Asesores agrarios de Galicia visitarán Navarra para mellorar a transferencia de coñecemento ao agro

Asesores agrarios de Galicia visitarán Navarra para mellorar a transferencia de coñecemento ao agro

Mónica Freire, deputada de Medio Rural, xunto á presidenta da Asociación de Asesores Rurais de Galicia, Elena Piñeiro

Profesionais do asesoramento rural de Galicia visitarán o Instituto Navarro de Tecnoloxías e Infraestruturas Agrarias (INTIA), unha sociedade pública que traballa na transferencia de coñecemento e na innovación no sector agroalimentario.

A actividade, que se desenvolverá entre o mércores e o venres desta semana, encádrase dentro das actividades que a Asociación de Asesores Rurais de Galicia desenvolve co apoio da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo, que colabora coa entidade mediante unha achega de 5.000 euros.

Os asesores rurais galegos coñecerán de primeira man os proxectos que o INTIA está a desenvolver no ámbito do asesoramento agrario, do control e certificación da trazabilidade, da promoción agroalimentaria, da xestión integrada de pragas ou da formación e do relevo xeracional.

O programa inclúe tamén visitas á finca experimental de vacún de leite ecolóxico do INTIA en Roncesvalles e a ganderías e empresas de transformación da zona.

O INTIA, un referente no Estado español en asesoramento público e independente ao sector agrogandeiro

A deputada de Medio Rural Mónica Freire sinalou que “o INTIA é un referente do asesoramento agrario a nivel de todo o estado español”. “A Comunidade Foral de Navarra é a única que conta cunha entidade totalmente pública adicada ao asesoramento agrario de explotacións agrogandeiras e ao desenvolvemento rural. Por este motivo, a asociación de asesores rurais, a única que aglutina en Galiza ao sector do asesoramento privado profesionalizado e sen intereses comerciais de venta de produtos o de marcas, ten unha oportunidade para compartir de primeira man as súas propostas de modelo de asesoramento para o vindeiro período da PAC 23-27”, destacou Mónica Freire.

A este respecto, dende a Asociación de Asesores Rurais de Galicia, que preside Elena Piñeiro, lembran que a Consellería de Medio Rural debe decidir o modelo AKIS a implantar nos vindeiros anos, baseado na metodoloxía dos sistemas de coñecemento e innovación agrícola (AKIS).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información