As ganderías de vacún de leite máis eficientes son as que menos contaminan

A eficiencia, a autosuficiencia e a precisión no manexo da granxa resultan ferramentas imprescindibles nas granxas hoxe en día e nas do futuro para conseguir unha produción de leite máis sostible e competitiva. Coñecemos máis sobre estas cuestións cos investigadores do proxecto Dairy for Future

As ganderías de vacún de leite máis eficientes son as que menos contaminan

Vacas de Casa Codesal, unha das ganderías galegas participantes nos estudos realizados dende o CIAM. // Foto de arquivo.

Granxas máis competitivas, sostibles e resilientes na produción de leite. Ese o obxectivo principal do proxecto Dairy for future, no que participan gandeiros e investigadores de 5 países da área Atlántica da Unión Europea, en concreto de Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal. Este mércores, algúns dos investigadores involucrados nesta iniciativa internacional poñían en común aqueles aspectos sobre os que terán que facer fincapé as granxas do futuro para afrontar os retos que se lle expoñen ao sector. Esta xornada en liña reuniu a boa parte dos profesionais involucrados no proxecto que achegaron estratexias e presentado os resultados dalgúns dos traballos desenvolvidos en granxas no marco deste proxecto.

Entre os aspectos analizados atópanse as consecuencias derivadas do cambio climático. A redución de emisións de gases de efecto invernadoiro nas granxas é xa unha preocupación das ganderías, debido a que un dos obxectivos marcados nas políticas europeas é conseguir un balance neutro de emisións de carbono na produción de alimentos. Coñecer o impacto que as emisións teñen na granxa pode resultar clave á hora de trazar estratexias para reducilas, tal e como coincidiron en sinalar varios expertos.

Os custos de produción, a innovación no manexo e xestión da gandería ou a necesidade de fidelizar ao consumidor son outros dos retos que se trataron durante a xornada e que resultan transcendentais para as ganderías tanto a curto como a longo prazo.

Ganderías sostibles ambientalmente

Conseguir a sustentabilidade ambiental na granxa é un dos obxectivos marcados dentro das políticas do Pacto Verde Europeo. Lograr ganderías cunha produción máis eficiente pode ser unha das vías para reducir o impacto ambiental tal e como apuntaron diferentes expertos na xornada. Os esforzos que están a realizar as granxas por reducir estas emisións queda patente nos datos manexados nun estudo realizado en Reino Unido, no que se constata unha redución do 19% das emisións de gases de efecto invernadoiro producidos polas granxas inglesas entre 2007 e 2017.

“Se se mellora a produtividade e eficiencia na granxa poderiamos reducir as emisións de carbono”: Jude Capper, investigadora do Reino Unido

Parece haber una certa correspondencia entre a produción de leite e as emisións de carbono. Así, contar con animais máis produtivos axuda a reducir o impacto ambiental tanto da produción de leite como na de carne. “Se se mellora a produtividade e eficiencia poderiamos reducir as emisións de carbono. A medida que baixa o rendemento lácteo as emisións de carbono soben”, explica Jude Capper, unha das investigadoras do Reino Unido que participou na sesión. “Non é que se estea promovendo unha maior a produción. Hai que comprender as peculiaridades dos sistemas e mellorar as granxas, pero non hai un sistema que sexa ideal para todos”, recoñece Capper.

 Correlación negativa entre la producción de leche y las emisiones de carbono en distintos países. [En verde la producción de leche. En amarillo las emisiones de carbono.]

Correlación negativa entre a produción de leite e as emisións de carbono en distintos países. [En verde a produción de leite. En amarelo as emisións de carbono.]

Nesta mesma liña preséntanse os resultados dos traballos de investigación realizados con ganderías galegas desde o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) para avaliar a relación entre o manexo do rabaño e a pegada de carbono. O estudo, presentado en días pasado no CIAM, demostra que existe unha relación entre as emisións e a xestión das granxas e o esterco, así como a superficie destas granxas, de modo que aquelas granxas que compran moito penso teñen maior pegada de carbono que aquelas que compran menos.

“O reto é seguir producindo leite producindo forraxe abundante e de calidade”: César Resch, doutor e investigador do CIAM

“Non se trata dos concentrados que lle damos aos animais senón da eficiencia da granxa, a inxesta de concentrado e a produción de leite. O reto é seguir producindo leite a base de producir forraxe abundante e de calidade”, apunta o doutor e investigador responsable César Resch.

As investigacións sobre a pegada de carbono e o amoníaco desenvoltas pola investigadora Marion Sorley, do departamento de Agricultura de Irlanda (Teagasc) tamén sinalan a importancia de controlar a eficiencia do penso e da forraxe para mitigar as emisións de carbono na granxa. Aínda que tamén é moi importante ter presentes as emisións de esterco. Ademais, e aínda que o amoníaco non é un gas de efecto invernadoiro, apunta á necesidade de abordar desde un punto de vista agrícola a súa xestión para reducir o impacto ambiental das ganderías.

Afrontar os custos de produción

Contar con ganderías máis eficientes tamén contribúe a reducir os gastos de produción xa que como apuntaban os investigadores Laura Shewbridge-Carter, do departamento escocés de agricultura (SRUC); e Mark Topliff, do departamento de Desenvolvemento da Agricultura do Reino Unido (AHDB), “aquelas granxas con maiores gastos non son as que teñen unha maior marxe de beneficio”.

“Ter máis vacas na granxa non sempre resulta un incremento da marxe neta”: Laura Shewbridge- Carter, investigadora do SRUC

Os investigadores apuntaron a que os modelos de pastoreo preséntanse como os sistemas cuns menores custos de produción fronte ás ganderías estabuladas, en base a un traballo no que analizaron a xestión e gastos de granxas en pastoreo, híbridas e estabuladas. De novo, a eficiencia da gandería será clave. “O feito de ter máis vacas na granxa non sempre resulta un incremento da marxe neta”, indican.

Ademais cuestións, como a taxa de substitución ou a idade do primeiro parto afectan directamente á eficiencia financeira da granxa. “Contar con animais eficientes na granxa permite reducir a superficie de solos e as necesidades de auga da gandería, o que leva tamén a unha redución das emisións e a un aforro nos custos de produción”, explica a investigadora Jude Capper.

Outro dos factores estudados por Shewbridge-Carter e Topliff foi o gasto das ganderías en man de obra. Neste sentido, obsérvanse grandes diferenzas entre os países. Mentres nas granxas de rexións como As Azores (Portugal) teñen un gasto mínimo en persoal debido ao propio sistema, xa que predomina o pastoreo, Francia sitúase como o país con maior investimento destinado ao persoal da granxa. “En Francia ten un custo significativo o persoal: cun gasto de 20 euros por hora aos empregados”, sinalan.

Innovación adaptada ás necesidades do sector

Outro dos aspectos que están a abordar neste proxecto son os Sistemas de coñecemento e innovación agrícola, coñecidos como AKIS (polo seu acrónimo en inglés). Neste campo experimentouse nos últimos anos unha transformación, deixando atrá o modelo lineal habitual, no que as innovacións e estratexias saían dos centros de formación, pasaban polas oficinas agrarias e chegaban aos gandeiros como usuarios finais. “Agora ese enfoque lineal mudou e os granxeiros son xa parte activa desa toma de decisións e transmisión de coñecementos desde o comezo”, explica Liz King investigadora do AHDB.

“Os granxeiros son xa parte activa da toma de decisións e transmisión de coñecementos nas estratexias innovadoras para o sector”: Liz King, investigadora do AHDB

Os gandeiros pasaron a colocarse no centro das estratexias, pasando a un modelo circular de confianza do granxeiro no que tamén se teñen en conta outros elementos que inflúen na xestión da granxa e no desenvolvemento da actividade gandeira para propoñer estratexias innovadoras. Ademais, viuse unha transformación no perfil do gandeiro que inflúe directamente no desenvolvemento das innovacións para o sector. “Cada vez as persoas que entran no sector son máis tecnificadas e esperamos que entren máis mulleres”, valora Liz King.

O investigador Jean- Baptiste Dollé, do departamento de Agricultura francés (Idele) incide tamén na importancia de involucrar aos produtores no desenvolvemento de estratexias. “Debemos involucrar aos gandeiros para que entendan o papel que desempeñan na loita contra o cambio climático e a redución das emisións. Debemos concienciar aos gandeiros de que se trata dun tema complexo para que os gandeiros adquiran novas prácticas”, sinala.

“Debemos involucrar aos gandeiros para que entendan o papel que desempeñan na loita contra o cambio climático e a redución das emisións”: Jean- Baptiste Dollé, investigador do Idele

Nesta liña, en Francia desenvolveron unha ferramenta, a Cap2er, para avaliar os diferentes procesos das granxas francesas, de modo que se estime a pegada de carbono e se poidan expor estratexias adaptadas para reducir as emisións. Agora atópanse xa desenvolvendo unha versión europea, tras solicitarllo varios países. Ademais, traballan xa nun selo para certificar esta redución de CO2. “Creamos unha metodoloxía para cuantificar e certificar estas reducións de CO2. É unha ferramenta esencial”, detalla Dollé. Están xa en proceso de certificación 1.300 granxas.

De feito, en Francia buscan unha redución da pegada de carbono de entre 15 e o 20% equivale a 300 ou 400 toneladas CO2 por granxas nun período de 5 anos. Para logralo expoñen 40 prácticas de mitigación das emisións entre as que se atopan cuestións como a mellora xenética dos cultivos, a mellora da fertilidade dos solos ou a conservación da biodiversidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información