Asaja considera que as axudas para os viñedos da Ribeira Sacra son compatibles coas pólizas de Agroseguro

Publicidade
Asaja considera que as axudas para os viñedos da Ribeira Sacra son compatibles coas pólizas de Agroseguro

Viñedo danado pola saraiba na Ribeira Sacra

Asaja valora positivamente as axudas aos viticultores da Ribeira Sacra afectados polo pedrazo que a Xunta publicou no DOG o pasado venres, 23 de setembro. Concretamente, van dirixidas a paliar os danos producidos o pasado 15 de agosto na zona de Doade (Lugo), debido a chuvascos tormentosos, que viñeron acompañados de aparato eléctrico e pedrazo. Segundo os datos da Consellería do Medio Rural, foron máis de 60 hectáreas as afectadas. Delas, case 54 están dentro da Denominación de Orixe. No que se refire aos viticultores, 283 sufriron a desfeita provocada por estas inclemencias climatolóxicas, dos cales 115 perderán este ano, coma mínimo, o 90% da súa produción.

As axudas outórganse baixo o Regulamento “de mínimis” no sector agrícola e destínanse aos produtores inscritos no Rexistro Vitícola de Galicia. Para poder ter acceso a elas, os viñedos deben ter unha antigüidade mínima de 4 anos. Son subvencionables as operacións de conservación e mantemento do viñedo, nas cales se inclúen a poda e a xestión dos restos de poda, os tratamentos fitosanitarios e o mantemento do solo.

Establécese un custo de referencia de 7.000 €/Ha para a conservación e mantemento do viñedo, cunha axuda do 100%. O importe máximo a percibir será de 15.000 € por viticultor, para un período de 3 exercicios fiscais, o actual e 2 anteriores (incluíndo outras posibles axudas agrícola de “mínimis”).

Compatibles cos seguros

O departamento técnico de Asaja valora que estas axudas son compatibles cos seguros subscritos a través de Agroseguro. Convén lembrar que as indemnizacións aos asegurados son sempre á produción perdida. Polo tanto, segundo as Condicións Especiais do seguro de Explotacións Vitícolas, non procede realizar as indemnizacións por compensación de gastos de poda neste caso, xa que esta compensación só se activa cando se realizan podas con anterioridade ao 10 de xullo despois dun sinistro. “Así pois, os viticultores afectados que dispoñan dunha póliza de seguro, uns 19 en Doade, tamén poden acollerse a estas axudas”, conclúen dende a organización agraria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información