
Carmen Lence, xunto á conselleira María José Gómez, nunha visita á planta do Ceao no mes de outubro pasado
O Grupo Lence, a terceira empresa que máis leite recolle na actualidade en Galicia trala multinacional francesa Lactalis e a cooperativa Central Lechera Asturiana, súmase ás súas competidoras na súa estratexia de aplicar maiores incrementos no prezo do leite ás granxas máis grandes.
A empresa lucense adianta a sinatura de contrato ao 1 de abril, malia que o vixente estaba en vigor até o 30 de abril, cunha suba de 2 a 4 céntimos en función do volume de entregas e a calidade hixiénico-sanitaria do leite. O novo contrato ten unha duración de 4 meses, polo que se revisará de novo en agosto, ao igual que a maioría de empresas que recollen leite en Galicia.
O prezo do Grupo Lence vai de 44,5 a 49,5 céntimos, en función do volume e a calidade hixiénico-sanitaria
A propietaria de Leite Río e Leyma fixa o prezo base do novo contrato en 41,5 céntimos, xa contando co pago por benestar animal, máis unha prima de fidelidade de 3 céntimos. Sumando o volume e a calidade hixiénico-sanitaria, o prezo máximo teórico dunha granxa que entregue ao Grupo Lence até o 31 de xullo será de 49,5 céntimos (para unha explotación de máis de 300.000 litros mensuais que teña menos de 190.000 células e menos de 25.000 xermes).
En agosto o Grupo Lence baixara 2 céntimos o prezo base
En agosto pasado, cando asinara o último contrato por 9 meses, o Grupo Lence baixara 2 céntimos o prezo base, deixándoo por baixo dos 40 céntimos (39,7). Agora recupera 1,8 céntimos e inclúe dentro do prezo base o pago por benestar animal, que no contrato vixente representaba 0,1 céntimos.
Con todo, logo da criba feita fai uns anos, cando prescindira das granxas atadas e das que non superaban a auditoría de benestar animal realizada pola empresa, na actualidade o Grupo Lence só recolle leite en granxas certificadas co protocolo Welfair.
Leite Río esixe ás súas granxas cumprir co certificado de benestar animal pero non o paga a maiores no prezo do leite
A empresa lucense presentou esta semana aos 350 gandeiros das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra aos que recolle o leite (uns 900.000 litros diarios) a nova proposta de contrato por 4 meses, sen terlles remitido antes unha oferta por un ano, como marca a lei, polo que no momento de asinar o novo contrato os gandeiros recibirán tamén a oferta preceptiva, que deberán asinar con carácter retroactivo, unha práctica que tamén seguen outras industrias para cubrirse as costas fronte ás multas da AICA, xa que a oferta previa, segundo a normativa legal vixente, tiña que ter sido presentada e entregada ás explotacións con 2 meses de antelación ao vencemento e data de renovación do contrato vixente.
Suba de medio céntimo en xaneiro
Leite Río estivo agardando a que a semana pasada presentara o seu contrato Lactalis para saír, cando xa o tiñan feito tamén as demais industrias que compiten no mercado galego de compra de leite, como Larsa, outra das súas competidoras directas no sector do envasado de leite líquido, ao igual que Reny Picot, Celta ou Naturleite.
Leite Río saiu unha vez máis a rebufo das demais industrias
Leite Río presentou o novo contrato logo de subir medio céntimo en xaneiro, despois de que nas renovacións levadas a cabo no mes de decembro algunhas empresas melloraran os seus contratos (outras que non o fixeron daquela, como Naturleite, van pagar agora unha prima única en abril).
Deste xeito, unha granxa media de 100 vacas en muxidura que entregara o leite ao Grupo Lence cobrou en decembro o leite a 44,5 céntimos e a partir de xaneiro a 45, pasando a cobralo agora a entre 47 e 48 céntimos en función da bacterioloxía e as células somáticas.
Dous niveis dentro da calidade hixiénica
Leite Río toca tamén no seu novo contrato as primas en función da calidade hixiénica do leite entregado, establecendo dous niveis. Até agora a maior parte dos gandeiros cobraban 1 euro por tonelada por benestar, outro por bacterioloxía e outro por células (menos de 30.000 xermes e 250.000 células).
A ‘super A’ de Río pasará a pagarse cunha prima dun céntimo en litro
No novo contrato establécese un chanzo máis esixente, de maneira que as granxas que estean entre 25.000 e 29.000 xermes seguirán cobrando 0,1 céntimos e entre 190.000 e 249.000 células outro 0,1, igual que até o de agora, pero aquelas explotacións que estean por debaixo dos 25.000 xermes pasarán a cobrar medio céntimo e outro 0,5 se baixan das 190.000 células. Deste xeito, a super A de Río pasará a pagarse con 1 céntimo en litro, fronte aos 0,2 céntimos actuais.
Catro céntimos para as explotacións máis grandes
Malia que Carmen Lence fai sempre gala publicamente de defender o rural galego e as explotacións de carácter familiar, o Grupo Lence imita no novo contrato a Larsa e a Lactalis, aumentando as bonificacións por cantidade para as explotacións máis grandes, establecendo novos grupos de entrega por arriba.
O Grupo Lence establece a partir de agora 6 chanzos na súa prima por cantidade
Así, as novas primas por volume van de 1 até 4 céntimos, segundo a seguinte escala: de 20.000 a 50.000 litros ao mes, 1 céntimo; de 50.000 a 100.000, 2 céntimos; de 100.000 a 150.000, 2,5 céntimos; de 150.000 a 200.000, 3 céntimos; de 200.000 a 300.000, 3,5 céntimos; e máis de 300.000, 4 céntimos. En caso de baixar no nivel asignado un mes concreto descontaríase medio céntimo ese mes na prima establecida correspondente ao volume habitual de entregas da granxa.
Leite Río está a prescindir nos últimos anos das granxas pequenas para centrar a súa recollida en explotacións máis grandes, pasando dunhas 435 ganderías a unhas 350
En canto á grasa e á proteína, queda como está, logo de ter sido modificadas as primas por sólidos no último contrato, un cambio nas retribucións das calidades, en concreto da graxa, nun contexto de revaloriación da manteiga, co que o Grupo Lence buscaba incrementar a porcentaxe de graxa do leite que recibe nas súas plantas de Lugo e Arteixo.
A empresa seguirá aplicando nos novos contratos unha penalización de 0,6 céntimos por baixo de 3,5% en cada décima de menos. Entre o 3,5% e o 3,7% de porcentaxe de graxa non haberá prima nin tampouco penalización, como ata o de agora, entre 3,7% e 3,8% pagarase a 0,3 céntimos e a partir do 3,8% de graxa cada décima de incremento incentivarase con 0,4 céntimos.
Aumenta a desigualdade entre granxas leiteiras dentro de Galicia
A tónica xeral na renovación dos contratos do leite esta primavera en Galicia está a ser unha alza de prezos desigual, da que se están a beneficiar principalmente as granxas máis grandes, fronte ao estancamento no prezo ás ganderías máis pequenas, co que a desigualdade entre unhas e outras, segundo o seu tamaño continuará a aumentar, o que levou ás organizacións agrarias a reclamar unha rectificación na estratexia que están a seguir as industrias e unha actuación urxente por parte da Consellería en defensa das granxas máis pequenas.
Os datos oficiais do FOGGA, correspondentes ás declaracións realizadas polos compradores de leite na comunidade na aplicación Infolac, reflicten no mes de xaneiro (o último dispoñible) unha diferenza de 6,6 céntimos entre o prezo final que cobraron as granxas máis grandes (47,98 céntimos para as explotacións con entregas de máis de 700.000 quilos) e os 41,38 que cobraron as máis pequenas, as de menos de 100.000 quilos entregados.
A partir de abril, as diferenzas de prezo entre granxas grandes e pequenas superarán con toda seguridade os 7 céntimos en litro
Polo medio, a distribución de prezos quedou do seguinte xeito: 44,21 céntimos para o estrato entre 100.000 e 200.000 quilos; 45,25 para o grupo entre 200.000 e 300.000; 45,98 para as ganderías entre 300.000 e 400.000; 46,74 para as explotacións entre 400.000 e 700.000 quilos.
No caso das ganderías ecolóxicas, a diferenza é de máis de 6 céntimos na actualidade, entre os 65 céntimos que cobran as máis grandes e os 58,73 que cobran de prezo final as máis pequenas.
As tres empresas que máis leite recollen en Galicia (Lactalis, Larsa e Leite Río) apostan por subir o prezo ás explotacións de máis volume, ao igual que Celta ou Reny Picot
Haberá que agardar a ter o dato correspondente ao mes de abril, o primeiro do novo contrato, para facer unha comparativa, pero con toda seguridade as diferenzas aumentarán, aos estaren disparándose as primas por volume na parte alta nas tres principais empresas compradoras de leite en Galicia (por esta orde, Lactalis, Larsa e Grupo Lence), xa que as bonificacións por cantidade pasan a ser de 5,5 céntimos na multinacional francesa, de 6 para a cooperativa asturiana e de 4 céntimos en litro caso da empresa lucense.
Nos últimos 5 anos as diferenzas incrementáronse en máis de dous céntimos
No último ano, as diferenzas incrementáronse en 0,34 céntimos, se temos en conta as cifras do mes de xaneiro de 2025 con respecto ás do mesmo mes de 2024, cando a fenda entre as explotacións de maior tamaño e as de menor produción era de 6,26 euros (50,19 céntimos o prezo final das granxas máis grandes fronte aos 43,96 das máis pequenas).
Fai 5 anos, en xaneiro do 2020, cun prezo do leite sensiblemente máis baixo, as diferenzas eran moito menores, de 4,38 céntimos, entre os 33,34 que cobraban as explotacións máis grandes e os 28,96 das máis pequenas.