Cando se pasa da vila de Castroverde cara a Baleira, xa se comeza a notar que as grandes masas de piñeiros que hai nas beiras das estradas teñen unha cor máis apagada do habitual nesta época de primavera. Se nos achegamos ás árbores, podemos comprobar como boa parte das agullas están grises e secas, de forma que se desprenden cun leve tirón. Unha cor gris que nos peores casos tamén se estende ás pólas. E é que a gris é a cor que queda cando o fungo xa causou danos profundos e xa non é nin roxa nin marrón.
“Nesa zona de Parada Nova (Fonsagrada) que vedes aí tiveron que cortar 50 hectáreas de piñeiro porque ao paso que ía a praga podían quedar sen nada. Agora o lóxico é que as dediquen a pastos porque non ven ningunha saída forestal.” É o que nos di Manuel Fernández, da Cooperativa Chorima, a primeira dedicada ao sector forestal que se creou en Galicia.
Dende Chorima asesoran ás comunidades de montes e propietarios particulares e recoñecen que nunca viran algo así. “Periodicamente hai ataques de procesionaria nas coníferas, pero nin de lonxe fan o dano que causan as bandas. Aparte de que o radiata é resistente á procesionaria. O das bandas está a ser moi duro”, subliñan.
[En Vídeo] Paisaxes dos piñeirais afectados e voces que analizan o problema
Nuria Rodríguez, xerente da Asociación Lugo Madera que agrupa empresas de transformación da madeira, expresa a preocupación que hai entre os transformadores. “As bandas xa levan tempo presentes en toda a cornixa cantábrica e agora estanse cebando na parte oriental de Lugo. En Galicia córtanse 3,7 millóns de metros cúbicos de coníferas, 2 millóns dos cales saen da provincia de Lugo, e cun total de 1,5 que son de radiata. Hai moita preocupación pola importancia que a especie ten para o monte e para a industria.”
Pedro Besteiro, do serradoiro Besteiro Forestal, explica como as pragas de fungos están a incidir xa no mercado. “Agora moitos propietarios cortan os piñeirais afectados antes de que se deterioren máis. Iso fai que haxa un exceso de madeira que chega ós serradoiros e, polo tanto, que baixen os prezos. Pode parecer que é algo bo para as marxes comerciais das serras, pero non é así. Porque uns prezos baixos desincentivan os produtores, que optarán por destinar os terreos a outros cultivos e a longo prazo pode haber escaseza de radiata. Ou quedar moitos sitios a monte. Claro que tampouco podemos pedirlles que aguanten mentres ven como os seus piñeiros se deterioran cada vez máis.”
Esta situación xa se viu reflictida no ano 2024, cando as cortas de piñeiro radiata aumentaron nun 20% no distrito forestal de Fonsagrada-Ancares respecto do exercicio anterior, converténdose A Fonsagrada no municipio líder en cortas de piñeiro a nivel galego.

Piñeiros afectados pola banda marrón en montes de Lugo
Os especialistas sinalan que, cortando nun prazo medio antes de que a árbore estea moi afectada, as perdas son de arredor dun 30% por hectárea. “De cada tonelada que se extrae, 300 quilos quedan no monte por estar danados. Os piñeiros están parcialmente secos por dentro porque a savia non circula polas partes afectadas e teñen menos peso do que deberan ter. E eso os que xa alcanzan o ciclo de corte. Os outros aínda renden menos por non ter acadado o tamaño idóneo.”, indican dende Chorima.
Ademais, é unha madeira de moi baixa calidade e con moi pouca capacidade para ser almacenada. “Xa ven danada polas bandas e, ao amoreala, aféctalle tamén o fungo azulado. Ademais, unha vez cortada, aínda seca máis rápido. Dese xeito, non serve para mobles nin para estrutura de obras. Só valería para encofrados ou para palés de pouca calidade que, ademais, hai que pintar.”, sinala Pedro Besteiro.
Os tratamentos con óxido cuproso non foron efectivos e as podas e entresacas tampouco garanten nada. (Fernando Enjamio, enxeñeiro técnico da SOFOR Santa Juliana)
Os 18 socios da Sociedade de Fomento Forestal (SOFOR) Santa Juliana, na parroquia de Cereixido na Fonsagrada, xestionan 190 hectáreas de terreo, das cales 20 están destinadas a piñeiro radiata e outras 10 combinan radiata e outras especies. Tamén eles padecen dende hai tempo a presenza das bandas marrón e vermella.

Piñeiral afectado pola banda marrón na provincia de Lugo
Fernando Enjamio, o técnico da SOFOR, explica que no inicio dos ataques fixeron tratamentos con óxido cuproso para tratar de detelas pero sen ningún éxito. “As experiencias previas xa non eran boas e, aínda así, tiñamos que facer algo para deter o avance das bandas. Non deu resultado e seguimos buscando medios para frear os fungos. Métodos como as podas ou as entresacas son moi custosos pola orografía desta parte da Fonsagrada e tampouco garanten que os resultados vaian ser os desexados.”
A diversidade de cultivos fai que a SOFOR poida manter os montes en bo estado, pero o piñeiro radiata -xunto co eucalipto- é a opción máis acaída para poder obter unha rendibilidade económica que permita facer fronte aos gastos que xenera a xestión integral dos terreos. O vicepresidente, José María Álvarez, explica que “para nós e para moitos outros proxectos forestais, o grande problema está nas plantacións recentes. Hai moitos terreos que foron repoboados con radiata antes da chegada das bandas. Porque había demanda, estaba ben pagado e era moi resistente. Agora semella que todos eses piñeiros terán que ser arrincados porque os fungos non os van deixar medrar. Así que son, como mínimo, catro anos perdidos.”
O maior problema témolo coas plantacións máis recentes porque non se sabe se haberá unha solución a curto prazo ou hai que arrincalas xa (Nuria Rodríguez, Asociación Lugo Madera)
Dende Lugo Madera coinciden en sinalar as plantacións máis novas como o grande problema. “Os piñeirais menos afectados ou que están nunha fase inicial da chegada das bandas poden ter un aproveitamento cunha rendibilidade garantida e unha alta porcentaxe de madeira apta. Pero os piñeirais dos últimos anos son unha incógnita. Non sabemos se haberá unha solución sanitaria nun prazo acaido para que se recuperen ou para que queden sen afectación. E iso, neste sector, é moi arriscado xa que traballamos con cultivos a, como mínimo, 20 anos vista.”, explica Nuria Rodríguez.
Se non é posible continuar co piñeiro radiata, teremos que buscar alternativas. Porque o monte non pode nin debe estar parado (Manuel Marey, Monte en man común de Tórdea)
Manuel Marey, propietario forestal e presidente do monte veciñal en man común de Tórdea (Castroverde) coincide na diagnose sobre as plantacións máis recentes. “Nós dispoñemos de 46 hectáreas que podemos plantar a curto prazo. Ata agora o piñeiro radiata era unha boa opción. Coa aparición das bandas marrón e vermella xa non é así. Porque podémonos ir a un investimento de arredor de 2.000 euros por hectáreas para poñelo e, ao cabo de pouco tempo, ter que arrincalas porque o fungo mate as plantas. Mentres non se atope unha solución sanitaria, hai que buscar usos alternativos para que o monte sexa rendible.”
Marey considera necesaria a convocatoria dun foro onde produtores, industrias, administración e o resto de actores do sector se reúnan para analizar a situación, buscar posibles solucións e tomar medidas de carácter urxente ante a gravidade da praga. “O radiata era unha das especies mellor consideradas e máis valoradas en toda a cornixa cantábrica, pero os fungos das bandas fixeron inviable o seu cultivo. Temos que facer todo o posible para poder continuar co radiata, pero se non é posible, hai que buscar xa solucións alternativas para os produtores e para as industrias.”
As árbores afectadas polas bandas favorecen o crecemento de maleza debaixo delas e, ao estar parcialmente secas, poden arder con facilidade. (Manuel Fernández, Cooperativa Chorima)
O presidente de Chorima apunta outro efecto moi grave dos fungos das bandas. “O fungo vai deixando secas as acículas, así a árbore perde vigor e a maleza medra debaixo dela con máis facilidade. Aparte de que as pólas e o toro van secando pouco a pouco. Iso fai que un piñeiral afectado polas bandas poda arder con moita máis facilidade que un que estea san. Ese debera ser outro motivo para a preocupación.”
Un problema que se viu agudizado nos últimos tempos. “Ao principio as bandas estaban nas zonas máis baixas, a menos de 600 metros sobre o nivel do mar. Agora xa as temos en calquera zona. Incluso a 1.000 metros. E seguen estendéndose. Porque afectan a todos os piñeiros, sexa cal sexa a súa idade, tamaño ou ubicación.” Fernández tampouco ve como solución o uso de funxicidas. “Nesta zona tería que facerse con avionetas, globos ou drons. E iso afectaría outras especies que hai entre os piñeirais. Ademais tería que ser en datas moi concretas. E é que a pendente do terreo, o clima e dispersión non axudan en nada e os tratamentos que se deron ata agora non serviron para nada.”
Nin o barbeito nin as podas son solucións que se lle poidan pedir os propietarios dos montes. (Pedro Besteiro, Besteiro Forestal)
Algúns técnicos sinalan a técnica do barbeito como posible solución para os fungos. Sen embargo, a súa aplicación sería pouco viable. “Primeiro tes que arrincar todo o piñeiral, incluso as árbores que non están afectadas. E despois tes que deixar ese terreo sen cultivar nada durante entre dous e catro anos. Aínda con eso, non hai garantías de que os fungos desaparezan, xa que poden permanecer noutras especies vexetais da zona ou en piñeirais próximos. Esta solución do barbeito non se lle pode pedir a un propietario de monte que a aplique porque é moito tempo cun terreo totalmente improdutivo. Sen esquecer que a corta masiva faría inasumible para os serradoiros galegos facerse cargo do procesado de toda esa madeira.” sinala Pedro Besteiro.
Como tampouco parece viable o sistema de podas e entresacas. “A teoría di que facer clareos de xeito que o sol dea directamente nos piñeiros debería frear o fungo. Pero na realidade non está a ser así. Ataca e afecta igual. Nin sequera nas zonas de orientación sur e con desnivel se apreciou menos incidencia. Non creo que a solución pase por aí.”
O que semella claro para todos os actores do sector forestal é que o cambio climático é en boa medida responsable da enfermiedade das bandas. A suba das temperaturas medias anuais, as néboas persistentes, a ausencia dende hai anos das grandes nevaradas que eran propias da montaña luguesa e a humidade do ambiente forman o caldo de cultivo apropiado para o desenvolvemento das bandas vermella e marrón. Polo de agora non hai liñas de axudas para os afectados pola enfermidade nin alternativas viables de cultivo.