“As pradeiras e os cultivos son a barreira máis efectiva para que o lume non avance, esa é a mellor prevención”

Aínda que o perigo xa pasou, na parroquia de Castromil -que ten unha parte na Mezquita e outra en Hermisende (Zamora)-, pasárono realmente mal nas primeiras xornadas dos lumes. Falamos con José Ramón González, un gandeiro produtor de carne de vacún que ten terreos tanto na provincia de Ourense como na de Zamora. González é tamén responsable do sector de vacún de carne no sindicato Unións Agrarias.

-Como estades en Castromil? Como afectou este incendio á aldea?

Agora está aparentemente extinguido, pero foron xornadas moi duras. Sobre todo o día 14 pola noite. Tivemos que saír os veciños todos para facer cortalumes e botar auga. Xente sen durmir, regas perimetrais…moito traballo e moitos nervios.

En principio xa non hai perigo pero todos estes días houbo pequenos rebrotes que tivemos que controlar. E o vento tampouco axuda en nada. Estivemos os veciños tanto da parte galega como da castelá traballando e vixiando. Quizá por eso puidemos evitar unha traxedia maior.

-Que axuda recibistes para salvar a aldea e o gando dos lumes?

O día 14 foi o máis crítico. Pola mañá non veu ninguén e pola tarde e a noite só tivemos axuda puntual dos bombeiros da Mezquita e de Hermisende. Axuda que agradecemos porque os seus concellos tamén estaban ardendo.

No momento máis duro, o 14 pola noite, fomos os veciños os que nos enfrontamos o lume. Conseguimos frealo empregando auga dun regato e que non chegara a zona onde temos o gando. O día 15 viñeron dúas brigadas de Castela-León e axudaron a perimetrar cun bulldozer por se reavivara o que apagamos. O que fixemos nos seguintes días foi sobre todo regar.

-Ademáis de veciño, tamén es gandeiro, como che afectou á túa explotación?

Aínda non fixen balance pero calculo que puideron arder unhas 15 ou 20 hectáreas de pasto e como 2 quilómetros de valo perimetral das leiras. O valo non queda outra que repoñelo. Pero, co que se viviu sobre todo o día 14, pouco pasou para o que puido ser.

Eu creo que fun afortunado aínda que arderon zonas de pasto en áreas elevadas que tiña reservadas para estes días. A min debeume arder un 30% da superficie, pero salvei o que tiña almacenado. Realmente son un privilexiado porque sei de compañeiros en Vilardevós ou Viana do Bolo que lles ardeu absolutamente todo. Non teñen nada para darlle as vacas e ovellas.

Hai gandeiros na provincia que perderon absolutamente todo o pasto e as forraxes. A eses hainos que auxiliar de forma urxente

-Nesta zona levades décadas facendo fronte a lumes forestais, que consideras que diferencia este dos anteriores?

Dende logo son uns lumes que pasarán á historia. Eu nunca vin nada igual. Xa non só pola cantidade de terreo que ardeu senón pola velocidade coa que avanzou o lume. Con cada racha de vento cambiaba de dirección ata que ardía por todos lados. Houbo momentos en que estabamos facendo cortalumes cos tractores e tivemos que fuxir porque non se sabía nin como nin por onde ía vir.

Os veciños de Castromil saíron ao monte para frear o lume

Os veciños de Castromil saíron ao monte para frear o lume

Ademais o lume non avanzaba de xeito uniforme. Era como se saltara. De súpeto aparecía dez metros máis adiante sen queimar o que quedaba no medio. Ese foi o gran problema, que ía en todas as direccións. Afortunadamente, despois dos peores momentos xa se puido traballar co vento ao noso favor.

-Máis alá da cuestión do acto criminal de quen lle pon lume, a que atribúes o desastre destes lumes forestais que só na provincia de Ourense levan arrasadas maís de 50000 hectáreas?

Indubidablemente, as persoas que prenden o lume son as principais responsables. Pero, cando ese lume avanza quilómetros e quilómetros, hai que recoñecer que as cousas non se están facendo ben. Todos os anos comprobamos que as políticas de prevención da Xunta non funcionan. Non poño en cuestión o seu esforzo, pero é obvio que non serve.

A Xunta pode gastar 100 millóns ou 1.000 millóns e será igual. O que falla é o modelo. Para a prevención hai que contar cos que vivimos aquí. Ourense ten só un 10% de Superficie Agraria Útil (SAU), o que fai que haxa unha continuidade de monte baixo e mato que é imposible de apagar.

A Xunta pode gastar 100 millóns ou 1.000 millóns en políticas de prevención e o monte arderá igual. Porque o que falla é o modelo

Esa continuidade só se pode atallar mediante a gandería e a agricultura. As pradeiras e outros cultivos non forestais son a barreira máis efectiva para que o lume non avance. Por suposto que son precisos máis cortalumes, pero nada é tan efectivo como a actividade agrogandeira. A xente do campo nunca somos o problema, máis ben somos case sempre a solución.

-Como cres que incidiu o feito de que tiverades esta gandería en extensivo en Castromil á hora de paliar os efectos do incendio destes días pasados?

Sinceramente, creo que foi eso o que máis contribuiu a parar o lume. Dende a cima ata a ladeira dos montes onde están as vacas faise unha ribeira que foi a que serviu de freo contra as lapas. Os cortalumes que fixeron os bulldozers nos nosos prados axudaron a salvar a parroquia.

De feito, onde máis ardeu foi nun lugar duns 550 metros onde as vacas non entran. Foi alí onde máis esforzo tivemos que facer.

-Como se presentan os vindeiros meses para seguir alimentando o teu gando?

Xa digo que eu fun afortunado. Como moito terei que mercar un par de camións de comida. Segundo se apague o lume, hai que centrarse en axudar os máis prexudicados. Porque hai quen só ten comida para vinte días e o outono xa está chegando. O importante é que todos os gandeiros saiamos adiante e poidamos continuar coa actividade. Porque todos somos necesarios.

González avoga por crear liñas de axuda inmediata os gandeiros máis afectados

González avoga por crear liñas de axuda inmediata os gandeiros máis afectados

Nesta comarca de Viana hai xente moi afectada. E tamén no resto de comarcas gandeiras onde chegou o lume. Hai xente que quedou sen absolutamente nada que poder darlle as súas vacas e ovellas. Eso é moi duro.

– O Consello da Xunta anunciou as primeiras axudas para as persoas afectadas polos lumes. Que consideras que se debería ter en conta para que realmente sexan efectivas, no caso das explotacións gandeiras?

Pois o primeiro será establecer prioridades. Para min están moi claras. O primeiro é localizar os gandeiros que tiveran baixas na súa cabana e indemnizalos de xeito inmediato. O segundo debe ser achegar axudas para a compra de comida para os animais que poidan consumir agora e no inverno.

E o terceiro paso é que se cambie o rumbo nas políticas de prevención. A Xunta de Galicia e a Junta de Castilla-León teñen que mudar o que se está facendo mal. Non serve de nada limpar un terreo e deixar que o mato volva nacer. Hai que darlle un uso gandeiro ou agrícola.

Tanto o goberno galego como o castelán-leonés teñen que revisar a fondo a súa política de ordenación do territorio nas zonas que arden

Este non é o ano de máis lumes en Galicia. Ten ardido moito máis territorio e en máis incendios. O que pasa é que nunca se viu que se creara unha continuidade que fai que todo pareza o mesmo lume.

-Que outras medidas consideras que debería poñer en marcha as distintas administracións para axudar, en concreto aos gandeiros afectados?

Eu pediría que coa maior urxencia se axilice a burocracia que tanto nos limita para todo e que se busquen fórmulas para que os gandeiros poidamos ter acceso a eses terreos que arden por estar desatendidos e que serían moi útiles para as explotacións gandeiras e para a veciñanza destas zonas.

Conseguir alimento para as vacas é agora a principal prioridade

Conseguir alimento para as vacas é agora a principal prioridade

Todos os requisitos e restricións que nos poñen para calquera acción que desenvolvemos como gandeiros acaban tendo efectos negativos aínda que estean benintencionados. E logo hai cousas sen sentido como non poder levar as vacas pacer a terreos dunha comunidade de montes que fai uso forestal porque é a comunidade a que fai a limpeza. Surrealista.

Dende logo que as queimas autorizadas serían un método do máis eficaz para combater os lumes e rexenerar os solos.

O que está claro é que esto non pasaba nos anos 70. Os repoboamentos con piñeiros e a prohibición de que o gando se achegara as plantacións levou a unha deriva imparable que hoxe estamos padecendo. Haberá que botar a vista atrás e adiante, é decir, recuperar os pastos e utilizar as novas tecnoloxías. Só así poderemos facelo atractivo e que haxa relevo xeracional. Porque ese é o seguinte problema que hai que analizar e que tamén ten que ver cos lumes.

-Que consideras que está fallando por parte das distintas administracións para anticiparse ou paliar en parte os efectos desastrosos destes grandes incendios?

Aquí fallou todo. Fallou a prevención e fallou a extinción. Andivo unha motobomba municipal que a moveu o alcalde por todo o concello e estivo noites sen durmir. E logo unha cisterna da comunidade de montes. Eses foron os medios. Así que, repito, aquí fallou todo.

-No caso das queimas de inverno, hai quen critica que por parte da Xunta se están obstaculizando nos últimos anos, como medida para reducir a cantidade de biomasa nos montes e crear pastos para o gando. Cal é a túa valoración?

As queimas autorizadas de inverno serían unha das mellores solucións. Pero resulta que se a pides e o lume se descontrola, podes acabar preso. Eso xa bota para atrás. O prego de condicións que che poñen diante é como para pensalo moi ben pensado.

E eso que aquí sempre se fixeron queimas. Nunha parte do monte había moitas ovellas e facían queimas en novembro, o que lle chamaban “as roxas”, e xerábanse pastos para o ano seguinte. Queimar dúas ou tres hectáreas en novembro e marzo fíxose toda a vida e nunca pasou nada. Ao contrario, non había incendios e a terra era máis rendible e sustentable.

-Hai quen atribúe estes lumes ao cambio ou emerxencia climática case en exclusiva. Como valoras esta opinión?

Eso é evidente. O que pasa é que e un factor no que non podemos incidir. Ou polo menos non podemos incidir a curto prazo. Eu nunca lembro 32º C ás doce da mañá en zonas da Gudiña situadas a 1.200 metros de altitude. E agora pasou.

O cambio climático é innegable. Pero é un parámetro no que non podemos incidir. Só podemos actuar en frear o abandono e modificar a prevención

Pero é algo que terán que solucionar nas altas esferas e nas súas reunións. Aquí só podemos incidir en frear o abandono e en corrixir as políticas de prevención dos incendios forestais.

En Castromil seguen alerta logo do susto vivido cos lumes

En Castromil seguen alerta logo do susto vivido cos lumes

-Pola contra, dende o outro extremo, considerárase que o problema é a criminalización do agricultor e gandeiro, e o exceso de burocracia e normativas que lles impiden xestionar de forma efectiva e rendible o territorio rural. Compartes esta reflexión?

O da criminalización do gandeiro é algo que temos que empezar a mirar. Aquí hai moito profeta que redacta informes sobre emisións e capturas de carbono. Pero nin veñen aquí a nada nin aportan solucións cando hai incendios.

Repito que o gandeiro non é o problema senón a solución. Porque é a solución práctica que está no territorio. O outro son solucións teóricas que só están enriba do papel. Nós levamos toda a vida facendo o mesmo, así que ten pouco sentido incluso matemático culpabilizarnos a nós do aumento de emisións ou do quecemento global.

E é innegable que se están inculcando -sobre todo en ámbitos urbanos- unha serie de dogmas relativos á gandería que son totalmente falsos e que só tratan de desprestixiar un sector que leva acompañando a humanidade dende que naceu.

-Dende comezos dos anos 80, co progresivo abandono do rural, levamos cada certo tempo padecendo en Galicia, e en especial na provincia de Ourense, estas vagas de lumes. Mesmo hai comisións parlamentarias sobre como facer fronte ao problema, a última a raíz dos lumes de 2017. Pero a situación vai a peor en situacións extremas. En que se está fallando? Que medidas se deben poñer en marcha?

Non é viable volver ao modelo dos anos 80 cando o monte non ardía, con centos de familias e pequenas explotacións. Non vexo factible que aquí volva haber 500 habitantes. Oxalá. Pero co aumento do tamaño das explotacións e co uso das novas tecnoloxías si que poderiamos ter unha paisaxe semellante a daquela época e volver ser un territorio que non arde.

Ademais o sector cárnico nesta provincia está vivindo unha reconversión brutal. Cun aumento exponencial da posibilidade de aumentar a carga gandeira de cada granxa. As explotacións teñen que redimensionarse e modernizarse. Sabemos que hoxe hai que ir a 60 ou 80 vacas cando nos 80 podìa vivir unha familia con 20. Eso é así.

Temos que facer todos o posible para que esto non se repita. Porque non podemos seguir así toda a vida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información