En relación á recente polémica xurdida en torno ao debate sobre os rendementos da produción de uva na D.O. Rías Baixas, a Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) reclama “sensatez ante declaracións e actos” que consideran “desleais para o sector”.
Ante a importancia de medidas desta índole, desde ASAGA entenden que “antes de entrar en vigor deben contar cun consenso case total no sector”. “O pleno do Consello Regulador, formado por adegas, cooperativas e viticultores, debería aprobar unha norma destas características por unanimidade. Como actualmente non existe esa unidade de criterios, cremos que non se deben debater estas propostas”, precisan.
Dende ASAGA consideran que “a D.O. Rías Baixas demostrou unha notable resiliencia, mantendo a comercialización dos seus viños nun contexto difícil para moitas denominacións, así como un nivel de valor que outras zonas quixeran alcanzar”. “Este posicionamento -engaden- é froito do esforzo conxunto de viticultores, adegas e cooperativas, independentemente do seu tamaño”.
Neste sentido subliñan que “a Asociación Agraria de Galicia débese aos viticultores, polo que sempre buscará o mellor para os seus intereses profesionais”. “Os nosos representantes no pleno do Consello Regulador, apoiados nos nosos técnicos, continuarán a traballar diariamente para favorecer un desenvolvemento sostible da D.O., que permita aos produtores encarar o futuro con optimismo”, conclúen.
Galego









Control OJD