Aséntase nos soutos galegos o parásito que combate a praga da avespiña do castiñeiro

Aséntase nos soutos galegos o parásito que combate a praga da avespiña do castiñeiro

Avespiña do castiñeiro. Foto: Arquivo

O Toryumus sinensis, o parásito que se está a empregar dende o 2015 para loitar contra a avespiña do castiñeiro, está a asentarse nos soutos galegos, o que é un indicador do seu éxito para frear esta praga que reduce notablemente a produción de castaña.

Así se constata nun informe presentado este xoves no Consello da Xunta, no que se informa de que unha vez analizados preto da metade dos puntos de recollida de mostras de bugallas tras as soltas de 2021 (569 puntos do total de 1.200 puntos de mostraxe), recuperáronse 3.314 exemplares de Torymus, o que xa supera todo o recollido nas mostras de 20 20 (3.158) e supón máis do dobre do que se recuperou en todo o período 2016-2019 (1.393 individuos). Arestora, continúase coa análise do resto dos puntos de recollida.

En concreto, nas análises de bugallas de 2021 recuperáronse Torymus sinensis en 523 puntos dos 569 analizados ata o de agora (isto é, no 92%). E comparando as recuperacións por cuadrícula nos primeiros 307 puntos en que se conta con estes datos, as recollidas xerais de individuos do ano pasado son case o quíntuplo das de 2020 e case se quintuplica tamén a porcentaxe de parasitación.

Con estas cifras sobre a mesa, esta primavera (entre abril e maio) a Consellería do Medio Rural procederá a soltar 1,2 millóns de individuos de Torymus sinensis. Estas soltas – para as que se consignou un orzamento de preto de 1,7 millóns de euros – realízanse en masas continuas de castiñeiro e concéntrase o número de individuos con respecto a anos anteriores, co fin de establecer poboacións estables que logo colonizarán o resto de masas.

Desde o ano 2015 que se comezou con este sistema natural, a Xunta liberou uns 5,7 millóns de individuos de Torymus sinensis por toda a xeografía galega, o que supuxo un investimento superior aos 8 millóns de euros. A estas cifras hai que sumarlle o previsto neste exercicio, que elevará o orzamento conxunto a preto de 10 millóns e o número de parasitos soltados aos 7 millóns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información