Así é a nova plataforma web de Conafe para o cálculo de índices de calidade do leite

A ferramenta foi desenvolvida en colaboración con Anembe e toma os datos do control leiteiro. Agarda ser un instrumento útil para mellorar o control e a competitividade das gandarías

Así é a nova plataforma web de Conafe para o cálculo de índices de calidade do leite

A nova plataforma de Conafe aporta información sobre 14 índices de calidade de leite de utilidade nas ganderías.

A Confederación de Asociacións de Frisoa Española (Conafe) e a Asociación Nacional de Especialistas en Medicamento Bovino de España (Anembe) acaban de presentar unha nova plataforma para o cálculo de índices de calidade do leite. Trátase dun servidor web, LecheIQ, dispoñible tanto para gandeiros socios como para profesionais do sector, no que estiveron traballando nos últimos anos e que emprega os datos do control leiteiro das explotacións.

A presentación da nova plataforma de índice de calidade de leite reuniu de forma virtual a preto de 100 profesionais do sector

A ferramenta aspira a ser unha forma para unificar criterios entre profesionais e a vía para ofrecer datos tanto por autonomías como a nivel estatal, de maneira que se poidan establecer comparativas con outras rexións ou países. As dúas asociacións organizaron un webinar en días pasados para ofrecer todos os detalles do novo servidor web. A cita conectou de forma virtual a preto de 100 profesionais tanto gandeiros como veterinarios e técnicos do control leiteiro.

Selección de datos

A creación da plataforma online procura proporcionar un método común para a análise de datos das gandarías, un sistema que permita unificar os índices utilizados por todo o sector. “A maioría de veterinarios dedicados á calidade do leite e as asociacións de control leiteiro traballamos con índices técnicos a partir dos datos individuais de reconto de células somáticas, pero botabamos en falta unha serie de datos expresados nunha linguaxe común para veterinarios, gandeiros e técnicos de control leiteiro”, apuntou o veterinario Xabier Bermúdez, da vocalía de calidade de leite de Anembe durante o encontro dixital.

Tras esta petición realizada desde Anembe para lograr unha linguaxe común, en Conafe xestouse a plataforma, co obxectivo de poder agrupar os datos de control leiteiro en base ás propostas epidemiolóxicas expostas desde Anembe. Así, o novo servidor web ofrece información para o traballo diario tanto dos veterinarios e técnicos como dos gandeiros. Trátase dunha ferramenta que permite ver datos históricos e tendencias, ademais de comparar as granxas respecto da súa contorna.

A plataforma permite consultar entre outros, as gráficas coas tendencias en reconto de células somáticas ou os informes sobre infeccións intramamarias, xestión reprodutiva ou o resumo de índices de calidade de leite.

Lineal-score-por-estado-de-lactacion-_Conafe-Indice-calidade-leite-

Un dos gráficos que proporciona a plataforma, neste caso sobre os días en lactación.

Principais índices de calidade de leite

Á hora de seleccionar os datos necesarios para fixar os índices de calidade que achegaría a plataforma, desde Anembe tiñan claro que tampouco sería adecuado tentar abarcar todos os datos, senón que era necesario priorizar. “Queriamos contar con tantos datos índices como sexa necesario e tan poucos como sexa posible”, recoñece o veterinario Xabier Bermúdez.

O sistema proporciona gráficas cos recontos celulares e inclúense 14 índices de calidades que se establecen en 3 grupos: último control leiteiro, comparación de dous controis consecutivos e análises da saúde de ubre durante o secado.

Establecen tres grupos de índices de control do leite: o último control leiteiro, os controis consecutivos e a análise do período seco

No grupo do último control leiteiro inclúense datos como a porcentaxe de animais sans no período fixado, é dicir, aquelas vacas cun reconto celular por baixo das 200.000 células somáticas. Tamén figuran as vacas primeirizas con menos de 100.000 células somáticas, así como a media de reconto celular da gandaría e a media de Lineal Score (LS), un índice que permite ter unha aproximación máis acertada da situación real da granxa. “O Lineal Score é unha transposición logarítmica do reconto de células somáticas que permite amortecer o desfasamento que se produce en rabaños pequenos e eliminar a pequena distorsión que pode darse só coa media do reconto celular”, detalla Bermúdez.

Lineal-Score-en-dos-ganaderias-_Conafe-_Indices-da-calidad-

Un exemplo de dúas ganderías de como o Lineal Score (LS) serve para dar unha mellor imaxe da situación real da granxa en canto ó seu reconto celular.

Outro dos grupos establecidos é o de comparativa de 2 controis, onde se analizan outros 4 índices que permiten establecer esta comparación. Así, figura o índice de risco de nova infección, o índice de probabilidade de curación, que se obtén da diferenza entre os animais que inicialmente contaban cun reconto celular superior a 200.000 células somáticas e aquelas vacas que na actualidade xa baixan desas cifras. Tamén se inclúe un índice que ofrece a porcentaxe de animais cun reconto celular por debaixo das 200.000 células somáticas en ámbolos dous controis e un índice que mostra a porcentaxe de vacas crónicas, obtido con en base a aqueles exemplares cun reconto superior ás 200.000 células somáticas en ámbolos dous controis.

Tamén crearon un grupo de índices centrado na análise do período seco, máis amplo que os anteriores e no que figuran índices de risco de nova infección durante o secado, así como de curación neste período ou a probabilidade de curación corrixido, é dicir probabilidade de infección durante o secado. Tamén se inclúen neste grupo índices do primeiro control posparto, con controis sobre as primeiras crías daqueles animais con menos de 100.000 células somáticas ou de vacas adultas cun reconto celular por baixo das 200.000. Ademais, neste grupo atópase un índice elaborado a base da porcentaxe de vacas cun reconto celular igual ou superior a 200.000 células no momento do secado.

Indice-contro

Un dos índices de calidade de leite que ofrece a plataforma.

Á marxe destes índices, tal e como sinalou o tamén veterinario e membro da vocalía de calidade de leite de Anembe Oriol Franquesa trátase dunha “plataforma viva” na que se poden engadir ou quitar índices segundo vaian resultando de interese.

Datos estatais e por autonomías

A creación desta plataforma atende tamén a demanda dos profesionais de coñecer a situación a nivel estatal ou por autonomías. “Como asociación nacional botabamos de menos ter datos globais, tanto de comunidades autónomas como de país, máis aínda cando todos tiñamos unha base común como é o control leiteiro”, valora Bermúdez.

“Grazas a esta plataforma imos ter unha idea da situación das gandarías en España e en cada comunidade”: Oriol Franquesa, veterinario membro de Anembe

Comparativa-coa-Comunidade-autonoma_Indices-calidade-leite_Conafe-

Nas gráficas tamén se pode contextualizar a situación da granxa con respecto dos datos da comunidade autónoma ou dos manexados por Conafe.

A plataforma proporciona ás granxas a capacidade de compararse coa súa contorna. De feito, tal e como sinalou Oriol Franquesa na súa intervención, o servidor proporciona gráficos moi visuais, que empregan uns sistemas de luces de semáforo, para contextualizar os datos con respecto á situación da comunidade autónoma. Desta forma, os valores en vermello indican que se atopa entre o 25% de granxas con peores resultados da rexión e o verde que se atopa entre o 25% de gandarías cos mellores. “Imos ter unha idea da situación en España e en cada comunidade”, destaca Franquesa.

A incorporación de datos

O acceso á plataforma e aos datos é restrinxido aos gandeiros e aos técnicos autorizados por estes. Mentres que para os gandeiros membros de Conafe o alta e acceso ao servidor tramítase de forma automática, os técnicos do control leiteiro deberán solicitalo enviando un email cos seus datos a conafe@conafe.com.

Para o cálculo dos distintos índices, Conafe botou man dos datos remitidos polas asociacións e organismos de control leiteiro. Nacho Almoguera, do Departamento TIC de Conafe explicou que con 40 anos de experiencia, Conafe dispón dunha base de datos con información de 3.500.000 de animais en control leiteiro e máis de 10.000.000 de lactacións, grazas ao cal puideron crear uns Índices de Calidade de Leite con información desde o ano 2000 en adiante.

O novo servidor tamén permite unha maior actualización dos datos procedentes das asociacións. “Antes de comezar con este servizo os envíos realizábanse cada 2 meses e agora temos asociacións que nos están facilitando os datos cada semana e o resto unha vez ao mes”, detalla Almoguera.

Listado-de-vacas-a-secar-Conafe-

Desenvolveron unha base de datos sobre mamite, que pode contribuir á xestión dos secados selectivos.

O control da mastite, clave na granxa

A nova plataforma contempla ademais unha nova base de datos sobre diagnóstico de mamite, que se materializou xa en 2012 coa firma dun acordo coa cooperativa galega Seragro. “Os rexistros de casos clínicos de mastite permiten tomar decisións claves. A análise combinada dos rexistros de mastite clínica e os recontos individuais de células somáticas das vacas poden revelar que patróns de infección son máis importantes nun rabaño nun momento determinado”, explicou Noureddine Charfeddine, xenetista do Departamento Técnico de Conafe. Ademais, dispor desta información tamén pode ser moi útil para os programas de secado selectivo e permite seleccionar directamente aqueles animais que transmiten menor incidencia de mamite.

Contar cunha base de datos sobre mamite axuda a tomar decisións na gandaría como o secado selectivo ou seleccionar animais con menor incidencia da patoloxía

Actualmente esta base de datos sobre mamite clínica e subclínica recompila datos de 80.000 diagnósticos, 45.071 lactacións e 34.428 vacas e o obxectivo de Conafe é poder presentar con esta información sobre mamite, os mesmos informes e gráficas dispoñibles xa sobre reconto celular. Galicia acumula 63.208 diagnósticos e é unha das comunidades con rexistros desde 2013, cando contaron con 8.951 diagnósticos. En 2020 contabilizáronse nesta base de datos 7.127 avaliacións galegas sobre mamites.

Desde 2016, data na que se inicia o proxecto I-SA (Índices de Saúde Animal) de Conafe, con datos de diferentes patoloxías, sumáronse outros proxectos como o de Africor-Lugo coa empresa Elanco para a recollida de patoloxías a través do control leiteiro e o da Asociación Frisoa de Madrid (Afridema) de 2018, para recollida de datos de saúde animal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información