As Fadegas, relevo xeneracional nunha explotación de horta pioneira que cumpre 40 anos

Esta explotación de horta de Ribadeo foi unha das primeiras da provincia de Lugo en ter invernadoiros e en producir en ecolóxico. Marta e Montse tomaron o relevo de Elia e Vicente hai tres anos mantendo a mesma filosofía: producir froitas e hortalizas de calidade para o mercado local 

Publicidade
As Fadegas, relevo xeneracional nunha explotación de horta pioneira que cumpre 40 anos

Marta, Montse e Antía

Hai tres anos que Marta Méndez e Montse Laya decidiron incorporarse á actividade agraria e dar continuidade a unha explotación de horta ecolóxica que basea a súa estratexia na variedade e na venda directa. Dispoñen de 1.800 metros cadrados a cuberto en 5 invernadoiros e unha hectárea ao aire libre en tres parcelas situadas a carón do río Grande, no concello lucense de Ribadeo.

Desta explotación, que leva o nome da finca na que se asenta, As Fadegas, saen nesta época tomates, pementos, berenxenas, leitugas, porros, fabas, xudías, remolacha de mesa, cabaza, cabaciño, chícharo, tirabeque, apio, acelgas e espinacas. No inverno tamén coliflores, repolos e verduras asiáticas. Tamén hai froiteiras: figos, ameixas, mazás, peras, noces, kiwis, avelás e froitos vermellos como arandos ou framboesas, plantadas hai catro anos. Até hai dous anos puñan tamén patacas, pero a raíz da prohibición de plantación na comarca da Mariña por mor da couza guatemalteca tiveron que deixar de botalas. “Substituímolo por boniato o primeiro ano”, di Montse.

“Ao vender directamente ao consumidor necesitas ter variedade e ademais ao diversificar as producións se che falla un cultivo sempre compensas cos outros”, explica Marta. Tamén poñen crisantemos para Santos. “É rendible economicamente e tamén vai moi ben para facer a rotación de cultivos porque aínda que sexa dentro do invernadoiro hai que facer igualmente rotación, menos o tomate, que mesmo funciona mellor se vai sempre no mesmo sitio”, conta.

Este ano a produción vai atrasada pola climatoloxía pero os meses do verán son sempre de moito traballo. “De xuño a setembro traballamos todos os días. Temos mercado dous días por semana, os mércores e os domingos, así que outros dous, os martes e os sábados, son de recollida. Só che quedan 3 días para traballar na horta e non te podes permitir parar ningún”, afirma Marta, mentres recoñece que lles gustaría ter máis tempo para estar coa súa filla, Antía.

No inverno hai máis tempo libre. Unha explotación ecolóxica coma esta adáptase aos ciclos da natureza, que descansa cando hai menos horas de luz e esperta coa chegada da primavera e o verán. O traballo no inverno céntrase nos semilleiros, que son propios para a maioría dos cultivos. “Facemos o semilleiro de case todo, iso xa nos ocupa boa parte do tempo no inverno”, di Montse. Queren investir nun sistema de rego para os semilleiros controlado mediante o teléfono móbil para non estar atadas a vir a regar todos os días e poder deste xeito marchar de vacacións nos meses de menos traballo. É unha época na que tamén caen os ingresos porque as vendas son poucas. “Os nosos ingresos, coma as producións, son moi estacionais, e no inverno sempre imos moi xustas para pagar a Seguridade Social”, admite.

“A produción de alimentos é algo moi pouco valorado en Galicia”

Nunha desas pequenas escapadas que se permiten, Marta e Montse visitaron co Sindicato Labrego Galego distintas explotacións de horta en ecolóxico en Euskadi, onde viron unha realidade ben diferente. “En Galicia estamos a anos luz con respecto a outros lugares. Nesa viaxe vimos por exemplo un colexio con 700 cativos preto de Durango e no comedor do colexio só empregaban produtos de agricultura ecolóxica, así que varias explotacións da súa contorna vivían de servir ao colexio”, describe Montse.

Pero a situación dista moito en Galicia. “Falta concienciación, a lexislación autonómica aquí é moito máis ríxida e non nos permite, por exemplo, vender planta se nos sobra nos semilleiros, e os prezos dos produtos non teñen nada que ver. O máis caro que temos nós é a espinaca e vendémola a 4 euros o quilo, no País Vasco os produtores vendíana a 16 euros”, describe Marta. “Nós temos que competir en prezo coa produción convencional, porque polo momento a produción ecolóxica está pouco valorada polo consumidor”, afirma.

“A produción de alimentos é algo moi pouco valorado, sobre todo en ecolóxico, que pasas o día sacando herbas”, remarca Montse, que fai unha reflexión: “Aquí a relación entre as horas que botas e a rendibilidade non é a mesma que a doutras profesións”, di. “Os 30 euros a hora que che cobran no taller ou un fontaneiro ninguén as cuestiona”, compara.

 “Poder ofrecer calidade aos teus veciños é reconfortante”

As Fadegas dálle saída ao 90% da súa produción no mercado de Ribadeo. O seu posto é dos que non falla todos os mércores e domingos. “A min gústame moito vender no mercado, a xente é agradecida e poder ofrecer alimentos de calidade aos teus veciños é reconfortante”, asegura Marta, que defende que “para que os mercados das vilas se manteñan ten que haber produtores que vaian, porque se só van almacenistas ao final tes os mesmos produtos que hai no supermercado”, argumenta.

Marta e Montse poñen un prezo fixo a cada produto para todo o ano. “Marcámolo ao comezo da campaña e mantémolo até que remata, non o imos variando”, explican e din que así evitan prácticas habituais nos mercados como o regateo. “A ninguén se lle ocorre regatear o prezo coa caixeira do supermercado, pero nos mercados é frecuente que a xente tente baixar o prezo”, explican. Pero a súa clientela, que é fixa na meirande parte, xa a herdaron educada por Elia.

Pioneiros na horta ecolóxica en Galicia

A Marta o da horta venlle de familia, aínda que non se adicaba a iso. Tanto ela coma Montse, que é de Melide, estudaron Forestais e estaban a traballar en Ponferrada. “Cando meus pais se xubilaron parecíanos unha soberbia que che deran a oportunidade de continuar cunha explotación xa montada e non collela”, explica.

Elia e Vicente, os pais de Marta, puxeron en marcha As Fadegas no ano 1978. “Fomos unha explotación que naceu de cero, algo que non era moi habitual naquel tempo. Casamos con 27 anos e decidimos iniciar un proxecto de horta. Non collemos as vacas porque necesitas máis terreo e era máis complicado empezar da nada. Apuntámonos a un programa de Extensión Agraria no que eles pagaban a planta e asesorábante e ti puñas o traballo. Empezamos con zenoura, cebola e xudía. Ao ano seguinte xa fixemos un invernadoiro de 1.000 metros cadrados, foi o primeiro invernadoiro da provincia de Lugo e chamaba moito a atención. Estaba feito de madeira e foi autoconstruído. Daquela viña un técnico de Extensión Agraria, valoraba a obra e permitíache facela ti. Agora tes que contratalo todo porque hai que ter facturas e tes que contratar até a colocación do invernadoiro porque o teu traballo non se subvenciona. A nós dérannos un crédito dun millón de pesetas e financiábanche os intereses”, lembra Elia dos seus comezos.

Esta explotación de Cubelas volveu abrir camiño anos despois, ao ser un dos primeiros produtores de horta ecolóxica en Galicia. Elia participou na constitución do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), do que foi vocal. “Xa antes do ano 1996 estabamos facendo ecolóxico. Naquela época poñiamos fabas e tratábanse moito. Un día un médico amigo noso que estaba de visita díxome que non collera no colo á pequena, a Marta, porque viña de dar os tratamentos e quedaban na roupa. Démonos conta de que estabamos contaminando todo e que nos estabamos contaminando a nós mesmos e decidimos cambiar. Aquilo tamén era novo, porque ninguén che dicía que aquilo era malo, estaba permitido e ninguén controlaba os tratamentos”, di.

 “Fomos dos primeiros labregos autóctonos que comezamos co ecolóxico”

Dar o salto a ecolóxico non foi doado. “A transición foi dura. Estivemos 7 anos perdendo cartos. A terra non estaba preparada e as plantas tampouco estaban adaptadas. Pero non pensamos en ningún momento en dar marcha atrás na nosa decisión, estabamos moi convencidos”, lembra. “Iamos ao esterco de cabra á parroquia de Martul, en San Martín de Oscos, porque por aquí hai moitas vacas pero non en produción ecolóxica. Traiámolo e compostabámolo aquí. Había moi pouca información e pouco de onde sacala porque estaba en inglés ou en alemán. Daquela facían ecolóxico só os que viñan de fóra e se asentaban en Galicia, nós fomos dos primeiros labregos autóctonos que comezamos co ecolóxico. En Navarra vimos un invernadoiro de 5.000 metros cadrados en ecolóxico e aquilo abriunos os ollos, porque até entón por aquí en Galicia só había pequenas hortas familiares para autoconsumo en ecolóxico, pero non explotacións profesionais de produción ecolóxica para venda”, explica.

Desde que naceu no ano 1978 até o ano 1996 As Fadegas canalizaba a súa produción a través de intermediarios. “Vendimos durante 18 anos a un almacén da zona, decidimos pasarnos á venda directa cando cambiamos a ecolóxico”, lembra Elia. Comezou indo ao mercado de Foz os martes e ao de Ribadeo os mércores e a facer cestas para vender en Lugo a través de dúas asociacións de consumo responsable, A Cova da Terra e O Bandullo Ecolóxico.

“Se os pais botan a vida renegando do traballo no campo é imposible que os fillos se plantexen sequera quedar no medio rural”

No  ano 2001 xurdiu a idea de facer tamén mercado en domingo en Ribadeo e constituíuse a asociación A Sucadoira con 15 produtores de horta do concello. “Tivo moi boa acollida e foi boa idea porque produtos como a xudía, o tomate ou a fresa hai que recollelos máis dun día á semana e deste xeito podiamos apañalos e darlles saída os mércores e os domingos”, explica.

No concello de Ribadeo hai hoxe media ducia de produtores profesionais de horta, dous deles en ecolóxico. A maiores hai un bo número de produtores de fabas, sobre todo na zona de Cedofeita, pero moitos deles téñeno como segunda actividade, como complemento.

Coma Elia, na Sucadoira hai xa máis xubilados que produtores en activo. Pero ela resístese a marchar de todo. “Quérenme mandar de vacacións do Imserso, está todo o mundo empeñado, pero eu disfruto aquí, que se me perdeu a min en Benidorm”, bromea. Así que segue indo polas Fadegas, onde exerce de “técnica supervisora”, ironiza Montse. Aporta asesoramento gratuíto, aquel que outrora ofrecían os técnicos de Extensión Agraria. “A nós axudounos moito Antonio Oca durante a súa etapa en Ribadeo”, agradece Elia.

Esa mesma paixón pola terra que ela ten transmítella á súa neta Antía. “Se os pais botan a vida renegando do traballo no campo é imposible que os fillos se plantexen sequera quedar no medio rural”, razoa. Recoñece, iso si, que variou o concepto de lece con respecto á súa xeración. “Eu era feliz un domingo pola tarde vendo medrar as leitugas”, asegura.

Mercado dos Domingos de Ribadeo, un modelo de proximidade que triunfa en Europa

En As Fadegas tamén cultivan framboesas

Mentres moitas outras localidades galegas vían esmorecer pouco a pouco os seus mercados, engulidos por supermercados e grandes superficies, Ribadeo non só logrou conservar o seu, senón que ano a ano goza de mellor saúde, convertido xa en referencia para toda a comarca da Mariña, para consumidores da veciña Asturias e mesmo para produtores chegados de lugares como Negueira de Muñiz ou a Terra Chá.

Ao habitual mercado semanal dos mércores engádese durante os meses do verán o Mercado dos Domingos, que cumpre xa 17 anos e onde o produto de proximidade é o protagonista, poñendo en valor esa economía máis próxima, potenciando o consumo de tempada e os produtos de calidade e quilómetro cero, un modelo en auxe en numerosas vilas e cidades de Europa.

O Mercado dos Domingos está organizado desde o Concello de Ribadeo en colaboración coa asociación de produtores e produtoras de horta A Sucadoira, un colectivo xurdido á par que a recuperación do Mercado e presidido na actualidade por Ana Díaz. O Mercado dos Domingos ten lugar no exterior da Praza da Abastos de Ribadeo todas as mañás dos domingos do verán, desde o San Xoán até a ponte de outubro, entre as nove da mañá e as dúas da tarde.

Acoden 14 postos, dos que 5 son produtores de horta locais. Está regulado que no mercado o 60% dos postos teñen que ser de horta e o resto produtos artesáns. O Concello dá prioridade aos produtos da zona e os produtos de horta comercializados teñen que ser de produción propia ou mercados a produtores que estean a menos de 50 quilómetros de Ribadeo.

En paralelo ao Mercado dos Domingos, durante os tres meses do verán realízanse unha serie de actividades para dinamizalo. O espazo conta cun curruncho dos nenos con xogos para eles e varias veces na tempada o entorno da Praza de Abastos acolle actuacións musicais ou obradoiros vencellados á agricultura. O vindeiro día 29 de xullo, por exemplo, terá lugar un sobre xardíns verticais e haberá tamén unha cata de produtos ecolóxicos. O Mercado dos Domingos pecharase coma sempre coa Festa da Horta, con actuacións musicais o último día, que este anos será o 14 de outubro.

Referencia comercial da comarca da Mariña e do occidente asturiano

Coa recuperación deste mercado Ribadeo continúa unha tradición comercial de máis de medio século, a de mercar en domingo. Desde o ano 1962 os comercios da vila abren ese día para facilitar as compras tanto á poboación local como aos clientes do resto da comarca. No verán súmanse tamén os numerosos turistas que visitan a localidade e que multiplican a poboación habitual.

Os obxectivos dos mercados semanais dos mércores e dos domingos en Ribadeo son fomentar e poñer en valor os produtos locais da horta, artellando así un espazo para os produtores do agro da localidade. Pero ademais de espazo para os produtores locais, o Mercado dos Domingos inclúe unha oferta máis diversificada. Nos seus 14 postos, ademais de horta, pódese atopar coitelería, pan, ostras, queixo, embutidos, zumes ou doces. Ademais, este ano incorporáronse dous novos produtores con cervexa e chocolates de Ribadeo.

Tanto os produtos á venda coma o lugar, cun entorno coidado, priman a calidade, polo que o Mercado dos Domingos preséntase coma un mercado gourmet de produtos galegos. A Praza de Abastos, principal referente da comercialización de produto fresco en Ribadeo, conta cunha situación privilexiada no corazón da vila. Foi construída en 1935 nuns terreos doados por Ramón González e preséntase como un edificio de estilo funcionalista, cunha estrutura de ferro á vista e unha interesante composición de fachadas. Dispón ademais dunha zona de aparcadoiro gratuíto situado ao pé, o que permite mercar con comodidade ao tempo que se dá un paseo pola vila.

Os mercados de proximidade ofrecen unha garantía para o consumidor, porque sabe que está consumindo calidade e produtos sen cámara, que van directamente da horta á súa mesa. Os produtos son apañados o día antes á noitiña ou o mesmo día do mercado pola mañá cedo.

As feiras e mercados que teñen lugar ao longo do ano en Ribadeo son verdadeiros puntos comerciais de referencia comarcal. Con eles, o Concello de Ribadeo fomenta a produción local e apoia a creación dun espazo de calidade para a súa comercialización.

CARTEL.cdr

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información