Os máis de dous millóns de hectáreas de monte con que conta Galicia constitúen un potencial de xeración de riqueza que marcha a medio gas. O minifundio nas propiedades privadas e o abandono da xestión de parte da superficie forestal son dúas das principais eivas que lastran as posibilidades de desenvolvemento, de acordo co informe sobre situación e perspectivas do sector forestal que vén de presentar o Foro Económico de Galicia, unha plataforma conformada por empresas e universidades galegas para tratar de influir nas políticas públicas.
O autor do informe é Juan Picos, profesor da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (Universidade de Vigo) e ata 2010 director da Asociación Galega Monte Industria. Falamos con el sobre algunhas das propostas que suxire no informe para mellorar a xestión do monte.
– Unha das cuestións que máis destaca no seu informe é a necesidade de incentivos fiscais á xestión do monte. Explíquenos a súa proposta
– As políticas públicas teñen a capacidade de convencer á xente sobre cal é o camiño a seguir. En España temos exemplos de incentivos fiscais en campos como a compra da vivenda ou a subscrición de plans de pensións, que contribúen a levar o capital acumulado a determinados investimentos. Falando do monte, a Administración nalgúns casos adopta medidas que teñen que ser coercitivas, como o control da forestación de superficie agraria, pero noutros casos podería impulsar incentivos para que os propietarios forestais fagan unha mellor xestión. Trátase de empoderar ós propietarios, incentivalos para ser mellores. Se os propietarios non teñen incentivos, poden optar por meter os cartos no sistema financieiro e non investir no monte.
“En España, temos exemplos de incentivos fiscais na compra de vivenda ou nos plans de pensións”
– Desde o punto de vista do propietario, ¿pode pensarse que o gasto no monte non compensa?
– Que cada propietario atenda as súas contas e valore se lle convén investir ou non no monte pode ser unha decisión individualmente intelixente, pero colectivamente desastrosa. O aumento da cantidade e calidade da madeira que implica unha boa xestión forestal repercutiría nun futuro nun maior desenvolvemento rural, en máis traballo no sector e en máis ingresos para as contas públicas pola xeración dun valor engadido máis alto. Por outra parte, o propietario sabe que se non inviste vai ter unha madeira de baixa calidade, así que despois tampouco debería queixarse por ter un prezo baixo da madeira.
– Un dos camiños que apunta para a mellora da xestión pasa pola agrupación de propietarios para superar o minifundio, pero tamén aí detecta unha fiscalidade que máis que incentivar, desincentiva ó propietario.
– O modelo de agrupación a través da figura das Sociedades Forestais (Sofor), promovido pola Xunta, ten o lastre dun modelo fiscal que perxudica ó propietario integrado nunha Sofor en comparación coa fiscalidade dun propietario individual, como queda de manifesto nunha comparativa que elaboraron The Boston Consulting Group e a Asociación de Becarios da Fundación Barrié. (Segundo esa análise, a tributación media do propietario integrado nunha Sofor sería dun 33%, en tanto o propietario individual tería unha fiscalidade media dun 8,6%).
“Que o propietario non invista no monte pode ser intelixente a nivel individual, pero colectivamente é un desastre”
– Un dos grandes problemas do monte en Galicia a nivel das políticas públicas son os incendios. Vostede aposta por medidas que eviten que o lume se coma os cartos que poderían ir para xestión.
– Os incendios son un problema máis alá da xestión forestal. É un problema de orde público que ten que abordarse desde políticas integrais. Hai que ter claro ademais que a xestión e posta en valor do medio ten que ver coa prevención dos lumes. A sociedade enlaza co tema forestal a través do avión amarelo contraincendios e para a Administración o máis fácil é investir nos dispositivos contra os lumes, pero son precisas tamén outro tipo de medidas. No Plan Forestal de Galicia prevíanse outros investimentos públicos no monte que non se fixeron ou que se fixeron de xeito cativo.
– O lume é un dos grandes elementos desincentivadores da xestión forestal. ¿Cre que os seguros forestais poden ser parte da solución?
– Xa se están comercializando seguros de incendios forestais aínda que a pequena escala. Os seguros permiten que o propietario teña a capacidade de recuperar parte do perdido e de volver a poñer o monte en produción. Políticamente hai que apostar por iso, por seguros que cubran parte das perdas en montes ben xestionados. En Galicia o que sucede é que somos máis de buscar solucións e de pedir a declaración de danos catastróficos despois dos lumes. Coñezo o caso dunha comunidade veciñal que tiña o monte asegurado e grazas á poliza puido reforestalo. Ó lado había outra comunidade que non tiña seguro e ó final reforestoulles o monte a Xunta. Iso desincentiva a boa xestión. Hai que cambiar de paradigma, non se trata de castigar ou de compensar, senón de axudar á xente para que consiga mellorar a xestión.
“En Galicia somos máis de pedir danos catastróficos despois dos lumes que de subscribir un seguro”
– Outro elemento que considera que podería atraer fondos para o monte son fondos de investimento específicos. Explíquenos como funcionarían.
– É un instrumento que xa está en marcha noutros países e consiste en que os cartos do circuito financieiro contribúen a financiar o investimento a cambio dun reparto das ganancias. En Galicia, pola estrutura minifundista, habería que pensar nalgún tipo de fondos autóctonos, xa que non van vir cartos de fóra para isto.
– O tema do investimento no monte ten mala prensa a raíz dalgunhas presuntas estafas, caso da de Maderas Nobles del Segura.
– Estamos a falar dun modelo distinto. Estes casos son de empresas que tiñan terras e que recababan cartos para investilos, ofrecendo rendiblidades que á xente do sector nos parecían extrañas. Os fondos do investimento son o modelo contrario. A xente ten as terras e o fondo pon os cartos.
O monte galego en cifras
Galicia corta cada ano en torno a 8 millóns de metros cúbicos de madeira para a industria de transformación, máis do 50% de eucalipto. As cortas deixan anualmente preto de 300 millóns de euros en orixe, nos propietarios forestais, e xeran unha facturación conxunta do sector industrial de arredor de 1.600 millóns de euros, contando industrias de primeira transformación, pasta de papel e empresas de mobiliario. Máis de 15.000 persoas traballan no sector da madeira en Galicia.
As empresas da comunidade xeran o 40% dos taboleiros e da madeira aserrada que se produce no Estado, así como o 20% da pasta de papel, aínda que o peso de Galicia redúcese no mercado da segunda transformación (mobiliario e carpintería) ata o 8%.
A crise afectou de cheo ó sector forestal pola caída da demanda ligada á construcción e pola falta de financiamento. Sen embargo, as perspectivas de futuro son mellores polo aumento do consumo de madeira que se prevé ata o 2030.