As entregas de leite redúcense en abril por primeira vez desde o fin das cotas

España produciu 6.000 toneladas menos que o mesmo mes do ano anterior, o que supón unha redución do 1 por cento. O prezo volve caer e sitúase en Galicia nos 27,9 céntimos

As entregas de leite redúcense en abril por primeira vez desde o fin das cotas

As restriccións das industrias están a obrigar ás granxas a conter a produción.

As previsións da Comisión Europea para o segundo semestre do 2016 apuntan a unha redución das entregas de leite no conxunto da UE, se ben en España esa tendencia xa comezou en abril, segundo os datos que vén de facer públicos o Fondo Español de Garantía Agraria (Fega).

A produción española reduciuse ese mes en 6.000 toneladas en relación a abril do 2015, o que supón unha baixada do 1%, pasando de 596.000 toneladas no 2015 a 590.000 no 2016. En Galicia, sen embargo, a produción mantense estable, mesmo cun leve aumento. Das 220.166 toneladas de abril do 2015 pasouse ás 220.572 toneladas.

A nivel do conxunto de España, é o primeiro mes desde que remataron as cotas no que as entregas de leite se reducen. As restriccións impostas polas industrias ás entregas, que se endureceron nos últimos meses, obrigaron a parte das granxas a aumentar os sacrificios de gando para conter a produción.

Ese esforzo tradúcese nunha baixada das entregas, en tanto o conxunto da UE continúa a medrar en produción en abril. Os datos da evolución da cabaña gandeira a nivel europeo, feitos públicos esta semana, reflicten tamén unha estabilidade do número de cabezas en España, en tanto outros países da Unión, de vocación exportadora, aumentaron nun ano ata un 10% o número de vacas, caso de Irlanda, ou o 7%, caso de Holanda.

Prezos
En canto a prezos do leite, a evolución continúa á baixa. Dos 30,3 céntimos de media española en marzo pasouse ós 29,8 en abril. En Galicia, dous céntimos por abaixo da media española, pasouse de 28,2 céntimos a 27,9 céntimos.

Con todo, o que máis preocupa ó sector é a situación de preto de dúas mil explotacións que están a cobrar o leite por baixo de 25 céntimos, con arredor de 500 granxas nunha situación moi comprometida, por baixo dos 20 céntimos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información