As granxas galegas cobran o leite 3,7 céntimos por baixo de Asturias

O sector demanda alomenos unha igualación dos prezos galegos coa media estatal, que se sitúa 2,3 céntimos por riba. Fortes aumentos de produción en outubro e novembro que rondan o 5 por cento

As granxas galegas cobran o leite 3,7 céntimos por baixo de Asturias

Os prezos pagados en Galicia, 2,3 céntimos por baixo da media española.

En Galicia, os gandeiros cobran o leite a unha media de 28,7 céntimos, o prezo máis baixo de toda España, que mantén un promedio de 31 céntimos. Para explicar ese diferencial, as industrias adoitan aludir a dous factores: os custos de transporte do leite desde Galicia ós grandes centros de consumo (Madrid e Levante) e as maiores primas de cantidade que perciben as explotacións doutras comunidades, cun volume medio de produción por riba do galego. Estes argumentos, sen embargo, non axudan a entender por que en Asturias se pagan 3,4 céntimos máis por litro de leite que en Galicia.

Para o sector produtor non é comprensible que a un lado do río Eo se abonen 28,7 céntimos e a outro lado do Eo 32,4. Asturias comparte con Galicia unha posición xeográfica similar, distante dos grandes centros de consumo, e as explotacións asturianas teñen incluso unha media de produción de leite inferior á galega, co cal a explicación das primas de cantidade tampouco serve.

Desde o sector cooperativo, adóitase apuntar a unha terceira vía de interpretación, o peso cooperativo da transformación láctea en Asturias, da man de Central Lechera Asturiana (Clas). Os socios de Clas benefícianse dunhas condicións de prezos e contratos que a propia industria do grupo (Capsa) lle nega ás granxas doutras comunidades.

O Sindicato Labrego demanda que Capsa e Reny Picot deixen de pagar parte das entregas a prezo de leite en po

En Galicia, Capsa, propietaria de Larsa, págalle ás explotacións un 20% da recollida a prezos de leite en po, algo que non fai en Asturias. Outra industria asturiana, como Reny Picot, chégalle a pagar a parte das granxas galegas o 40% das entregas a prezos de leite en po. Cortar esas prácticas é un dos obxectivos que marcan organizacións como o Sindicato Labrego para a ronda de negociacións que se emprenderán coas industrias lácteas a partir da próxima semana.

Primeiros compradores

Outro factor que distorsiona os prezos en Galicia é o dos primeiros compradores intermediarios, que nun contexto como o actual, fan negocio mercando o leite barato e vendéndollo ás industrias a maior prezo. “É preciso regular os primeiros compradores que non lle aportan valor engadido ó leite para sacalos do mercado”, valora o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García. A maiores, García cuestiona ás industrias que evitan maiores compromisos de abastecemento cos gandeiros. “Non é comprensible que unha marca como Danone, que presume de calidade, estea mercándolle o leite a Río”, cuestiona.

“Non é comprensible que unha marca que presume de calidade, como Danone, lle estea mercando o leite a Río” (Roberto García, Unións Agrarias)

O Sindicato Labrego Galego (SLG) tamén critica ós primeiros compradores, que cataloga como unha ferramenta das industrias para baixar os prezos, e demanda maiores iniciativas por parte da Xunta para mudar a situación. “Precisamos que en Galicia haxa mesas de interlocución para cambiar as cousas. Temos granxas cobrando o leite a 24 céntimos e non vemos que a Administración faga nada para solucionalo”, suliña Isabel Vilalba, do SLG.

O sector enfronta este inverno o reto de achegar os prezos galegos á media estatal de 31 céntimos. A folla de ruta marcada para ese obxectivo pasa en primeiro lugar por negociar coas industrias para lograr que lle trasladen ás granxas os aumentos de prezo comprometidos polas cadeas de distribución, así como outras posibles melloras a maiores.

O sector enfronta este inverno o reto de achegar os prezos galegos á media estatal de 31 céntimos

Aumentos de produción
Os últimos datos de produción do Fega, a mes de novembro, revelan que no que vai de campaña, desde o 1 de abril, tras o remate do sistema de cotas, a produción aumentou en España arredor do 2,5 %, con fortes incrementos en especial nos últimos meses. En outubro, as entregas aumentaron un 4,5 % e en novembro un 5 %. O Ministerio de Agricultura achaca eses aumentos a un contexto de baixos prezos do leite, que obriga ás granxas a aumentar a produción para diluir os custos fixos. Os aumentos da produción benefícianse tamén dun escenario de baixos prezos de alimentación animal, se ben Agricultura entende que maiores baixadas no prezo do leite levarían a unha caída das entregas, segundo sinala no primeiro informe trimestral do acordo lácteo.

A lóxica das explotacións de aumentar a produción para manter ingresos é entendible desde unha perspectiva individual, pero no conxunto, os aumentos de produción en época de crise de prezos semellan unha idea cuestionable. A nivel europeo, son varias as coordinadoras de organizacións agrarias que avogan por unha regulación pública da produción láctea alomenos en intres de crises.

Os aumentos de produción en época de crise son cuestionados en toda Europa por varias coordinadoras agrarias

Deslocalización
Os aumentos de produción en Galicia son similares á media estatal, a pesar do contexto galego de prezos sensiblemente máis baixos. As organizacións agrarias temen que as industrias promovan unha deslocalización da produción, incentivando maiores incrementos de entregas noutras comunidades próximas ós centros de consumo, en detrimento de Galicia.

Actualmente, Galicia continúa a entregar máis do 38% do leite producido en España, se ben esta campaña baixou algunhas décimas o seu peso no total español. “É preciso un pacto de autorregulación entre industrias e gandeiros para que os aumentos de produción se fagan de xeito ordenado, mantendo o peso de Galicia nas entregas de leite a nivel estatal”, valora Roberto García, de Unións Agrarias.

Outros datos

– A calidade do leite galego está á cabeza de España en materia graxa. Acadou en novembro o 3,78, en tanto a media estatal sitúase no 3,71. En proteína, Galicia está no 3,26, preto da media española do 3,29.

– Máis do 30% do leite producido en Galicia transfórmase fóra da comunidade. Outras zonas tradicionais de produción, caso de Asturias, son netamente importadoras e entregan pouco leite a compradores foráneos, no caso asturiano o 12%.

– O prezo medio do leite aumentou en España de setembro a novembro en 1,1 céntimos. En novembro, a suba foi de 0,1 céntimos.

– En España, pecharon 600 explotacións entre xaneiro e novembro do 2015. Quedan abertas 16.500, das que 9.181 son galegas. Galicia ten algo máis da metade das explotacións do Estado.

– Das 600 explotacións pechadas, 425 son galegas. Dúas de cada tres granxas que pechan son galegas.

Máis información
Informe mensual de entregas de leite do Fega (novembro 2015)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información