“As fortalezas da viticultura galega son a riqueza varietal, a vinculación ao territorio e a crecente profesionalización”

O cambio climático e as enfermidades están a redefinir o futuro da viña en Galicia. A Dra. Emilia Díaz Losada, investigadora da EVEGA, explica nesta entrevista os proxectos máis innovadores do centro. Unha conversa clave para entender os retos e as fortalezas da viticultura galega.

Publicidade
“As fortalezas da viticultura galega son a riqueza varietal, a vinculación ao territorio e a crecente profesionalización”

Emilia Díaz Losada nas instalacións da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA).

A Dra. Emilia Díaz Losada é Doutora en Bioloxía e Tecnóloga II en viticultura na Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), onde coordina a investigación no departamento de Viticultura da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA). Especializada na recuperación de material xenético de vide e na fitopatoloxía do viñedo galego, coordina actualmente a plataforma de avisos fitosanitarios Fitovit. Nesta entrevista repasa os proxectos máis recentes do centro: a recuperación de variedades tradicionais, a loita contra a black rot e a aposta por un modelo de viticultura máis sustentable baseado na innovación e na profesionalización do sector.

– Un dos piares da EVEGA é a investigación en variedades. Alén das variedades tradicionais como Albariño, Caiño ou Loureira, en que estado se atopan as investigacións con outras variedades minoritarias ou híbridas? Están a traballar nalgunha nova selección clonal especialmente adaptada ás condicións cambiantes do clima galego?

Un dos piares da EVEGA segue a ser a recuperación e valorización de variedades de cultivo tradicional. Nos últimos anos, os traballos centráronse na recuperación da variedade Albilla do Avia, que finalmente xa foi incorporada ao regulamento da Denominación de Orixe Ribeiro. Así mesmo, rexistrouse a variedade tintureira Zamarrica, actualmente en fase de incorporación ao potencial vitícola da comunidade autónoma. Recentemente, tamén se rexistrou a variedade Xafardán, así como a variedade Albariño gris. Do mesmo modo, iniciáronse os trámites para o rexistro do híbrido Folla Redonda.

Neste contexto, cómpre resaltar que se está a levar a cabo a avaliación das variedades conservadas na EVEGA en relación coa súa sensibilidade á podremia negra (Black rot). Aínda que se dispón de numerosos estudos sobre a sensibilidade ao mildiu, a resposta fronte a esta enfermidade segue a ser descoñecida. A podremia negra causada por Phyllosticta ampelicida está a reemerxer con forza nalgunhas zonas, polo que nos próximos anos se pretende avaliar a resposta de distintas variedades fronte á infección.

No ano 2024 publicamos o xenoma do fungo causante da black rot, e na actualidade, trabállase na análise da súa variabilidade en Galicia, así como no grao de virulencia de cepas illadas en diferentes zonas. Este proxecto, financiado a través da liña de Conservación de Recursos Xenéticos Vexetais dentro do Plan Estratéxico da PAC 2021-2027, constitúe un dos obxectivos da tese de doutoramento actualmente en curso do investigador predoutoral Anxo Arias.

Aínda que o noso foco principal segue a ser o material vexetal de cultivo tradicional, si estamos atentos ás posibilidades que ofrecen estas novas liñas fronte a enfermidades e cambio climático. 

En relación cos procesos de selección clonal, estes orientáronse sempre á procura dun maior equilibrio entre maduración, acidez e produción, de xeito que os clones seleccionados permitan elixir aqueles que mellor se adapten ás características específicas de cada parcela. En 2023 retomouse a transmisión de material de categoría base aos viveiros galegos, para a creación de campos de certificado de clones das variedades Albariño, Treixadura, Godello, Torrontés, Dona Branca, Loureira, Mencía, Sousón, Brancellao, Caiño Tinto e Espadeiro. Actualmente este material tamén se está a subministrar a viveiros nacionais que o solicitan.

Na presente campaña concluiremos os estudos agronómicos e enolóxicos de clones da variedade tintureira Merenzao e da variedade branca Albarín Branco, coñecida en Galicia pola súa sinonimia Branco Lexítimo, coa previsión de facilitar enxertos aos viveiristas en 2027.

En canto a híbridos tolerantes a enfermidades moi coñecidos como “variedades resistentes”, é un campo que seguimos con interese dentro do debate europeo sobre sustentabilidade. Aínda que o noso foco principal segue a ser o material vexetal de cultivo tradicional, si estamos atentos ás posibilidades que ofrecen estas novas liñas fronte a enfermidades e cambio climático. Neste sentido, está a establecerse un contrato de servizos para a avaliación dunha serie híbrida cuxo parental é a variedade Godello en colaboración coa empresa Agromillora e a cooperativa Martín Codax.

Desde a EVEGA abórdanse estas problemáticas desde un enfoque integrado. 

– Como está a abordar a EVEGA o reto do mildiu e o oídio, especialmente en tempadas tan húmidas como a que rematamos? Hai proxectos en marcha sobre o uso de funxicidas de baixo impacto ou ferramentas de alerta temperá baseadas en intelixencia artificial?

O mildiu e o oídio son dous grandes retos da viticultura atlántica, da que forma parte Galicia. Non obstante, nos últimos anos están a reemerxer outras enfermidades como a black rot, que xa mencionei anteriormente, que está a provocar efectos negativos relevantes, especialmente no Ribeiro e na Ribeira Sacra.

Desde a EVEGA abórdanse estas problemáticas desde un enfoque integrado. Por un lado, avalíanse estratexias de redución de fitosanitarios mediante o uso de produtos de baixo impacto, e por outro, continúase avanzando no uso de tecnoloxías que permitan optimizar o momento de aplicación de fitosanitarios, co obxectivo de reducir intervencións innecesarias.

Neste contexto están a desenvolverse dúas accións de cooperación, no marco do Plan Estratéxico da PAC de España (PEPAC), que están financiadas nun 60% con fondos Feder, nun 28% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e nun 12% pola Comunidade Autónoma Galega. En ambas iniciativas a EVEGA actúa como coordinador principal, contando coa colaboración de diferentes empresas vitivinícolas galegas.

Durante os meses de abril e maio temos previsto levar a cabo distintas xornadas de difusión e obradoiros técnicos, nas diferentes denominacións de orixe, co obxectivo de achegar esta ferramenta ao conxunto do sector vitivinícola.

Unha destas accións céntrase na avaliación de produtos de baixo impacto para mildiu, oídio e black rot. Concretamente, os ensaios de mildiu están a realizarse nas Rías Baixas e en Monterrei, en colaboración con Altos de Torona e Martín Codax; os de oídio realízanse en Valdeorras coa colaboración de Godeval, e os de black rot na Ribeira Sacra en colaboración coa adega Vía Romana, e nas viñas experimentais que ten a EVEGA no Ribeiro. Espérase poder mostrar os resultados destes ensaios ao finalizar a campaña que acaba de comezar.

Paralelamente, continúase avanzando coa plataforma Fitovit con novas incorporacións, no marco da segunda acción de cooperación, concretamente o desenvolvemento de modelos fenolóxicos. Esta plataforma foi concibida como un instrumento de apoio á toma de decisións no manexo fitosanitario da viña galega, facilitando unha xestión máis eficiente, precisa e sustentable. Fitovit xa está aberta ao público e accesible a través da dirección web fitovit.xunta.gal.

Durante os meses de abril e maio temos previsto levar a cabo distintas xornadas de difusión e obradoiros técnicos, nas diferentes denominacións de orixe, co obxectivo de achegar esta ferramenta ao conxunto do sector vitivinícola.

– Poderías adiantarnos algún proxecto de I+D+i, xa sexa a nivel galego, estatal ou europeo, no que a EVEGA vaia participar ou comece a traballar nos próximos meses? Hai algunha colaboración nova con adegas ou centros tecnolóxicos internacionais?

Sempre tendo en conta que a liña condutora das nosas investigacións é avanzar na xeración de viñas máis sustentables, atendendo aos principais problemas que afectan a viña galega, actualmente participamos no proxecto de ámbito nacional RHIZOIMPROVE iniciado en 2025. Este proxecto está financiado pola Axencia Estatal de Investigación (AEI) a través da convocatoria de 2023 de Proxectos de I+D+i “Xeración de Coñecemento”. Xunto co Institut de Recerca i Tecnologia Agroalimentàries (IRTA), que é o coordinador principal, o Instituto de las Ciencias de la Vid y del Vino (ICVV) e a Universidade Politécnica de Valencia, o proxecto ten como obxectivo investigar o impacto da seca nos patóxenos fúnxicos do solo que afectan os portaenxertos da vide, e desenvolver unha estratexia integrada de mellora ao incorporar microorganismos beneficiosos e metabolitos de exsudados radiculares coidadosamente seleccionados. O traballo céntrase concretamente en dous patóxenos de gran impacto na viña: Armillaria mellea, causante da podremia branca da raíz, e Dactylonectria torresensis, relacionada coa enfermidade do pé negro en plantas novas de vide. Ambas enfermidades, como é sabido, son de difícil control e están a provocar importantes perdas económicas.

Emilia Diaz Losada, Evega1

Por outra banda, hai escasos días resolveuse a convocatoria de grupos operativos supraautonómicos da Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas (AEI-Agri), no marco do Plan Estratéxico da PAC de España (PEPAC), na que participabamos co proxecto PENVITIS. Este proxecto pretende valorar as prácticas vitícolas innovadoras para mellorar a resiliencia e sustentabilidade do cultivo da vide en condicións de forte pendente, tamén coñecida como viticultura heroica, en rexións como Galicia, Canarias e Cataluña. Para facer fronte a este reto, este Grupo Operativo está constituído por: 2 Denominacións de Orixe: CR DOQ Priorat e a DOP das Illas Canarias (AVIBO); 2 adegas produtoras; Adegas Moure e Celler Mas Doix; e unha institución privada sen ánimo de lucro como representante e coordinador: INNOVI. Como entidades de investigación subcontratadas participan a Axencia Galega de Calidade (AGACAL), a través da EVEGA, o Instituto Canario de Calidad Agroalimentaria (ICCA), e o Institut Català de la Vinya i el Vi (INCAVI). Así mesmo, forman parte do grupo a Denominación de Orixe Ribeira Sacra, Adegas Viñátigo, e como empresa de soporte á comunicación e difusión GALA, e Zabala Innovation como consultora internacional para a coordinación administrativa e técnica. A EVEGA participa especificamente na validación do uso de drons adaptados ás condicións de forte pendente, co obxectivo de reducir o tempo de aplicación de tratamentos fitosanitarios, actualmente realizada de forma manual polo viticultor, cun importante custo para a zona da Ribeira Sacra.

En relación ás técnicas innovadoras, tamén participamos no grupo operativo rexional SOSTAVID “Agrofotovoltaica para redución de pegada de carbono en viticultura” liderado por ASAGA e a empresa Soltec, e en colaboración coas adegas Guímaro e As Laxas. O reto deste proxecto radica no ecodeseño de paneis solares de cara á optimización tecno-económica do proceso vitícola, para conseguir un menor uso de combustibles fósiles, enerxía de autoconsumo, e mesmo unha protección de chuvias ou saraiba ou do sol, sen que afecte a produción nin á calidade do produto final. Para iso establecéronse dous pilotos en viñas de ambas adegas, nos que se implantaron paneis. Durante esta anualidade avaliarase a súa influencia nos parámetros agronómicos das plantacións, ao mesmo tempo que se profundará no cálculo da pegada de carbono dos produtos de ambas denominacións.

A investigación, especialmente no ámbito vitícola, non adoita xerar resultados inmediatos, senón que require moitos anos de traballo. En numerosas ocasións, estes procesos transcenden a duración de proxectos financiados.

– Alén das xornadas puntuais, que canles ou programas está a deseñar a EVEGA para que os resultados das súas investigacións cheguen de forma máis directa e rápida ás adegas e viticultores galegos? Está previsto publicar algún novo manual ou guía de boas prácticas proximamente?

Desde a EVEGA somos moi conscientes da importancia de que os resultados cheguen ao sector de forma útil e aplicable. Non obstante, é importante sinalar que a investigación, especialmente no ámbito vitícola, non adoita xerar resultados inmediatos, senón que require moitos anos de traballo. En numerosas ocasións, estes procesos transcenden a duración de proxectos financiados, sendo necesario dar continuidade ás liñas de investigación mediante novas financiacións para chegar a conclusións sólidas e transferibles.

Neste sentido, o noso enfoque combina a xeración de coñecemento a medio e longo prazo cunha transferencia continuada. A principal canle de difusión son as xornadas técnicas nas que tratamos de ofrecer unha visión global das liñas de investigación en curso. Aínda que somos conscientes de que ás veces poden resultar densas, estas permítennos compartir avances relevantes, mesmo cando os proxectos aínda non finalizaron.

Alén desta transferencia, traballamos en distintas canles para achegar os avances ao sector, como a participación directa de adegas e viticultores nos propios proxectos de investigación, a realización de ensaios en condicións reais do seu cultivo, e o desenvolvemento de ferramentas prácticas como a plataforma Fitovit, orientada á toma de decisións a tempo real.

En canto á elaboración de materiais divulgativos, están a desenvolverse monográficos sobre temáticas específicas, nalgúns casos coa participación de expertos externos, o que permite achegar unha visión máis próxima á realidade empresarial. Así mesmo, os resultados publicados en revistas científicas sintetízanse e divúlganse a través da revista Agroexpres, que ten como obxectivo dar visibilidade ás liñas de investigación desenvolvidas polos centros de investigación adscritos a AGACAL, entre eles a EVEGA.

Galicia conta cunha fortaleza diferencial: a súa diversidade varietal, a vinculación ao territorio e a crecente profesionalización do sector, o que permitirá consolidar un modelo de viticultura máis sustentable.

– Para finalizar, se puidese lanzar unha mensaxe de optimismo ou unha chamada de atención a todos os viticultores e adegueiros de Galicia, baseada no que ve desde o laboratorio e as parcelas da EVEGA, cal sería?

A miña mensaxe sería que estamos nun momento de cambio importante: o impacto do cambio climático, a presión de enfermidades, e as novas esixencias de sustentabilidade. Isto obriga a evolucionar, e esta evolución non pasa por solucións rápidas, senón que supón unha adaptación progresiva, que ten que estar baseada na profesionalización, e na innovación, que permita a toma de decisións cada vez máis axustadas.

Estes retos en Galicia son especialmente complexos: a súa climatoloxía variable, a estruturación fragmentada da viña e a gran presión de enfermidades, pero tamén representan unha oportunidade de avanzar cara a modelos de produción máis precisos. Galicia conta cunha fortaleza diferencial: a súa diversidade varietal, a vinculación ao territorio e a crecente profesionalización do sector, o que permitirá consolidar un modelo de viticultura máis sustentable.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información