
No ano 2024, os países da Unión Europea (UE) importaron produtos agroalimentarios procedentes de Mercosur por valor de 23.897 millóns de euros. As exportacións europeas nese mesmo concepto hacia Mercosur foron de 3.300 millóns. É decir, un saldo favorable aos países americanos de máis de 20.000 millóns de euros.
Son datos da Comisión Europea e de Eurostat, que sinalan que ese desequilibrio se reduce enormemente cando se trata doutro tipo de mercadorías. Principalmente de produtos industriais, farmacéuticos, de automoción e electrónicos.
Así, a UE exporta aos países do Mercosur (Brasil, Arxentina, Paraguay e Uruguay) bens por valor de 55.200 millóns de euros e cómpralles a eses estados por importe de 56.000 millóns. É decir, un desfase de “só” 800 millóns. Unha cifra xeral que choca claramente co desequilibrio particular no sector agrogandeiro.
Mercosur ocupa o décimo lugar como socio comercial dunha UE que xa está a negociar outros 16 acordos
En 2024, o último ano do que hai rexistros oficiais, Mercosur ocupou o décimo posto como socio comercial da UE por volume de comercio total. Para o comercio total do Mercosur, a UE supuxo arredor do 16,8 %. Dende 2014 a relación medrou e as exportacións dende Mercosur cara a UE aumentaron máis do 50 % e as exportacións da UE cara Mercosur subiron case o 25 %. O balance favorable a Mercosur é, polo tanto, o dobre.
Dentro do sector agroalimentario, as principais vendas de Mercosur cara a UE son:
– Alimentos para animais / pensos (incluída soia e derivados)
– Sementes oleaxinosas
– Café e produtos derivados
– Bovino e outras carnes
E as exportacións dende a UE cara os países do mercado común suramericano son de produtos de valor engadido:
– Aceite de oliva
– Viño e bebidas espirituosas
– Preparacións de froitas/verduras
– Produtos vexetais procesados
Mercosur exporta principalmente produtos primarios e materias primas ao mercado europeo, mentres que recibe da UE sobre todo produtos elaborados e industriais.

Os produtos agroalimentarios europeos van a nichos de calidade de Mercosur pola súa sustentabilidade e garantías.
A situación en España
Os datos da UE sinalan que, contrariamente ao que puidera parecer, as relacións comerciais entre España e os países do Mercosur no sector agroalimentario son de pouco volume. Dese xeito, Mercosur representa o 7,4% de todas as importacións agroalimentarias españolas, e España exporta a Mercosur arredor do 0,6 % das súas exportacións agroalimentarias totais.
As cifras oficiais arroxan que España, importa de Mercosur máis de 4.100 millóns de euros en produtos agroalimentarios. E as exportacións apenas acadan uns 460 millóns de euros. Polo tanto, o déficit comercial está en preto dos 3.700 millóns de euros. As importacións multiplican por nove as exportacións.
O déficit comercial en produtos agroalimentarios de España co Mercosur é de máis de 3.700 millóns de euros
Por sectores, os pensos e as materias primas para elaboralos -e especialmente a soia e os seus derivados- son a principal importación española, cun volume de 1.800 millóns de euros en 2024, máis da metade do total de importacións. A produción gandeira española de porco, aves e vacún leiteiro é o maior destino destes produtos.
O café e os peixes e mariscos tamén supoñen un importante apartado nas importacións españolas dende Mercosur, sumando entre os dous conceptos preto de 700 millóns de euros. Con todo, o café non é unha ameaza para o rural español por non existir produción.

A produción de cereais é radicalmente distinta na UE e nos países do Mercosur
As exportacións españolas cara Mercosur abranguen os seguintes sectores:
Aceite de oliva – 106,6 M€
Viño e mosto – 33,6 M€
Froitas de óso – 31,9 M€
Froitas de carabuña – 19 M€
Bebidas espirituosas – 21,9 M€
Outros – 10-18 M€
As análises técnicas do Ministerio de Agricultura sinalan que o desequilibrio se agrava se se compara o valor económico co volume físico (toneladas). Sectores como arroz, cítricos, carne de vacún, avicultura ou mel rexistran importacións moi superiores ás exportacións, con desfases que chegan a superar as 100.000 toneladas anuais. Dende o MAPA sinalan que o impacto sobre mercados internos, prezos en orixe e renda agraria se produce por volume e non por valor monetario.
Sector cárnico

O vacún de carne español ten un mercado apenas testemuñal nos países do Mercosur
Os produtores de carne de vacún son un dos colectivos que máis se está a mobilizar en Galicia en contra do acordo con Mercosur. E é que a balanza comercial con España é enormemente favorable aos americanos. Así, mentres España exporta e Mercosur 23 toneladas de produtos de vacún, recibe 14.340 toneladas, é decir, 625 veces máis.
Dende a interprofesional da carne de vacún, Provacuno, sinalan que as importacións dos diferentes produtos de carne de vacún de Mercosur a España se moven nos últimos cinco anos na contorna das 15.000 toneladas. Ben sexa conxelada, fresca ou de subprodutos (despoxos, graxa e outros).
Nos últimos anos houbo exercicios en que España non vendeu nada de carne de vacún a Mercosur e recibiu máis de 14.000 toneladas
O 2024 foi un ano de enorme incremento das importacións, chegando a 18.342 as toneladas de carne americana que entraron a España. Brasil foi de lonxe o máximo provedor cun total de 12.453 toneladas nese exercicio.

Cifras de vendas de carne fresca na UE procedente do Mercosur (táboa de arriba) e de carne conxelada (táboa de abaixo)
Se ben hay un incipiente mercado de embrións e doses de seme de vacún español -e especialmente galego- cara o Mercosur, o certo é que as exportacións de carne fresca, conxelada, despoxos e graxas é case inexistente e nos dous últimos anos reduciuse a 340 toneladas que foron parar nun 99% a Paraguay e o 1% a Arxentina, segundo datos de Provacuno.
Agricultura
Dado que as protestas galegas contra o acordo co Mercosur comezaron en Ourense, os produtores de pataca adquiriron relevancia nas mesmas. Se ben, dentro do sector das froitas e hortalizas, a pataca non ocupa un lugar relevante en canto a intercambios comerciais entre a UE e o Mercosur.
Os datos de Eurostat indican que entre as exportacións da UE ao mundo, a pataca é o produto líder. Mais cara Mercosur son máis fortes as froitas, sobre todo mazá e pera. O que si hai é un fluxo constante de pataca de sementeira con tecnoloxía europea e de pataca procesada e conxelada cara o Mercosur.
O principal destino da pataca europea en Mercosur é a sementeira e o produto conxelado
A colleita de pataca na UE en 2024 foi de 49,4 millones de toneladas, cun incremento do 2,6% respecto ao ano anterior. Así, púidose manter a capacidade de exportación, aínda que os custos de produción, segundo Eurostat, seguiron sendo altos.
Os organismos europeos sinalan que a entrada de pataca do Mercosur en Europa foi ata o de agora case inexistente porque non cumpre cos esixentes requisitos fitosanitarios que impón a UE e porque Europa é autosuficiente e mesmo exportadora neta global.
Pero, dado que o acordo co Mercosur prevé a eliminación de aranceis para o 91% dos produtos, os pataqueiros galegos e europeos temen que a entrada de pataca con menores estándares fitosanitarios e baixos custos laborais desequilibre o mercado interno.

Europa é exportadora neta de patacas e a pataca de Mercosur incumpre as normas sanitarias da UE
Máis aló da pataca, a UE declara que a exportación comunitaria de froitas e hortalizas a Mercosur se situou no 2024 en 201.503 toneladas, que supuxeron 255 millóns de euros, coas mazás e peras como produtos máis exportados desta categoría pola UE.
Respecto da importación dende a UE, acadou as 759.843 toneladas por un valor de 984 millóns de euros, sendo os productos do capítulo arancelario 0807 (froitas de grande volume) os máis importados, que corresponden a melóns, sandías e papaias principalmente, con 278.253 toneladas e 269 millóns de euros. Así, tamén neste apartado hai un claro déficit da UE co Mercosur.
En froitas e hortalizas, o balance é favorable a Mercosur en máis de medio millón de toneladas e case 700 millóns de euros
En resumo, as cifras amosan que a relación comercial no sector agroalimentario España-Mercosur é claramente favorable aos países americanos. E que España depende de Mercosur para materias primas imprescindibles. Mentres que as exportacións españolas están a ir só a nichos concretos de alto valor. E todo nun contexto no que a competencia se mide en toneladas e custos de produción, máis que en euros.
Para garantir a competencia xusta, o acordo co Mercosur contempla as cláusulas de salvagarda, que permiten “restablecer os dereitos normais de arancel aduaneiro común para un produto, se se importa en volumes ou a prezos que causen ou ameacen con causar dificultades considerables aos produtores da UE de produtos similares ou directamente competidores.” Pero as organizacións agrarias poñen en dúbida que se vaian aplicar eficazmente.
Mobilizacións do sector primario

Miguel Padilla (esquerda), Cristóbal Cano (centro) e Pedro Barato (dereita) xustifican as mobilizacións
Independentemente dos avances na sinatura -prevista para este sábado- e aplicación do acordo, asociacións e organizacións agrarias van seguir coas mobilizacións que comezaron por toda España a comezos de xaneiro. Nunha rolda de prensa conxunta da COAG, ASAJA e UPA, os representantes dos sindicatos agrarios volveron expoñer as súas reivindicacións e anunciaron as mobilizacións previstas.
As organizacións agrarias anuncian grandes mobilizacións cun acto central o 29 de xaneiro
Miguel Padilla, secretario xeral da COAG, subliñou que a propia Comisión Europea recoñece que o incremento do PIB na UE grazas ao acordo con Mercosur vai ser no mellor dos casos do 0,1%, algo que cualifican de “calderilla”.
Padilla estima que se vai perder o 20% da produción de vacún de carne, que a industria do azucre de remolacha vai desaparecer por completo e que as 35.000 pequenas explotacións de mel van desaparecer por non poder competir ao mesmo tempo con China e Sudamérica.
Dende a COAG indican tamén que os cítricos que se estaban destinando a industria para zume xa non se van poder comercializar por non seren competitivos.
Cristóbal Cano, secretario xeral da UPA, entende a necesidade de buscar acordos comerciais. Pero reclama que sexan coas regras iguais para todos e con socios fiables. E lembran que, ademais de con Mercosur, tamén se están negociando outros 16 acordos. Por exemplo, con Corea do Sur, México ou Xapón.

As organizacións agrarias piden máis fondos da PAC para garantir o relevo xeracional e frear o abandono rural
En paralelo ás protestas contra o Mercosur, está o descontento coa futura PAC. A UPA considera que renacionalizar a PAC non significa que os países vaian ter un campo máis forte, senon que se debilitará todo o conxunto do sector na UE. Por iso, pide un aumento presupostario e que se manteña a súa actual arquitectura.
En canto ó Mercosur, Cano sinalou que as cláusulas de salvagarda son imprescindibles para impedir calquera alteración sustancial dos sectores en Europa e deben rexer en todos os acordos comerciais da UE. E pediu mecanismos áxiles e efectivos de salvagarda fronte as importacións.
Dende a UPA insisten en que “as cláusulas espello teñen que estar por escrito, asinadas e comprometidas. E o control fronteirizo ten que ser o mesmo en todos os países e cos suficientes recursos económicos e materiais”. UPA reclama que a UE ten que ter a capacidade para realizar auditorías nos países cos que asina acordos para comprobar que se cumpren as cláusulas.
Pedro Barato, presidente de ASAJA, rexeita o acordo tal e como está planteado agora mesmo. Cre que se permite a introdución de sustancias que están expresamente prohibidas pola UE. E opina que as cláusulas de salvagarda non se van poder cumprir e son só palabras. “Por exemplo, o propio goberno brasileiro recoñece que non é capaz de controlar a presenza de hormonas na carne de vacún.”, dixo Barato
A reforma da PAC, o exceso de burocracia e os custos de produción son outros motivos das protestas
ASAJA non ten claro que o novo reparto de fondos da PAC vaia beneficiar os produtores. Porque os fondos irán baixo o epígrafe “mundo rural” sen diferenciar entre o primeiro e o segundo piar e serán os estados membros os que teñan que solicitar os fondos, en lugar de recibilos de oficio como ata agora.
Barato opinou que, cos actuais custos de produción e dos fertilizantes, o sector do cereal vai desaparecer en España. E negou que o aceite de oliva vaia ser o gran beneficiario porque o consumo por persoa e ano nos países do Mercosur non chega a un litro, mentres que a produción neses estados medra cada ano.
Súper-Xoves
Tanto ASAJA como COAG e UPA fan un chamamento a participar no grande acto de protesta previsto para o xoves, 29 de xaneiro, por toda España. Ese acto central virá precedido e continuado por outras protestas durante toda a semana que se darán a coñecer a medida que se acheguen as datas.

Os tractores voverán saír ás rúas de toda España o 29 de xaneiro
Todos os convocantes coinciden en que “sobran motivos para a mobilización” e, ademais do acordo co Mercosur, aluden á falta de rendibilidade nas explotacións polos elevados custos de produción e ao exceso de burocracia como principais motivos das protestas. Non se desbota unha multitudinaria manifestación estatal para máis adiante.
Por outra banda, as organizacións agrarias dan flexibilidade ás súas delegacións territoriais para que convoquen accións dentro das súas zonas de actividade. En Galicia e noutras zonas do estado hai colectivos que xa comezaron a mobilizarse dende finais de decembro.
Galego









Control OJD