As importacións de leite en Galicia caen un 65% polos baixos prezos no agro

A produción a penas medrou un 1% na comunidade no primeiro semestre, pero a dispoñibilidade de leite barato no campo, ata prezos de 17-20 céntimos, restrinxe o recurso ó leite foráneo

As importacións de leite en Galicia caen un 65% polos baixos prezos no agro

Revisión polos gandeiros dunha cisterna procedente de Portugal, esta primavera en Monforte. / Arquivo.

Durante os primeiros seis meses do 2015, as industrias galegas importaron case 100.000 toneladas de leite e nata sen concentrar. O mesmo periodo do 2016 saldouse con só 35.000 toneladas. Que factores explican a diferencia? A produción láctea na comunidade foi similar en ambos semestres, pois a penas medrou un 1%, unhas 13.000 toneladas, no conxunto do primeiro semestre do 2016. Os motivos da baixada das importacións hai que buscalos na caída dos prezos do leite en Galicia, segundo valoran fontes do sector.

Arredor do 30% do leite que se produce na comunidade sae camiño doutras zonas do Estado para ser transformado, así que os gandeiros nunca remataron de entender o porque das importacións de leite líquido a Galicia. A entrada de leite foráneo, sen contar produtos lácteos industriais, chegou a representar no primeiro semestre do 2015 arredor do 8% da produción galega.

Un ano despois, en plena crise de prezos no campo e coa maioría das industrias establecendo fortes limitacións ás entregas de leite, as importacións caeron nun 65%, pero mantense a entrada de leite de fóra. As organizacións agrarias interpretan que as importacións se utilizan para baixar os prezos do leite no campo en Galicia. “Non sobra leite, o que pasa é que non o queren pagar”, argumentan.

Cisternas pagadas en orixe a 20 céntimos
O primeiro semestre do 2016, en comparación co mesmo periodo do 2015, caracterizouse polos menores prezos do leite a pé de granxa. Este ano houbo de xeito permanente dispoñibilidade de cisternas pagadas en orixe a 17-20 céntimos, en tanto que nos primeiros meses do 2015, sobre todo ata abril, cando remataron as cotas, a situación de prezos no campo non era tan favorable para as industrias nin tan dramática para os gandeiros.

A continuidade das importacións, en tanto en Galicia non hai unha aparente demanda das industrias de leite a prezos de mercado, no entorno dos 27 céntimos, molesta ó sector, ata o punto de que os gandeiros estableceron este ano controis periódicos sobre as cisternas que entran de Portugal. En febreiro chegaron a boicotear unha cisterna en Monforte, derramando a súa carga, accións que se volveron repetir este verán, co boicot por exemplo a outra cisterna en Teixeiro este mes.

Desde a Xunta tamén se aumentaron os controis administrativos sobre as cisternas que entran de Portugal, se ben as fontes do sector consultadas consideran que nin a acción dos gandeiros nin a da Xunta teñen moito que ver na caída das importacións. A clave, destácase, é o mercado, os baixos prezos ós que se pode conseguir leite en Galicia no campo.

O sector moito se teme que boa parte da produción que sae das granxas a prezos de leite en po, no entorno dos 17-20 céntimos, remata logo envasada nun brik ou en queixos. Para que importar leite se hai dispoñibilidade del en Galicia a eses prezos?

Produtos industriais
A importación á comunidade de produtos lácteos industriais mantén cifras similares ó ano pasado. Durante o primeiro semestre entraron arredor de 10.000 toneladas de lactosueros e destaca tamén un forte incremento da manteiga, que pasou de 680 toneladas no primeiro semestre do 2015 a 1.000 no mesmo periodo do 2016.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información