As iniciativas empresariais de mulleres no rural serán primadas nas subvencións

O Goberno Central recoñece que hai que modificar a Lei de Titularidade Compartida das Explotacións porque “non está a dar os resultados agardados”. Unha enquisa de AGACA revela que nun 90% dos casos as mulleres son as que fan as tarefas do fogar no ámbito rural

As iniciativas empresariais de mulleres no rural serán primadas nas subvencións

Ángeles Vázquez e Susana López Abella

A Xunta de Galicia primará o próximo ano aos proxectos de emprendemento feminino que se desenvolvan no ámbito rural. Así o anunciou onte a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, nun acto celebrado na localidade pontevedresa de Vila de Cruces con motivo do Día Internacional da Muller Rural.

No acto tamén interviron, entre outras, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, ou a Directora do Instituto da Muller, Rosa Urbón.

Durante a súa intervención, Susana López Abella anunciou que o ano que vén as subvencións para o apoio ao emprendemento feminino a través do programa EMEGA, primarán os proxectos no medio rural. Este programa convócao anualmente Igualdade co obxectivo de fomentar o emprendemento feminino e, segundo avanzou López Abella, está previsto que en 2016 dobre o seu orzamento, pasando dos 670.000 euros actuais aos máis de 1,3 millóns de euros cos que contará o ano que vén.

“A Lei de Titularidade Compartida das Explotacións Agrarias hai que modificala ou impulsala”

Nesta liña, a directora do Instituto de la Mujer, Rosa Urbón, salientou que “o 54% das persoas que deciden emprender no medio rural son mulleres”, sobre todo en actividades como turismo rural, transformación de produtos agrarios ou artesanía, “mentres que nas cidades esa porcentaxe de emprendemento feminino baixa ao 30%”.

“O 54% das iniciativas emprendedoras no rural son de mulleres”

Ademais, Rosa Urbón recoñeceu o fracaso dunha das medidas estrela para impulsar a igualdade de xénero no medio rural: a Lei de Titularidade Compartida das Explotacións Agrarias. “Hai que modificala ou impulsala porque non deu os resultados agardados”, recoñeceu.

Por último, a directora do Instituto de la Mujer puxo en valor o Plan para a Promoción das Mulleres do Medio Rural (2015-2018) que ven de aprobar recentemente o Consello de Ministros e que constitúe o primeiro plan específico que se elabora en relación coas mulleres do medio rural.

Pola súa parte, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, manifestou o seu compromiso persoal de seguir traballando “para conseguir que as mulleres sexan máis visibles social e economicamente, para superar a brecha de xénero en emprego e emprendemento e para promover a conciliación e a promoción da incorporación de mulleres nos órganos e postos de decisión e participación rurais”.

No rural as tarefas do fogar recaen nas mulleres nun 90% dos casos

Ruth Rodríguez durante a súa intervención

Ruth Rodríguez durante a súa intervención

Logo da intervención das autoridades celebrouse unha mesa redonda sobre “Emprendemento e Empoderamento da Muller Rural”, na que mulleres representantes do mundo da universidade, da avogacía, da artesanía e do cooperativismo expuxeron os avances que se teñen producido nos seus respectivos ámbitos en materia de igualdade para a muller no medio rural.

A este respecto, cabe salientar os resultados dun estudo levado a cabo por AGACA no ano 2009 mediante unha enquisa a 500 socias de cooperativas rurais. Ruth Rodríguez, técnica de AGACA e Axente de Igualdade de Xénero, explicou que “o obxectivo era averiguar por qué motivo, a pesar de que o 49% dos socios das cooperativas agrarias galegas son mulleres, só o 12% dos membros dos consellos rectores son mulleres e no caso da presidencia das cooperativas só o 3%”.

“O 81% das mulleres rurais tamén traballa co gando entre 4 e 11 horas”

Neste sentido, os datos da enquisa de AGACA falan por si mesmos sobre os motivos: no ámbito rural nun 90% dos casos as mulleres son as que fan en exclusiva as tarefas do fogar; nun 81% dedícanlle a maiores entre 4 e 11 horas diarias a traballar na corte co gando e nun 88% dos casos son tamén elas as que levan o peso do coidado dos fillos e das persoas maiores.

Isto tradúcese en que o 47% das mulleres rurais non teñen ningunha hora de tempo libre ao día e a falta de tempo é o principal motivo aducido -nun 40% dos casos- para non presentarse ao consello reitor da cooperativa agraria da que son socias.

Medidas para fomentar a igualdade de xénero no rural

Ante esta situación e a partir da experiencia das accións que está a levar AGACA para promover a participación das mulleres nas cooperativas, Ruth Rodríguez expuxo unha serie de medidas para acadar esa igualdade.

En primeiro lugar, fomentar a corresponsabilidade nas tarefas do fogar entre homes e mulleres, así como no coidado dos fillos e das persoas maiores. Un segundo punto, sería por en marcha medidas de empoderamento das mulleres, é dicir, capacitación das socias cooperativistas nas xestión empresarial para que gañen confianza nelas mesmas.

Ademais, a técnica de AGACA defendeu medidas de formación por parte das cooperativas sobre como funcionan os consellos reitores, así como actividades fomentar a autoestima das socias.

Por último, Ruth Rodríguez propuxo que dende as propias cooperativas se poñan en marcha servizos de gardería, de substitución nas explotacións ou no fogar para que as mulleres dispoñan tamén de tempo para adicarllo a participar na dirección das cooperativas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información