Asemblea e concentración o vindeiro mércores en Lugo contra a denegación das axudas de plans mellora por parte da Consellería

O Sindicato Labrego Galego convoca o vindeiro mércores 12 ás 11.30 horas unha asemblea no edificio sindical e ás 13 horas unha concentración diante da Xunta de Galicia en Lugo en protesta pola denegación por parte da Consellería do Medio Rural dunha parte importante das axudas para plans de mellora na última convocatoria.

“Nestes momento existe alarma no sector debido á denegación masiva dos plans de mellora, que pon en entredito non só a viabilidade de centos de granxas senón a propia economía de milleiros de persoas. Ata hai dous anos era inaudito que lle denegara un plan de mellora a un mozo ou moza que se incorpora. Cando por motivos de priorización son moitas máis granxas fóra das axudas que as que conseguen acceder a elas -434 expedientes viron denegados os plans de mellora fronte aos 180 aprobados- é obvio que a administración pública non está orzamentando correctamente un ámbito básico da súa actuación como é velar polo fomento da produción de alimentos para abastecer á cidadanía”, advirten dende a organización labrega.

O SLG lembra que “arredor de 500 granxas víronse obrigadas a facer en moitos casos proxectos técnicos e asumir múltiples gastos neste último ano” para finalmente veren rexeitadas as súas solicitudes malia cumprir os requisitos.

Neste sentido, lembran que “o 70% por cento das persoas titulares de granxas xubílanse nos próximos anos e a previsión é que as incorporacións non cubran o 5% dos abandonos”. “Fica claro -engaden- que a Xunta de Galicia non se atopa nun escenario no que se poda permitir deixar fóra das convocatorias de incorporación e mellora a centos de persoas que cumpren os requisitos para acceder ás mesmas”.

Ante esta situación que o Sindicato Labrego cualifica de “absoluto desleixo por parte da Consellería do Medio Rural”, convocan ao sector a unha asemblea o vindeiro mércores 12 de febreiro, ás 11.30 horas no salón de actos do Edificio Sindical de Lugo, con posterior concentración ás 13h. diante da Xunta de Galicia para demandar “un aumento de orzamento para resolver a convocatoria actual e unha convocatoria para o ano 2025 xusta, social, plural e con fondos suficientes”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información