As explotacións afectadas polo pago verde perden 187 euros por hectárea

A redución da superficie de millo por mor das obrigas do ‘greening’ da PAC diminuirá a colleita de forraxe nunha media de 1,2 toneladas por hectárea cultivada

As explotacións afectadas polo pago verde perden 187 euros por hectárea

Visita ós cultivos de inverno de Mabegondo, nas xornadas técnicas da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

O novo periodo que se abre este ano para as axudas da PAC (Política Agraria Común) vén marcado en Galicia polo polémico pago verde ou ‘greening’, unha parte da subvención que se condiciona á diversificación de cultivos. En Galicia, a aplicación da diversificación de cultivos suporá na práctica unha redución da superficie a millo en parte das explotacións lácteas. Esa redución xerará unha perda de en torno a 187 euros por hectárea nas explotacións afectadas polo ‘greening’, segundo cálculos de Gonzalo Flores, xefe do departamento de Pastos e Cultivos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, que expuxo as súas estimacións nunha xornada técnica organizada pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

O pago verde esixe que os produtores con máis de 10 hectáreas sementen alomenos dous cultivos -3 se o produtor ten máis de 30 hectáreas-, sen que ningún deles supere o 75% da superficie. Quedan exentas as explotacións que teñan as tres cuartas partes das súas terras con praderías. En Galicia, decidiuse que esa diversificación de cultivos se terá que aplicar entre maio e setembro.

Explotacións exentas
A normativa do pago verde permite que a maioría dos perceptores da PAC, uns 35.000 en Galicia, queden exentos de cumprir con estas obrigas, pero algo máis de 3.000, segundo os cálculos da Xunta, si terán que ter en conta os requisitos do pago verde. Eses produtores correspóndense fundamentalmente coas explotacións lácteas máis dimensionadas, que en Galicia practican na primavera-verán un monocultivo de millo, xa que é a forraxe que permite obter máis volume de produción e, por tanto, reducir en maior medida as compras externas de alimento para os animais.

A obriga de introducir novos cultivos levará na práctica a reducir a superficie de millo e a cultivar no seu lugar, alomenos nun 25% da superficie dispoñible, outra forraxe que terá unha menor produción. “O millo ronda as 13 toneladas de materia seca por hectárea, en tanto outras forraxes de primavera verán, como o xirasol ou o sorgo, non superan as 8”, explica Gonzalo Flores. “Por tanto, se unha de cada catro hectáreas se adica a outro cultivo, a produtividade media por hectárea redúcese aproximadamente en 1,2-1,3 toneladas e queda nas 11,7 – 11,8 toneladas de materia seca”, estima o xefe do Departamento de Pastos e Cultivos de Mabegondo.

O Centro de Investigacións de Mabegondo elaborou 15 guías de cultivos forraxeiros alternativos ó millo

En base a un prezo medio do silo de millo no mercado de en torno a 15 céntimos o quilo, a redución de produción supón unhas perdas medias duns 187 euros por hectárea nas explotacións afectadas polo pago verde. Para un produtor cunhas 15 hectáreas, a perda total superaría os 2.500 euros.

De cara a próximas campañas, estas estimacións fan desexable, segundo Gonzalo Flores, que se exploren en Galicia posibles alternativas de aplicación do ‘greening’, sempre de acordo coa normativa comunitaria.

Perspectivas futuras
A normativa comunitaria é precisamente a clave da cuestión. En Asturias, o goberno autonómico interpretou que as disposicións da UE permiten que sexa válido o cumprimento dos requisitos do ‘greening’ no periodo invernal, unha posibilidade que, de aplicarse en Galicia, evitaría ter que reducir as superficies estivais de millo. Sen embargo, na comunidade, a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, defendeu no Parlamento que as regras comunitarias esixen que o ‘greening’ se cumpra no periodo maio-setembro.

De tódolos xeitos, nunha recente reunión de Ulloa co concelleiro de Agricultura de Lalín, Manuel Fernández, a directora comprometeuse a estudar posibles alternativas de cara a próximas campañas, segundo declaracións de Fernández á prensa.

Guías de cultivo
Por outra parte, no marco da primeira reunión de primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) presentou unha serie de fichas de cultivos forraxeiros que poderían empregarse para cumprir cos requirimentos de diversificación do chamado pago verde.
Trátase de 15 guías de outros tantos cultivos que permiten optar a estas axudas da PAC. Entre eles pódense salientar a colza, o faballón, o liño, o sorgo ou o xirasol, entre outros.

Cada guía ofrece información sobre o calendario de cultivo, os requirimentos de solo e de fertilización, as variedades, a sementeira e a preparación do solo, os problemas de enfermidades e pragas e o seu tratamento, así como datos sobre a colleita, rendemento e valor nutritivo.

A fichas, que serán publicadas proximamente na web do CIAM, complétanse cunha guía de fertilización.

Éxito das xornadas da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes

CIAM_publico

As xornadas técnicas que comezou a organizar o pasado ano a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes repiten en cada convocatoria o éxito de asistencia. A I Reunión de Primavera da Sociedade, programada o venres pasado en Mabegondo, congregou a arredor dun cento de gandeiros, técnicos e investigadores. O evento estivo adicado á produción de leite en sistemas forraxeiros e incluiu ponencias técnicas, debates e visitas ós cultivos de inverno de Mabegondo e ó Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información