordo UE-MERCOSUR preocupa especialmente a Elías
Como estás a vivir estas protestas? Por que cres que son necesarias?
O tratado co MERCOSUR afecta a toda a poboación. Eu vivía na cidade e, hai 9 anos, decidín instalarme en Montederramo para ser gandeiro. Así que coñezo ben o mundo urbano e o mundo rural. E por eso sei que primeiro ímolo pasar mal os produtores pero co tempo tamén os consumidores se van ver afectados. Ese tratado é moi danoso.
Outra reivindicación é a xestión sanitaria da EHE ou a dermatose nodular. Notas no teu caso os efectos desa xestión?
Os que temos as vacas en sistemas extensivos estamos moi expostos. A dermatose aínda non chegou pero temos claro que chegará na primavera. Creo que habería que tomar medidas drásticas para erradicar estas doenzas canto antes. Por moi radicais que sexan esas medidas.
O acordo co MERCOSUR non só o imos padecer os produtores. Tamén os consumidores
Aquí estades agricultores e gandeiros de actividade e dimensión moi diferente. Tedes claros os obxectivos comúns?
Hai problemáticas específicas polas que estamos a protestar e só afectan a un sector. Por exemplo a xestión sanitaria do vacún. Pero aspectos como o acordo co MERCOSUR ou o exceso de burocracia e a imposibilidade en moitos casos de acceder a axudas son aspectos comúns e dunha gravidade tal que xustifica a nosa unidade.
Estades a sentir o apoio da rúa no tempo que levades aquí?
A recollida de sinaturas en apoio das nosas demandas vai por bon camiño e sempre hai xente que se achega a darnos ánimos. Mais boto de menos unha concienciación clara do que realmente pode pasar con todo esto. E tamén vería necesario que o que nós estamos a facer se espallara polo resto de España.
Modesto Díaz. A Limia

A maquinaria está lista en Xinzo para intensificar as mobilizacións
A produción de pataca é clave na vosa comarca. Como lle afecta todo o que aquí denunciades?
Os pataqueiros levamos anos padecendo a entrada de pataca francesa a uns prezos por baixo de custo. Incluso a 10 ou 12 céntimos o quilo. Así non podemos competir e tememos que o acordo co MERCOSUR meterá aínda máis pataca de baixo prezo e baixa calidade. O consumidor ten que sabelo.
Que se pode facer ademais de protestar?
Na Limia e no resto de Galicia temos a vantaxe de que a pataca é de alta calidade. De non ser así, pola nosa situación xeográfica de illamento, o cultivo tería desaparecido. Temos que poñer aínda máis en valor esa alta calidade. E para eso precisamos que haxa información e que as regras de mercado sexan iguais para todos. Como non se están a cumprir eses parámetros, por eso estamos aquí.
Non nos opoñemos á libre competencia. Pero as regras de xogo teñen que ser exactamente as mesmas para todos
Facedes divulgación entre os veciños de Ourense que se achegan á concentración?
Si. Hai moita xente que pregunta. E percibimos moita falta de información. Cando explicamos o que pode supoñer o acordo co MERCOSUR, a xente alucina. Pero non se vai concienciar se temos que ser nós os que vaiamos un por un explicando o que vai pasar.
A Limia non escapa ao abandono rural, que é outro dos puntos nos que poñedes o acento…
Cada vez hai menos cabezas de gando e menos produción agrícola en España. Porque a xente abandona as explotacións. Un xeito de frear o abandono sería competir en igualdade. Non pode ser que os pataqueiros da Limia teñamos prohibido o uso da maioría de fitosanitarios e que estea a entrar en Galicia pataca na que se empregan todas as sustancias prohibidas pola UE. O mercado ten que ser libre, pero as regras teñen que ser as mesmas para todos.
Só o incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria xa xustifica as protestas. Pero hai moitas outras cuestións graves
Amador Díaz leva toda a súa traxectoria profesional vencellada ao cultivo da pataca. Como empresario sempre e nalgún tempo como presidente da asociación de produtores na Limia. Agora, tamén como alcalde de Xinzo analiza todo o que está a suceder e as reclamacións dos seus veciños e outros produtores ourensáns.
Os tractores levan días concentrados na zona do Toural en Xinzo. Como se está a vivir a protesta?
O certo é que, máis aló desa concentración de tractores e maquinaria e dun pequeno desfile que se fixo pola vila, non houbo moita actividade. O máis gordo está en Ourense, onde se mantén a concentración na subdelegación do goberno. De momento non se albiscan grandes movementos ata o día 12, cando está prevista a sinatura do acordo co MERCOSUR. Xa veremos.
Tamén hai que ter en conta que estas protestas foron un pouco improvisadas e sen unha estrutura clara polo que hai un certo compoñente de incerteza e descoordinación. Vemos que en Europa hai movementos cada vez máis fortes e cabe supoñer que chegarán tamén a toda España.
Como alcalde e como empresario compartirá as demandas expostas nas protestas…
Só o incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria xa xustificaría que haxa mobilizacións. Vender por baixo dos custos de produción é algo intolerable e estase dando a diario. O exceso de burocratización da PAC e a redución da súa contía tamén son algo negativo para os produtores.

Amador Díaz apunta á vontade política como solución a boa parte das demandas
Sen esquecer que están a introducir na UE produtos que non cumpren nin un só dos requisitos sanitarios, burocráticos e de trazabilidade que si se lle esixen a gandeiros e agricultores europeos. Todas estas cuestións poderían resolverse con vontade política. Por eso é lóxico que o sector proteste.
Precisamos mecanismos para que o consumidor poida coñecer as diferencias de calidade e salubridade entre produtos que semellan iguais
Malia que o concello de Xinzo está a recuperar poboación, o certo é que a comarca da Limia segue perdendo habitantes. As mobilizacións poden frear esa perda?
As mobilizacións por si soas non. O que fan é poñer o foco nun problema moi grave que afecta a todo o mundo rural. As leis actuais non favorecen en nada que a xente nova quede no campo. E, sen relevo xeracional, o abandono do mundo rural é inevitable.
Por outro lado, temos normalizado que sexa case imposible montar unha explotación nova. Que quen se incorpora é porque hereda ou porque colle un traspaso. Eso non debería ser así. Os mozos que desexen traballar no campo deberían ter todas as facilidades. E competir en desigualdade dende logo que non é unha facilidade.
Cre que hai suficiente concienciación na sociedade respecto da situación do campo en xeral e dos motivos destas protestas en particular?
Sinceramente, creo que hai moita xente que nin sequera sabe o que é MERCOSUR. Ollo, tampouco teñen por que sabelo. O que afecta ao campo acaba repercutindo seriamente na cidade e pode que na cidade falte información.
O que podemos facer é centrarnos no que está na nosa man. Por exemplo, que o consumidor saiba que unha pataca da Limia é de máis calidade, máis saudable e máis respectuosa co medio ambiente que calquera que veña de fóra a baixo prezo.
Galego









Control OJD