A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

A asemblea de Central Lechera Asturiana SAT aproba as contas do 2024

O grupo alcanza 996,7 millóns de euros en vendas e mellora a súa rendibilidade, cun EBITDA de 56,6 millóns

A asemblea de Central Lechera Asturiana SAT aproba as contas do 2024

Asamblea de Central Lechera Asturiana SAT 2024.

Esta mañá, a Asemblea de Central Lechera Asturiana SAT aprobou as contas anuais correspondentes ao exercicio 2024, cun respaldo do 82% dos votos emitidos.

En canto ao Importe Neto da Cifra de Negocio do Grupo Central Lechera Asturiana (CAPSA, ASA, ASEAGRO, CLAS GESTIÓN e BIOGASTUR), alcanzou os 996,7 millóns de euros, o que representa unha caída do 5% respecto ao ano anterior.

Esta diminución atribúese principalmente á baixada das exportacións do produto industrial, así como ao compromiso sostido do grupo por ofrecer unha proposta de prezo competitiva nos seus produtos e servizos aos socios, en liña co seu propósito social.

A pesar do descenso na cifra de negocio, é relevante subliñar a mellora na rendibilidade do grupo. O EBITDA (Beneficios antes de intereses, impostos e amortizacións) pasou dos 45,3 millóns de euros rexistrados no 2023 a 56,6 millóns no exercicio actual, o que reflicte unha evolución positiva nos resultados económicos.

A peche de 2024, o Grupo Central Lechera Asturiana contaba cun censo de 6.506 socios dos cales, 784 son socios activos e 5.722 socios excedentarios. En canto ao número de empregados, suman 1.306 traballadores distribuídos nos seus oito centros de traballo. A recollida de leite neste exercicio situouse preto dos 813 millóns de litros.

O impacto positivo, no centro da estratexia do grupo
Xerar un impacto positivo na sociedade continúa estando no centro da estratexia do grupo de empresas, por iso a actividade das diferentes empresas que o conforman está orientada a acadar este fin, segundo subliña CLAS en nota de prensa.

De feito, a contribución económica do Grupo Central Lechera Asturiana en 2024 estaba próxima ao 2% do PIB do Principado de Asturias, segundo o estudo desenvolvido por KREAB para a empresa (efecto directo, indirecto e inducido da actividade económica da compañía).

O relevo xeracional no campo continúa sendo un dos principais obxectivos e preocupacións, por iso a empresa continúa ofrecendo facilidades a través dun modelo atractivo coa finalidade de que a xente nova poida ver as oportunidades que se lles poden presentar ao continuar con este traballo e modo de vida.

O Grupo Central Lechera Asturiana facilita aos seus gandeiros socios unha serie de servizos únicos (7 principais e 14 secundarios) para apoialos na produción dun leite de calidade co máximo nivel sanitario e de control do gando, ademais de continuar sendo a empresa que paga o prezo máis alto a estes pola súa leite, sendo un 8,63% superior ao prezo medio de España.

Se falamos dos produtos e o seu consumo, a principal empresa do grupo, CAPSA FOOD, mantén o liderado das marcas nos mercados de leite (16,3%), nata (18,4%) e manteiga (20,6%), pechando o exercicio cunha facturación de 921,7 millóns de euros e un EBITDA de 64,1 millóns de euros.

Ademais, continúa reforzando a presenza en queixos ao adquirir a mediados de 2024 o 40% de INNOLACT, propietaria da marca Quescrem, especialista en queixo crema. Esta operación consolidouse en 2025 ao ampliar a súa participación un 20%, ata chegar ao 60%. En canto ao mercado internacional, CAPSA FOOD amplía a súa presenza chegando a finais de 2024 a 57 países.

Neste exercicio, ASA reduciu a súa facturación respecto a 2023 como consecuencia da baixada do prezo dos insumos, algo que tamén impacta no menor prezo de venda dos seus produtos. En 2024, as súas vendas alcanzaron os 69,3 millóns de euros. Esta circunstancia non penalizou o seu resultado ao mantelo aliñado aos do exercicio anterior.

En canto a BIOGASTUR, empresa baseada na economía circular para a xestión, tratamento e valorización de xurros, leváronse a cabo investimentos que superan os 5 millóns de euros para poñer en marcha a produción e inxección de biometano á rede con residuos gandeiros e agroalimentarios, o que a converte en pioneira neste ámbito. Ademais, en 2024 mantivo o seu nivel de facturación en torno aos 3,5 millóns de euros, mellorando os resultados en relación a 2023.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *