ASAGA alerta de prácticas abusivas aos produtores por parte das industrias lácteas

As empresas queren ampliar a duración dos contratos ata oito meses, fronte á negativa previa a subir por riba dos catro. A Asociación denuncia a diferenza no prezo entre pequenas e grandes explotacións, cunha variación de ata 10 céntimos por litro

GALLARDO SC (Mazaricos) eficiencia enerxetica placas intercambiadoras tanque leiteA Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) advirte de prácticas abusivas no mercado do leite. Nun contexto difícil para o sector, que vén de sufrir anos de prezos baixos e peche de explotacións, ao que se suma o descenso da produción de leite, as industrias lácteas están a tentar cambiar as condicións dos contratos que manteñen cos produtores.

Tras unha longa tempada na que se negaban a asinar contratos de máis de catro meses, as industrias están a propoñer a sinatura de novos contratos de polo menos oito meses. Un movemento que, lonxe de supoñer unha vantaxe, busca a blindaxe ante unha previsible mellora das condicións económicas para as produtoras nas próximas semanas. A ampliación dos contratos foi notificada a ASAGA por varios dos seus asociados nas últimas datas, tras ser estes avisados polas empresas de cara á próxima renovación dos actuais contratos.

“As industrias están a demostrar que unicamente miran polos seus propios intereses, aproveitándose dunha situación convulsa”, defende Francisco Bello, presidente de ASAGA. “Este movemento fai máis difícil a supervivencia das explotacións, que xa veñen de meses de ter que funcionar nun contexto de altísimos costes de produción, que dificultan enormemente a súa viabilidade económica”.

Prezo por litro

Ademais, ASAGA denuncia diferenzas notables de retribucións entre as pequenas explotacións e o resto na comunidade. Tras meses de manterse á expectativa, analizando datos recadados tanto a través dos propios asociados como de distintas causas xudiciais, a Asociación detectou que a variación no pago do leite pode chegar a supoñer entre 10 e 11 céntimos por litro máis para as granxas de maior tamaño fronte ás pequenas.

Isto supón que, de media, as empresas produtoras de menor tamaño reciben 40-41 céntimos por litro, mentres que as grandes cobran entre 50 e 51 céntimos de prezo base. Supón, por tanto, un 25% máis de remuneración. “No sector non se lembra unha diferenza tan brutal”, resume Bello. “As pequenas explotacións constitúen unha parte esencial da industria do leite en Galicia, e con esta diferenza de trato estase a producir un dano significativo en toda a cadea”.

“Resulta precisa unha revisión das condicións en profundidade, na que se impliquen todos os axentes, se queremos que o sector lácteo manteña a súa relevancia na comunidade e que non se expulse a ningún produtor do mercado”, concluíu Francisco Bello.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información