“As limiás son vacas que viven moitos anos e que están producindo constantemente”

Xesús Pardal leva 20 anos criando vacas da raza limiá en Rois, a apenas 10 quilómetros do Océano Atlántico. Baixo o selo da produción ecolóxica e cunha reducida carga gandeira por hectárea, soubo escoller a mellor especie de vacún para os seus terreos. A aposta pola lonxevidade dos animais e a mellora xenética son outros rasgos dunha granxa con gando ourensán en plena faixa costeira

XESUS PARDAL LIMIAS

No lugar de Moares, parroquia de Ermedelo, concello de Rois (A Coruña) é onde se atopa Limiás de Moares, a granxa de Xesús Pardal. Realiza traballos puntuais con maquinaria agrícola durante as campañas de forraxe, aínda que a súa actividade principal é a gandería, que converteu de láctea a cárnica en 2006.

Acompañamos os estudantes do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude (Boqueixón) nunha visita formativa a esta explotación e aproveitamos para falar co seu titular. Unha explotación extensiva e ecolóxica de vacas ourensás, enclavada entre granxas intensivas de leite e pegada ao mar. Unha rareza moi rendible.

Vacas limiás

No momento en que decidiu empezar coa carne, Pardal tiña moi claro que a elección era a vaca limiá. “Preferín esperar ano e medio para ter dispoñibles os animais que quería para os meus terreos ca poñerme a funcionar de xeito inmediato con cachenas, que estaban dispoñibles no momento.”

A elección dunha raza ourensá para unha zona pre-litoral pode parecer arriscada. “Fomos a primeira explotación de limiá na Galicia atlántica. Eu daquela traballaba noutro sector e buscaba unha raza que non me obrigara a unha presenza continua. Canto máis rústica mellor, para poder deixala no monte sen preocuparme nin ter que asistila nos partos.”

Fomos a primeira explotación de limiá na faixa atlántica. E estivemos ano e medio esperando polas vacas que queriamos (Xesús Pardal, Limiás de Moares)

Pardal recoñece que os comezos foron difíciles e ata non hai moito custaba obter rendibilidade ao cabo do ano. “O mercado estivo apagado moito tempo. Ás comercializadoras non lles interesaba que se traballara con animais de pouco peso coma estes. Tiñan pouca saída nos lineais. Pero dende hai seis anos aumentou o interese por esta carne ecolóxica e autóctona. En parte grazas ás redes sociais, hai hosteleiros, gourmets e particulares cun especial interese nas limiás.”

Podería ter unha ou varias razas industriais que saquen máis quilos. Pero prefire traballar con esta vaca tan rústica e lonxeva. “Porque tes garantido o fluxo de carne para anos. Ademais apenas hai baixas e temos un intervalo entre partos inferior a un ano. É decir, nos 19 ou 20 anos que vive a vaca podes ter 16 ou 17 xatos.”

Limoares (dereita) é o touro da casa e leva oito anos realizando as inseminacións para os exemplares que se venden para vida

Limoares (dereita) é o touro da casa e leva oito anos realizando as inseminacións para os exemplares que se venden para vida

A lonxevidade é a clave da explotación. Son vacas que viven moitos anos e que están producindo constantemente. “Eso permite que poidamos vender femias para vida e non haxa unha presión de recría. Tivemos un animal que en 19 anos produciu 20.000 euros só en xatos e, a maiores, vendémola para desvelle moi ben pagada.”

Unha das principais características das limiás é a súa docilidade, que facilita o manexo.No comezo da explotación, en 2006, arrincaron con catro vacas e toda a cabana actual é descendencia delas. “O 100% das femias que hai na granxa proceden da recría. Dende o día que nacen xa están en contacto conmigo e eso facilita un manexo tranquilo.”

O noso modelo aposta pola lonxevidade. Ter vacas que dean ata 16 ou 17 xatos na súa vida e con menos dun ano entre partos

Malia tratarse a limiá dunha raza en risco de extinción, na granxa non teñen problemas de consanguinidade. Grazas, sobre todo, ao banco de seme que se foi creando ao longo dos anos co labor da Federación de Razas Autóctonas, Boaga. Hai suficientes touros e Xesús selecciona os máis acaidos para cada lote de recría.

Manexo, alimentación e mercados

Pardal manexa 20 hectáreas e 40 cabezas de gando, das que 20 son nais reprodutoras. Polo tanto, a carga gandeira é baixa. “Preferimos ter menos cabezas de gando e non ter que mercar forraxes. Coa superficie que manexo podería ter moitas máis vacas, pero se cadra non chegaba todo o que produce a terra para mantelas.”

Os animais pasan toda a súa vida nos prados e fragas, agás nos momentos de temporal. “Estamos moi preto da costa e hai días en que a forte mestura de chuvia e vento failles moi difícil estar fóra. Neses casos, báixoas ata a antiga nave de cando tiñamos vacas de leite. Aínda así non collen todas e hai que facer espacio no exterior da nave.”

Dende o primeiro momento traballamos con criterios ecolóxicos se ben tardamos un tempo en inscribirnos como operadores

Xa cando comezaron a actividade coas limiás, os criterios de manexo e alimentación cumprían cos criterios de produción ecolóxica. Sen embargo, non foi ata 2020 cando decidiron acollerse ao selo ecolóxico.

“O pouco abono químico en leiras que utilizaba para ensilar xa o suprimín. Tampouco boto millo nin outro cereal. O único que semento é raigrás inglés, que mesturo con trevo nalgunhas parcelas. O resto é todo herba de pasto, para ensilar ou para seca.”

Entre o día a día da granxa e os labores que fai nas campañas de forraxes na zona, a maquinaria vai tendo uso. “Ao ser un sistema totalmente extensivo, amañámonos empregando tractor, rotativa, rastrillo, rotoempacadora e unha pala.”

As vacas non comen penso en toda a súa vida. Os xatos si que se ceban con penso ecolóxic, ao que se lle engade forraxe na dieta. Pardal instalou tamén un comedeiro selectivo dotado dun sistema de barras que impide que os animais de maior tamaño poidan acceder a el, de xeito que só os xatos poden consumir o concentrado.

Pardal deseñou este dispensador selectivo de xeito que só os xatos que van para matadoiro poidan ter acceso ao concentrado

Pardal deseñou este dispensador selectivo de xeito que só os xatos que van para matadoiro poidan ter acceso ao concentrado

A maiores do penso, os becerros botan ata os sete ou oito meses de idade mamando, xa que son as vacas e non o gandeiro as que realizan o destete. Antes de saír para o matadoiro, completan o seu proceso de cebo na inmediacións da nave nun réxime semi-aberto.

Deixamos que os procesos naturais se completen. Dese xeito, os xatos maman sete ou oito meses e son as vacas as que fan o destete

Como a meirande parte de explotacións de vacún de carne galegas, Limiás de Moares ten na venda de xatos cebados a principal fonte de ingresos. Pero, como xa fixeron 20 anos de actividade, comezan a ter tamén vacas de desvelle moi cotizadas. As xatas van para recría ou para vida, normalmente coa mesma cotización por peso en vivo que se foran para carne.

“A día de hoxe, o noso mercado -por estar en ecolóxico- é o matadoiro das aforas de Lugo. Temos un contrato con eles e levan practicamente toda a produción. Algunha vez téñenme levado algún boi para cebo, que sae de aquí cun ano de idade. E ocasionalmente vendémoslle un xato a algún particular.”

Os xatos saen da explotación cun peso medio de 220 quilos/canal. Se ben hai oscilacións e pode haber exemplares de ata 270 quilos e outros que quedan en 170. O que procura Pardal e que todos marchen da granxa con arredor dun ano de idade.

Fauna salvaxe

A fauna salvaxe, que si que supón un problema para os gandeiros de leite da zona, non causa danos en Limiás de Moares. “As limiás son unhas vacas moi territoriais e defensoras. Eu nunca vin aquí un lobo pero, cando entra un can, acaba saíndo espantado de como as vacas se volven contra el se non o coñecen.”

Tamén axuda o feito de que a explotación ten unha zona pechada onde se levan as vacas para que paran e para que nai e cría pasen os primeiros días. Así non hai risco de que os lobos que anadan pola zona poidan atacalas. “Ademais temos leiras de pasto nas que colocamos o peche que recomenda e subvenciona a Consellería de Medio Ambiente.”

As limiás son vacas gregarias, moi adaptadas a defenderse de lobos e cans. E o xabaril apenas afecta porque non empregamos cereais

Precisamente o método de manexo mantén alonxado o xabaril. “Nesta zona hai moitos produtores de leite e, polo tanto, moitas hectáreas de millo. Así o xabaril concentra os seus ataques nelas e non ven apenas polas nosas leiras. Como moito levántache unha pouca herba.”

Traballo xenético

Unha vez que conseguiron asentar a raza, o traballo en xenética foi clave para o despegue da granxa. “Fomos seleccionando as vacas con mellores medias de saúde, produtividade e adaptación e cruzándoas con touros seleccionados. Nalgúns casos buscamos máis produción e noutros máis facilidades para a nai.”

Limiás de Moares dispón dun espazo pechado para que as vacas dean a luz e para que os xatos completen o seu proceso de cebo

Limiás de Moares dispón dun espazo pechado para que as vacas dean a luz e para que os xatos completen o seu proceso de cebo

Limiás de Moares non pode facer cruzamentos con razas diferentes das limiás. Por estar no programa de cría da raza, é obrigatorio manter a pureza para que se logre a recuperación numérica das limiás e se manteña un libro xenealóxico fiel á realidade.

Para os animais de recría seleccionamos doses de touros de alta xenética e para as que vendemos para vida usamos o touro da casa

Pardal combina o uso do touro que ten na granxa coa inseminación artificial de doses de touros selectos. “O touro da casa é para que as súas fillas saian vendidas para vida cara algunha das outras preto de 80 ganderías de raza limiá que hai en Galicia. E as inseminacións son para as que queremos que queden na casa.” As xovencas insemínanse por vez primeira cando teñen entre 16 e 20 meses de idade.

Unha curiosidade é que, como sucedía antigamente, todas os animais da explotación teñen nome e o gandeiro emprégaos a diario. Por exemplo, o touro chámase Limoares, un xogo de palabras porque todos os touros da raza teñen que ter un nome que empece polas letras “lim”.

A de Pardal é unha granxa certamente alternativa nunha comarca onde abundan as explotacións intensivas de produción de leite. “Eso fai que haxa unha competencia elevada pola terra. Especialmente pola apta para a produción de forraxes. Pero eu fun localizando leiras que, por tamaño ou por acceso, non interesan para o leite e si me valen para as vacas.”

Como se facía antigamente, témoslle un nome a cada vaca e usámolo todos os días. Son pequenos xestos que melloran o benestar animal

“Cómpre destacar que estas vacas poden chegar a dar ata 20 litros diarios de leite. Eso supón unha enorme vantaxe na alimentación dos xatos e a recría porque dispoñen dun alimento de primeira calidade durante moitos meses e axuda a conformar a súa estrutura.”, di Pardal.

“Non hai que ver se a vaca se adapta ao terreo senón ver que vaca necesita ese terreo”

Davide Outeiro, director veterinario de razas bovinas de Boaga, estivo presente na visita dos alumnos do CFEA. Da súa man, quixemos afondar na situación da cabana de vacas autóctonas galegas e nas súas expectativas de futuro.

“As razas ourensás son moi rústicas. Son como navallas multiusos, adáptanse a calquera medio. Polo tanto, antes de seleccionar unha raza ou outra, non hai que pensar en se se vai adaptar ao medio senón en que é o que demanda ese medio.”

No caso de Limiás de Moares, buscouse un animal de moito porte para unha zona de clima “amable” como é o concello de Rois. Os pastos son óptimos e permiten o desenvolvemento de animais de alto volume e mantendo os parámetros de prolificidade, dureza de patas, lonxevidade…”

Os alumnos do CFEA de Sergude coñeceron o manexo e a historia das razas bovinas autóctonas galegas

Os alumnos do CFEA de Sergude coñeceron o manexo e a historia das razas bovinas autóctonas galegas

Para o consumidor, aínda sen ser experto, é doado diferenciar unha carne de limiá -e de calquera raza autóctona- da convencional. “Sempre van ter moito máis sabor porque a infiltración da graxa tamén é moito maior ca a de animais de máis peso. Canto máis pesado e xoven é un animal, menor será o sabor e a infiltración graxa.”

A carne de razas autóctonas criadas en extensivo sempre vai ter máis sabor e infiltración graxa que a dos cebadeiros industriais

Outeiro lembra que hai cinco razas autóctonas bovinas, todas elas en perigo de extinción. O programa de recuperación da limiá comezou con 33 exemplares vivos e sen ningún touro. “Afortunadamente, o veterinario Álvarez Yebra gardara doses de seme conxelado no Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, en Fontefiz (Ourense).”

Dende finais dos anos 90 do pasado século, Boaga encárgase de xestionar o libro xenealóxico da raza, tanto dende o punto de vista científico como para dar os gandeiros o mellor servizo para a mellora xenética das granxas.

“Un exemplo témolo en Limiás de Moares. Xesús quere recriar pero tamén quere manter o seu touro e evitar a consanguinidade. O que facemos os técnicos é analizar as liñas de parentesco, as doses de touros dispoñibles e a compatibilidade entre animais. Eso non resulta sempre fácil porquer partimos dun censo de 33 vacas que eran todas primas. Pero estámolo a conseguir.”

Malia seguir en perigo de extinción e a escaseza de exemplares, o censo das cinco razas bovinas autóctonas galegas -limiá, vianesa, frieresa, caldelá e cachena- aumenta cada ano. “E eso que en 2024 houbo un baleirado sanitario por tuberculose en diferentes explotacións que levou ao sacrificio do 10% da raza limiá.”

A recuperación da raza limiá comezou con 33 femias e ningún touro. Por sorte había doses de seme en Fontefiz

Outeiro explica que nas provincias de Lugo e A Coruña son moitos os criadores de limiá que anteriormente eran produtores de leite, como é o caso de Pardal. “Eso presuponlles unha capacidade de coñecemento técnico que abrangue máis aló da simple cría de xatos.”

A día de hoxe, a cabana de vacas limiás componse dun total de 1.258 exemplares dos que 95 son machos e 1.163 son femias. Unhas cifras aínda alonxadas das 4.458 nais reprodutoras e 206 sementais con que conta a cachena que, malia ser a de menor rendemento, é a máis maioritaria, con 172 explotacións en Galicia.

A cachena é con moita diferencia a vaca máis numerosas de todas as autóctonas galegas e hai explotacións fóra de Galicia

A cachena é con moita diferencia a vaca máis numerosa de todas as autóctonas galegas e hai explotacións fóra de Galicia

A cachena, ademais, é a máis “viaxeira” das razas galegas. Dentro do programa de control e cría están rexistradas 10 explotacións en Castela-León, 3 en Andalucía, 2 en Extremadura, 1 en Castela-A Mancha e outra en Euskadi.

No caso da cachena, é importante manter separado o libro xenealóxico portugués do galego. Para ter máis alternativas ante posibles problemas

“O que fixemos conscientemente dende o principio foi manter separado o libro xenealóxico da cachena galega do da cachena portuguesa. Aínda que se trata da mesma raza. Porque, así, evitamos consanguinidades, sabemos que o traballo é distinto, que as ferramentas económicas, sociais e políticas son distintas…Así temos mellor resposta ante problemas sanitarios e unha cabana pode salvar á outra.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información