As vendas de tractores novos caen un 17% en Galicia no 2015

A crise do sector gandeiro fai que Galicia retroceda na venda de todo tipo de maquinaria, salvo en equipos de tratamento fitosanitario e en máquinas de recolección, un mercado reducido

As vendas de tractores novos caen un 17% en Galicia no 2015

As vendas de maquinaria en Galicia dependen en boa medida dos prezos do leite.

A crise gandeira déixase notar nos sectores que dan servizo ás explotacións, caso do da maquinaria agrícola. No 2015, as vendas de maquinaria en Galicia cairon de media un 16,6 %, segundo os datos do Ministerio de Agricultura. Fronte ás 2.881 máquinas que se venderon no 2014, o último ano saldouse con 2.402 unidades. Por categorías, en tractores comercializáronse 605 unidades (un 17% menos), 236 maquinarias automotrices (-7,81 %), 936 máquinas arrastradas ou suspendidas (-16,2%) e 623 remolques (-19,4 %).

En contraste cos datos galegos, a estatística a nivel de toda España reflicte un aumento das vendas de maquinaria superior ó 6%. Comercializáronse 32.000 unidades fronte ás 30.000 do 2014. En tractores, as vendas ascenderon a 10.587 máquinas. A venda de tractores tocou fondo no 2012, con 8.600 unidades, e desde entón recupérase de xeito progresivo.

Cota de mercado das marcas de tractores novos en España no 2015.

Cota de mercado das marcas de tractores novos en España no 2015.

A comercialización de maquinaria en Galicia, en cambio, experimentou unha baixada en todas as categorías no 2015, salvo na maquinaria para tratamentos, que medrou un 15% en vendas, e na maquinaria automotriz de recolección de forraxes, un mercado minoritario.

Tractores usados
En Galicia, chama a atención o peso do mercado de tractores de segunda man, que representa máis dun 20% do total español. Por cada tractor novo que se merca na comunidade, cambian de titularidade sete usados.

A maior parte dos intercambios concéntrase ademais en máquinas de máis de 20 anos, unha circunstancia da que teñen advertido os fabricantes de maquinaria polos problemas de seguridade que poden xerar estes tractores, como a ausencia de estruturas antienvorcadura. Dos 4.118 tractores que cambiaron de mans na comunidade no 2015, 3.068 tiñan máis de 20 anos. Galicia destaca tamén a nivel estatal pola importación de tractores de segunda man, segundo os datos do Ministerio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información