As xovencas de Rubia Galega vendéronse en Pedrafita a unha media de 2.137 euros

As xovencas de Rubia Galega vendéronse en Pedrafita a unha media de 2.137 euros

Subasta de Acruga

A vixésimo oitava edición do Certame de Gando Vacún de Pedrafita do Cebreiro celebrou este domingo, como parte da súa programación, a tradicional poxa de xovencas preñadas, organizada por Acruga, unha poxa na que ademais de adxudicarse os catro animais presentados a concurso obtívose un prezo medio de 2.137 euros, moi por riba da última poxa celebrada neste municipio da montaña lucense.

As xovencas preñadas procedentes da granxa Gayoso Castro, en Castro de Ribeiras de Lea, presentábanse ante os preto de 15 posibles compradores. Os prezos de saída para estas catro novelas preñadas fixáronse en 1.800 euros, cunha axuda á compra de 200 euros, grazas ao apoio da entidade Caixa Rural. A primeira das xovencas adxudicouse no prezo de saída, mentres que a segunda e a cuarta acadaron os 2.300 euros. A terceira vendeuse por 2,150 euros. Os compradores foron dous gandeiros de Friol e da propia Pedrafita, que levaron cada un dúas xovencas, despois dunha animada poxa.

O presidente de Acruga, César Dorado, sinalou ao termo da poxa que “de traer máis novelas, venderíanse igualmente”, dado o éxito da poxa. Segundo explicou “as boas calidades e garantías destes animais; a semana de choivas que melloraron os pastos e a asistencia de moitos posibles compradores puido influír nos bos resultados da poxa desta mañá”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información