Asembleas do Sindicato Labrego para demandar ás industrias lácteas

O Sindicato Labrego Galego organizará dous novos encontros centrados na demanda xudicial contra o cártel do leite, que se celebrarán en Compostela e Lugo os días 20 e 21 de febreiro respectivamente.

Estas xuntanzas dan continuidade ao proceso de asembleas comarcais que o SLG levou a cabo, entre novembro e decembro do ano pasado, para informar ao sector lácteo da posibilidade de recorrer á vía xudicial para reclamar o diñeiro perdido polo pacto de prezos entre industrias polo que foron condenadas e sancionadas Capsa Foods (Central Lechera Asturiana, Larsa…), Danone, Lactalis, Industrias Lácteas de Granada, Pascual, Nestlé, Schreiber Food, Asociación de Empresas Lácteas de Galicia, Gremio de Industrias Lácteas de Cataluña e Central Lechera de Galicia.

As xuntanzas que se celebrarán esta semana estarán máis centradas en afondar na demanda xudicial con gandeiros e gandeiras que, tras informarse nas charlas do ano pasado, estean en disposición de dar un paso adiante neste proceso. Para iso, o SLG contará cos avogados do bufete barcelonés Redi, especializado en litixios de alta complexidade contra cárteles e na reclamación de danos derivados de infraccións do dereito da competencia.

Unhas 2.000 granxas de todo o Estado poderían demandar ao cártel do leite a través de Redi

Aínda que este cártel de industrias lácteas xa foi sancionado pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia polas súas prácticas cunha multa de 80’6 millóns, agora ábrese a posibilidade de que as partes afectadas poidan demandar ás industrias multadas. Para iso, as granxas interesadas contan cun prazo dun ano contado dende a data de publicación da sanción (11 de xullo de 2019) para reclamar.

As reclamacións das perdas de cada explotación vanse realizar acumuladas nunha mesma demanda, agrupando o maior número posible de granxas, xa que se fará máis forza no proceso contra maior sexa o número de gandeiros e gandeiras que reclamen. As prácticas de cártel condenadas iniciáronse en 2001, ano no que aínda había en activo 53.355 granxas de leite no Estado, das cales 28.231 eran galegas.

“Dado que ese pacto de prezos fraudulento se acabou estendendo á totalidade do sector, que fixou uns prezos artificialmente baixos máis alá das empresas multadas; e sabendo que todas as granxas afectadas poden iniciar unha demanda xudicial aínda que xa cesaran a súa actividade; podemos considerar que son ducias de miles de gandeiros e gandeiras quen poden denunciar. Porén, os avogados de Redi estiman que o seu bufete podería levar, finalmente, a demanda xudicial dunhas 2.000 granxas no Estado, sen contar as que se podan unir en Galiza”, sinalan dende o Sindicato Labrego.

slg Lugo sll Compostela

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información