“As pradeiras son o pesebre das nosas vacas”

Visitamos a explotación de Daniel Veiga na Pastoriza. En 2007 decidiu cambiar o sistema de produción intensivo por un semi-extensivo, sacando as vacas do establo a pacer nos prados. “A produción láctea baixou pero a rendibilidade é maior e tanto nos como as vacas temos mellor calidade de vida”, asegura.

“As pradeiras son o pesebre das nosas vacas”

Marcos, Ángeles e Daniel coas súas vacas

Daniel Veiga e Ángeles López teñen unha explotación gandeira de vacún de leite no concello lucense da Pastoriza, na parroquia de Miñotelo, con 83 vacas, incluíndo as xovencas, e un total de 48 animais están en muxido. Ata aquí todo se podería asemellar a calquera explotación láctea de Galicia de tamaño mediano.

Pero se engadimos que nesta explotación non sementan millo, que as vacas pasan o 60% do seu tempo pacendo nos prados e que a produción media anda nos 25 litros por día, máis dun gandeiro preguntarase se esta granxa é rendible. “Vivimos da explotación 3 persoas e somos máis rendibles que cando estabamos en intensivo porque temos menos custos de produción e adaptámonos mellor aos cambios de prezos do leite no mercado”, resposta Daniel.

“Fixemos o cambio a semiextensivo porque nos parece máis sostible a longo prazo”

E é que a explotación de Daniel tamén estivo en intensivo, con medias de produción por vaca superiores aos 32 litros, baseando a alimentación no ensilado e nos concentrados.

A saída das vacas aos prados produciuse no ano 2007, unha decisión que segundo Daniel Veiga se debeu a que “o sistema intensivo parecíanos un futuro a curto prazo, e que para mellorar tanto o benestar das nosas vacas como o noso era conveniente camiñar cara un sistema de pastoreo”.

Asegura que non houbo problemas de adaptación do gando “xa que para as vacas supuxo volver ao seu sistema natural e para nós só supuxo deixar de aparecer na revista e saír de Control Leiteiro”.

Recoñece que foi importante a baixada de produción ao pasar a basearse a alimentación das vacas case en exclusiva nas 47 hectáreas de pasto coas que contan. “Pasamos dunha media de 32 litros por vaca e día a 25, pero o que ten que facer o gandeiro -recalca- é borrar da súa cabeza os litros de leite que produce a vaca e pensar no que lle queda a el do que dá esa vaca”.

 “Adaptámonos mellor ás oscilacións do prezo do leite”

Neste sentido, salienta que “a marxe neta da explotación viuse incrementada bastante con este cambio xa que reducimos moitos gastos”. Sobre todo en concentrados -empregan 200 gramos por litro de leite-, horas de uso da maquinaria, combustible, menciñas, veterinarios….“E principalmente -destaca- á hora de recoller as forraxes, xa que non é o mesmo recoller con maquinaria o 100% da forraxe a que as vacas pazan en verde entre o 55 e o 60% e que che quede un 45% para recoller”.

Outra vantaxe importante que salienta este gandeiro é a maior adaptación ás oscilacións do prezo do leite: “Agora somos unha explotación máis flexible para adaptarnos aos vaivéns do mercado porque non temos esa cantidade de facturas todos os meses que te están presionando”. Iso si, recoñece que “se o leite se pagara caro, como pasou hai uns anos, sería máis rendible o sistema intensivo, pero este é máis sustentable no tempo”.

Na explotación de Daniel Veiga véndenlle o leite a Leche Río, dentro do sistema Leyma Natura Omega 3, a 0,30 euros o litro e cunhas calidades de 3,5% de proteína e 3,9% de materia graxa.

Menos problemas sanitarios e máis lonxevidade das vacas

No relativo á sanidade, Daniel Veiga afirma que “co sistema semiextensivo os problemas sanitarios reducíronse moito, tanto de patas e pezuñas como de mamites, e as vacas non están estresadas”. Ademais, aumentou a lonxevidade dos animais, pasando dunha media de 3 partos a preto de 5. E é que en opinión deste gandeiro “o establo é moi bo para o gandeiro pero moi malo para a vaca, por moi cómodo que teñas o animal”.

Sobre os inconvenientes do sistema en semi-extensivo só lle ve dous. O primeiro é a distancia: “Os prados non poden estar lonxe, no noso caso a finca máis afastada está a 1,6 kilómetros e penso que é o límite”. E o segundo: “tes que ir ao prado dúas veces ao día a levar e recoller as vacas…pero iso incluso é bo para o colesterol”, bromea.

Como é o día dunha vaca nunha explotación en semi-extensivo?

As vacas pasan a maior parte do tempo pacendo

As vacas pasan a maior parte do tempo pacendo

O dia a día destas vacas comeza ás nove da mañá co muxido, que se prolonga ata as dez. Ás once saen para os prados onde están pacendo ata as sete da tarde, cando son tanguidas de volta á explotación. Ao chegar reciben algo de concentrado, son muxidas, danlles unha ración de silo de herba con palla e quedan na corte ata o día seguinte.

O silo de herba é producido na propia explotación: uns 200 rulos e arredor de 250 metros cúbicos nun silo en zanxa. A palla e o concentrado si se compran. Este último componse dun 50% de fariña de millo e o resto fariña de soia, cebada e polpa de remolacha. A ración de concentrado dáse a man, de forma personalizada, a aquelas que o necesitan e a cantidade varía segundo o estado da vaca.

“As pradeiras son o pesebre das nosas vacas”

“As pradeiras son o pesebre das nosas vacas”, con esta frase Daniel resume o centro arredor do que xira esta explotación. Un gandeiro neozelandés diría o mesmo doutro xeito: “Nós non producimos leite, producimos pastos”.

Neste sentido, Daniel deixa claro que “a vaca non pode saír ao prado se non ten que pacer”. Asegura que “para que a vaca produza o pasto debe ter unha altura mínima de 10 ou 12 centímetros e tes que sacala do prado cando a altura do pasto chegue aos 6 ou 7 centímetros”. O tempo de rotación depende da estación: “na primavera pode recuperar o pasto a altura en 10 ou 15 días, pero neste tempo de outono fanlle falta 20 días ou máis”.

“Non ten sentido botar a vaca ao prado se non ten que pacer”

En canto ás variedades, utilizan unha combinación de raigrás inglés e trevo branco, principalmente. Tamén están a empregar novas mesturas nas que engaden algo de dactylo, festuca e feo e que xa empregaron nunha finca de 7 hectáreas renovada en setembro tras 14 anos a pradería.

Un aspecto importante no coidado dos pastos é o abonado. Na explotación de Daniel faise en primavera ou a últimos de inverno. Fertilizan cun abono complexo NPK e, se é necesario, tamén realizan un encalado. Recoñece que o abonado “faise en función de como fora o ano, sen facer análises de terras porque os resultados tardan en chegar e tamén porque nos falta esa cultura de analizar as terras”.

As vacas están nos prados ata decembro, momento no que son estabuladas ata o 15 de marzo, cando volven saír a pacer. “Nos meses de inverno, con pouca luz e moita humidade, nesta zona hai parada vexetativa e as vacas estragarían o pasto”, explica Daniel. Durante eses meses de inverno a alimentación baséase no ensilado de herba, palla e nunha ración de concentrado.

Segundo Daniel, o cambio climático tamén empeza a afectar aos pastos desta zona, especialmente no verán. “Na Pastoriza -explica- antes non existía a seca estival pero agora si, polo que hai que complementar con forraxes recollidas e con concentrado”.

“Estámonos pasando á raza Normanda porque é unha vaca moi completa”

Outro aspecto diferenciador desta gandería é a aposta pola raza Normanda para a produción láctea. Daniel Veiga explica que “o principal motivo de cambiar a raza Holstein pola Normanda ou de empezar a cruzala foi que para producir menos non nos facía falta unha vaca que da moitísimo leite como a Holstein”.

Empezaron probando coa raza Jersey que descartaron porque “aínda que é unha raza produtora, de menor tamaño e peso, ten o problema de que é moi nerviosa e agresiva no rabaño”. Finalmente decidíronse pola raza Normanda, “unha vaca rústica, con máis peso e máis capacidade de inxesta de pasto e, sobre todo, moito máis tranquila e fácil de dominar”.

Ademais, Daniel salienta que “é unha vaca á que lle van moi ben os becerros de cruce industrial, que nestes momentos nolos están a pagar a un bo prezo”. Agora mesmo teñen 24 vacas de raza Normanda.

Sobre o futuro, Daniel asegura que “só existe o pasado e o presente”. Gustaríalle iso si, ampliar a base territorial da explotación para mellorar o manexo e aumentar o rabaño, algo que recoñece que é difícil nunha zona con alta demanda de terra como a Pastoriza. Mentres tanto, as vacas desta gandería pasan os seus días pacendo na verde campiña, unha imaxe bucólica que xa empezaba a ser inusual.

As vacas pacendo nos prados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información