As debilidades do sistema de produción de leite en Galicia

A guerra de Ucraína e o paro no sector do transporte están a poñer de manifesto a crúa realidade da produción leiteira en Galicia, onde a meirande parte das explotacións son ultradependentes dos concentrados. Analizamos as carencias do modelo de granxas polas que se apostou nos últimos anos

racion carro mezclador Finca A Xesteira (Zas)Desde o fin das cotas lácteas no ano 2015 Galicia aumentou a súa produción de leite nun 15%, pasando de 2,58 millóns de toneladas a 2,98 millóns o pasado ano. Pero fíxoo a costa de seguir intensificando o seu xeito de producir e incrementando a súa dependencia dos mercados internacionais de insumos para a alimentación do gando.

Galicia importa cada ano dous millóns de toneladas de materias primas para alimentar á súa cabana gandeira. Polos portos da Coruña, Marín e Vilagarcía entran cada ano 800.000 toneladas de cereais (outro millón de toneladas procede do mercado interno do resto de España) e un millón máis de proteaxinosas (soia e colza fundamentalmente), cos que se elaboraron o ano pasado 3,1 millóns de toneladas de penso.

As ganderías de leite galegas son tremendamente dependentes da cotización mundial de cereais como o millo, o trigo ou a cebada e de proteaxinosas como a soia ou a colza

Desde o fin das cotas lácteas a fabricación de concentrados incrementouse en Galicia un 10%. A maior dimensión das ganderías de vacún de leite, principais consumidoras de materias primas en Galicia, estaría detrás deste aumento, xunto coa multiplicación de granxas de porcino e avícolas. De feito, o sector bovino encabeza as estatísticas de consumo de preparados para animais, con máis de 1,3 millóns de toneladas, moi por enriba de polos e porcos (unhas 750.000 toneladas cada un).

Menos vacas pero máis produtivas

evolucion producion de leite en Galicia 2015-2022 GALGalicia contaba no ano 1985, previo á entrada na UE, con 100.000 explotacións leiteiras, que producían 1,2 millóns de toneladas de leite ao ano. A día de hoxe quedan 6.300 e producen case 3 millóns de toneladas. É un dato revelador que dá idea da transformación e reconversión vivida no sector leiteiro galego nas últimas décadas.

Galicia perdeu un terzo das súas explotacións leiteiras desde o final das cotas lácteas

O incremento da produción é froito do alto grado de profesionalización acadado polos produtores, dos investimentos realizados en ampliación de granxas e dunha crecente intensificación da produción, tanto a nivel das zonas onde se produce o leite como a nivel das granxas que se manteñen dando leite, e que pasaron de 9.600 no ano 2015 a 6.300 a día de hoxe.

Desde o 2015 producimos un 15% máis de leite con case 20.000 vacas menos

O número de vacas por explotación está a incrementarse, pasando dunha media de 35,8 no ano 2015 a 51,4 na actualidade, mais no global, a cabana gandeira produtora de leite está a diminuír levemente (Galicia contaba con 343.920 vacas adultas no 2015 e ten hoxe 324.195). Así pois, as que hai hoxe son vacas máis produtivas (a media de produción sitúase en 9.212 litros por vaca e ano cando no 2015 era de 7.512).

Escasa superficie agraria  

concellos con máis produción de leite de Galicia


Concellos galegos con máis produción de leite no ano 2019 (Fonte: Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego a partir dos datos do FOGGA)

Mais o incremento na produción de leite en Galicia non levou aparellado un aumento na base territorial das granxas. Cunha superficie agraria adicada á produción láctea dunhas 200.000 hectáreas, equivalente ao 8% do territorio galego, a comunidade produce o 40% do leite de todo o Estado, cunha carga gandeira moi superior á do resto de países europeos.

O promedio de terras por explotación no 2019 era de 25 hectáreas repartidas en 60 parcelas

Segundo os datos incluídos na Estratexia do Sector Lácteo aprobada pola Xunta, a explotación promedio de Galicia contaba no ano 2019 con 68 cabezas (46 vacas e 22 becerras), producía 380.000 litros de leite ao ano e dispuña de 25 hectáreas de terreo repartidas en 60 parcelas, o que equivale a unha ratio de 1,84 UGM/ha.

A carga gandeira increméntase a medida que aumenta o tamaño da explotación e o 50% do leite de Galicia prodúcese en só 20 concellos

Pero a medida que se incrementa o tamaño da explotación diminúe a proporción de superficie por cabeza. As ganderías máis grandes, que equivalen ao 7% do total e producen un terzo do leite galego, teñen de media máis de 250 cabezas (163 vacas e 97 becerras) pero dispoñen tan só de 68 hectáreas para alimentar o gando, é dicir, 2,4 UGM/ha.

A intensificación acelerouse de xeito importante desde o final das cotas lácteas

A especialización na produción de leite en determinadas comarcas fixo tamén que a intensificación produtiva nesas zonas sexa moi elevada. Catro concellos galegos (A Pastoriza, Pol, Rodeiro e Frades) teñen máis dun 80% da súa superficie agraria útil destinada á produción de leite e outros 11 (Castro de Rei, Portomarín, Chantada, Silleda, Touro, Arzúa, Mesía, Curtis, Monfero, Trazo e Mazaricos) dedícanlle máis do 60% da súa SAU.

A dependencia das importacións de millo e soia  

Control de calidade do cereal chegado ao porto da Coruña

Control de calidade do cereal chegado ao porto da Coruña

O millo é a materia prima máis descargada no porto da Coruña, a onde chegan unhas 50.000 toneladas mensuais coas que abastecer ás industrias de fabricación. Até o comezo da guerra o millo que chegaba a Galicia viña de países como Ucraína ou Rusia a través dos portos do Mar Negro. Para substituílo a UE vén de flexibilizar os límites aos transxénicos e fitosanitarios que impedían traer millo de países como EEUU ou Arxentina.

A soia é a outra materia prima fundamental, malia que nos últimos anos foi perdendo peso a favor da colza nas racións das vacas de leite. Aos portos galegos chegan anualmente 750.000 toneladas de soia procedentes de países como Brasil, Arxentina ou EEUU.

A fabricación de pensos é un gran mercado que factura en Galicia máis de 1.200 millóns de euros

O sector fabricante de pensos está formado en Galicia por unhas 30 empresas, que crean 1.500 empregos directos (outros tantos indirectos) e a súa facturación representa o 1,5% do PIB da comunidade, cun volume de negocio superior aos 1.200 millóns de euros.

Con máis do 12% da producción de pensos a nivel nacional, Galicia é a quinta comunidade autónoma en fabricación de alimentos preparados para animais. Cataluña, onde a produción de pensos ascende a 7,7 millóns de toneladas anuais, encabeza o ránking.  

O gando porcino desequilibra a balanza en España   

España é deficitaria en cereais para alimentación animal e debe importar arredor do 50% da maior parte de materias primas e o 100% no caso da soia. Aos portos españois chegan anualmente 4 millóns de toneladas de soia procedentes de países como Brasil, Arxentina ou EEUU.

Impórtase o 13% de trigo, o 50% de millo e o 100% da soia utilizados na fabricación de pensos

Malia ter que importar a meirande parte das materias primas, España é o principal produtor de pensos da UE. A produción anual de pensos en España pasou de 31,3 millóns de toneladas en 2015 aos 37,4 millóns de 2019, dos que 11,5 millóns destínanse a gando porcino (o 72% a cebo) e 4,5 millóns a aves (48% a avicultura de carne).

España é o primeiro produtor de pensos da UE e está entre os 10 principais fabricantes mundiais

Esta alta dependencia da importación de materias primas fai ás empresas fabricantes de produtos para alimentación animal e ás ganderías ás que subministran tremendamente vulnerables diante de subas de prezos como as que se levan producindo no último ano ou diante de problemas de abastecemento como os xerados pola guerra de Ucraína ou a folga de transportes.

“Para as condicións que teñen, os nosos gandeiros fan un bo traballo e sacan unhas producións moi boas”

sineiro_standarFrancisco Sineiro, exconselleiro de Agricultura e profesor xubilado da Escola Politécnica Superior de Lugo, é un bo coñecedor do sector leiteiro galego e da súa evolución nas últimas décadas. Recoñece os problemas polos que está atravesando na actualidade, pero foxe de dar unha mensaxe negativa nin catastrofista e pon en valor o traballo que están a realizar os gandeiros.

“Estamos nunha situación delicada sobre a que hai que actuar pola vía dos custos, con medidas en relación á fiscalidade e ao control de prezos para evitar a especulación, e tamén pola parte do prezo do leite. Hai que pasar da letra á realidade e que os prezos se correspondan coa situación real de mercado, que é hoxe moi favorable. Porque se se recibirá en orixe un prezo axustado ao momento actual do mercado a situación nas ganderías non sería tan delicada”, asegura.

Falta de terras e escasa industrialización

“Ao meu entender o sistema de produción de leite que temos en Galicia ten dúas debilidades fundamentais: unha é a falta de terra e outra a falta de industrialización”, resume Sineiro. “A produción veu aumentando de modo importante nos últimos anos, leva facéndoo varias décadas, e a superficie de terras non o fixo, coa Administración deixando vía libre á forestación de terras agrarias”, denuncia.

“A medida do impass para as plantacións de eucalipto chega tarde. E eu dubido de que a moratoria se estea a cumprir e que se estean controlando as novas plantacións que se están a facer porque en teoría levamos 9 meses de moratoria e eu vexo plantacións novas en moitos sitios. Non só hai que escribir os papeis senón que hai que facer que se cumpran”, insiste.

Temos claras as superficies que son aptas, o que hai que facer é facilitar esas superficies aos gandeiros a curto prazo

A falta de terras é un factor que condiciona o medre das explotacións e o seu xeito de traballar. “Teñen que facer produción intensiva de forraxes, forzando as producións de millo e raigrás. Ese réxime tan intensivo ten consecuencias para o solo e a produtividade da terra a longo prazo”, advirte Sineiro.

A Lei de Recuperación da Terra Agraria aprobada o ano pasado ten aspectos interesantes pero chega tarde, tiñáse que ter posto en marcha 20 ou 30 anos atrás

Galicia é un caso case excepcional, di, entre as rexións produtoras de leite a nivel europeo, pois “parécese máis a Suecia ou Finlandia”. “A superficie que dedicamos á agricultura está por debaixo do 25% e a que destinamos específicamente á produción de leite só representa o 8% da superficie galega. E iso non é porque non teñamos terras aptas para a produción de forraxe nin é pola vontade dos gandeiros senón pola carencia de políticas agrarias durante moitos anos, que fixo que parte desas terras estean abandonadas ou dedicadas a outras cousas”, explica.  

Prezos baixos

“O outro problema que eu vexo é a falta de industrialización e de capacidade de negociación de prezos. Non ten sentido que desde a última crise do sector leiteiro do ano 2015-2016, os prezos do leite non teñan mellorado apenas, tan só tiveron un lixeiro incremento nos últimos 5-6 meses pero a media de todos estes anos foi de 32 céntimos para España e menos para Galicia. En Europa na maior parte dos países europeos houbo un incremento notable de prezos e aínda máis nos últimos meses. A media da UE está en 42 céntimos, cun máximo actualmente en Irlanda de 45 céntimos”, detalla.  

“Un dos pescozos de botella que temos tradicionalmente é a dependencia do leite envasado e as marcas de distribución. Pero nos últimos meses eses produtos pasaron nos liñais dos supermercados de 55 a 67 céntimos, unha revalorización que non se trasladou á produción”, lamenta.

Por iso, di, “os gandeiros galegos vense afectados neste momento por unha dobre tesoira, a dos prezos do leite, que non se corresponde coa realidade do mercado, e a dos custos de produción, polas compras de fertilizantes e concentrados derivados dun sistema intensivo forzado polas circunstancias de falta de terras”.

Alto grado de profesionalización acadado polos gandeiros

“En momentos de prezos elevados de materias primas sufrimos máis, tamén porque a situación dos prezos do leite non se adecúa á situación real do mercado. Tiña que aumentar o prezo do leite en orixe a parte industrial, porque hoxe ten marxe para facelo tal como está a situación do mercado; eu non son partidario de compensar o prezo con axudas públicas”, defende.

Onde si reclama Sineiro a intervención da Administración é no control dos custos aos que fan fronte as granxas ante o aumento dos prezos das materias primas, “que aínda poden aumentar máis”, advirte. “Fan falla medidas de control e diminución dos prezos dos cereais, o gasóleo ou a luz”, exemplifica.

Fan falla medidas de control de custos por parte da Administración e que o prezo do leite en orixe reflicta a situación real do mercado; a industria ten marxe para subir

Pero malia as dificultades actuais, Sineiro destaca os aspectos positivos do sector leiteiro galego: “ten feblezas pero ten as súas fortalezas tamén. Para os medios e a terra de que dispoñen os nosos gandeiros son capaces de conseguir unha produción de leite importante, practicando un sistema intensivo pero onde os resultados son bos. As explotacións fixeron un esforzo en investimento, recursos e profesionalización importante. Para as condicións que teñen, os nosos gandeiros fan un bo traballo e sacan unhas producións moi boas”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información