“As industrias lácteas están intentando claramente asinar contratos a curto prazo en función dos seus intereses”

O sindicato Unións Agrarias defende a necesidade de dar estabilidade ao sector por medio de contratos indexados e corrixir o diferencial de prezo entre Galicia e o resto de comunidades nun contexto de incerteza por enfermidades como a dermatose nodular contaxiosa

Óscar Pose e Félix Porto, na rolda de prensa deste martes na sede de UUAA en Santiago

Óscar Pose e Félix Porto, na rolda de prensa deste martes na sede de UUAA en Santiago

O sindicato Unións Agrarias cualifica de “depredadores sen escrúpulos” ás industrias leiteiras logo do envío a semana pasada ás granxas de ofertas de renovación de contratos con importantes caídas de prezo. “Estamos ante o peor dos sistemas posibles, no que as industrias fixan o prezo do leite en función do que queiran gañar elas”, denuncian. 

UUAA defende a necesidade de dar “estabilidade ao sector” vía prezo por medio de fórmulas indexadas a índices obxectivos baseados nos custos de produción e acusa ás empresas que compran o leite de “pensar só no seu beneficio a curto prazo”.

O feito de que todas as industrias presentaran ofertas no mesmo sentido, á baixa, con descensos de entre 3 e 9 céntimos, interprétao o sindicato como un acordo tácito. “Todas as industrias buscan o mesmo: eliminar os contratos a longo prazo e presionar o prezo do leite de forma artificial para baixo cando non existen razóns para facer esta baixada”.

Todas as industrias buscan o mesmo presentando ofertas inasumibles: que os gandeiros as rexeiten abrindo a porta a contratos de 3 meses de duración

Félix Porto, vicesecretario xeral de UUAA asegura que a baixada proposta é “brutal e inasumible”. “Vimos dunha etapa na que críamos que avanzáramos considerablemente en moitos ámbitos, como nos prezos ou na redución do diferencial que existe no prezo de Galicia con respecto ao resto de España e nos prezos con respecto a Europa, e parecía que a industria empezaba a mostrarse sensible ante o peche de explotacións, pero estas ofertas o que demostran é que todo era unha pantomima e que nos están tomando o pelo”, critica.

Cunha baixada de 4 céntimos en litro, as explotacións máis pequenas estarían por debaixo do umbral dos custos de produción

“Ten que haber un cambio real de rumbo, porque se non hai unha rendibilidade real, ese é o primeiro factor para que desaparezan explotacións”, asegura. Se se produce só unha baixada de 4 céntimos Galicia deixaría de percibir 125 millóns de euros ao ano, 10,2 millóns de euros ao mes, calcula UUAA. “Con esta baixada, as granxas máis pequenas, as que están no entorno dos 40 céntimos, directamente estarían xa por debaixo do umbral dos custos de produción”, asegura.   

Non podemos seguir sendo o vertedoiro do leite da Unión Europea

“Non pode marcar o 30% do leite que necesitamos para cubrir a nosa demanda interna o prezo ao que producen o leite as nosas granxas. Non podemos seguir sendo o vertedoiro do leite da Unión Europea para distorsionar os prezos do mercado”, di. “Se seguen desaparecendo explotacións eles van ser os seguintes”, advirte ás industrias, “porque non van poder ir mercar a Francia ou Alemaña as cisternas que a estes países lles sobran a prezos baratos, senón que Francia e Alemaña van poñer directamente nos supermercados españois os produtos que eles fabrican saltándose á industria de aquí”.

UUAA está solicitando entrevistas coa Xunta e co Ministerio para que activen medidas. “A AICA é un bo instrumento, tanto en Madrid como en Galicia para evitar que as ofertas se convertan nunha fraude de lei, que é realmente o que está sucedendo”, denuncia. “Hai que impulsar unha reforma lexislativa para que as ofertas teñan visos de realidade e non sirvan para acurtar a duración dos contratos, xa que rexeitando estas ofertas imposibles dun ano de duración os gandeiros están abrindo a porta a que as industrias presenten ofertas a 3 meses”, argumenta.  

Imos entrar nunha dinámica de difícil saída se non se racionaliza despois nos contratos a intención amosada nas ofertas por parte das industrias

Ademais, Félix Porto avanza mensaxes tanto para as industrias como para as cadeas de distribución: “imos sinalar ás empresas que non actúen responsablemente; que non pensen que lles vai saír gratis socialmente esta baixada de prezo aos produtores”, di. “Estamos empezando a ver outra vez na distribución prácticas que pensabamos desterradas, como a utilización do leite como produto reclamo; corremos o risco de volver á lei da selva na que estabamos instalados até fai 2 anos”, denuncia.

Peche de 314 explotacións en Galicia no último ano

Óscar Pose, responsable do sector lácteo do sindicato, explica que continúa a tendencia preocupante de peche constante de explotacións dos últimos anos. “Somos xa menos de 9.000 explotacións en España e menos de 5.000 en Galicia. No último ano pecharon 555 granxas en España e 314 en Galicia”, detalla.

A nivel de produción, di, está habendo un cambio de tendencia, onde as explotacións que quedan non son capaces de compensar a caída de produción das que pechan. A caída global de produción a nivel de España foi do 0,52% en 2025, un descenso do que se volveu apartar Galicia.

O 90% dos produtores de leite de Galicia teñen que renovar contratos o 1 de abril

“Galicia segue sendo o motor da produción de leite en España, a pesar de que as industrias son teimudas e pola mañá nos din que están preocupadas por esta caída da produción en España, polo peche de explotacións e pola falta de relevo xeracional e pola tarde se converten novamente en depredadores sen escrúpulos e só pensan no seu beneficio a curto prazo, como vemos coas ofertas que nos acaban de chegar estes días”, asegurou.

Os prezos de Galicia seguen 2,7 céntimos de media por debaixo do Estado, o que supuxo en 2025 83 millóns de euros que se embolsaron as industrias

As ganderías galegas cobraron de media durante o ano 2025 2,7 céntimos menos que o resto de explotacións españolas, o que supón 83 millóns de euros menos de ingresos para o sector produtor galego. “Son 83 millóns de euros que se embolsaron as industrias por un leite de maior calidade e que nos deberían pagar máis”, denunciou Óscar Pose.

A situación cambiou desde setembro ou outubro do ano pasado, iso non o imos negar. Houbo un cambio de tendencia no que se refire ao prezo da manteiga, que levaba practicamente dous anos en máximos históricos, polo que a industria recibía un contravalor moi importante pola graxa que sacaba ao noso leite, máis no caso de Galicia, con porcentaxes de graxa superiores.  

Desde novembro de 2023 a manteiga disparouse e levaba dous anos en máximos históricos

UUAA denuncia o desfase das industrias á hora de subir os prezos cando os mercados lácteos mostran unha tendencia alcista, pois até mediados de 2025 non se produciu un incremento real de prezos malia que a manteiga levaba máis dun ano disparada. Sen embargo, cando a situación é a inversa, as industrias reaccionan con rapidez nas correccións á baixa. “Aquí tivemos que agardar ano e medio para que houbera pequenos incrementos de prezo localizados nas explotacións de maior tamaño, cando os prezos xa subiran na maioría de países europeos”, denuncia o responsable do sector leiteiro de Unións Agrarias.

As industrias están intentando claramente asinar contratos a curto prazo en función dos seus intereses

A situación de España, di, non ten nada que ver co resto de países europeos, moito máis dependentes das cotizacións internacionais. “Somos un país deficitario que necesita importar leite e que non depende tanto dos mercados de produtos industriais. Non somos Francia, onde lles sobra tanto leite no seu mercado interno como producimos en España”, compara.

Denuncia, sen embargo, que as industrias están intentando usar o diferencial de prezo actual con Europa (52 céntimos de media en España fronte aos 48 da media da UE) para forzar unha baixada de prezo ás explotacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información