O sector gandeiro do Deza chegou á reunión prevista coa conselleira do Medio Rural co reforzo que supuxo a multitudinaria mobilización do pasado mércores en Lalín e as previas de Arzúa, Chantada e Santa Comba. Ante Rosa Quintana, as cooperativas integradas en Xuncoga e outras do norte provincial escenificaron unha mensaxe unitaria e reducida a unha única demanda. Trasladáronlle á conselleira a difícil situación das explotacións, que desde hai meses están a entregar o leite a prezos moi por baixo dos custos de produción, e advertiron da necesidade inmediata dun acordo entre distribución, industria e gandeiros para que suban os prezos do leite.
O enfado de cooperativas e gandeiros polos baixos prezos subiu un punto máis nos últimos días, tras coñecer que a maioría das industrias lles están a anunciar baixadas do prezo en orixe do leite para os próximos meses.
“As empresas, lideradas polas de capital estranxeiro, van baixar os prezos a través de mecanismos como a redución das primas de cantidade e de calidade, ou o aumento da porcentaxe do leite que van pagar a prezo de leite en po” -resume o presidente de Cobideza, Román Santalla, tamén secretario comarcal no Deza de Unións Agrarias-. “É unha proba máis de que as industrias están ninguneándonos ós gandeiros, pero tamén ós gobernos e ó sentir xeral de toda a sociedade. Galicia e España non poden perder un sector coma o lácteo para entregarllo a Francia ou Alemaña”, critica.
As industrias anunciáronlle ás cooperativas baixadas a través da redución de primas e do aumento da produción de leite en po
As cooperativas foron claras coa conselleira e solicitáronlle que actúe na medida das súas competencias e que xestione o problema co presidente da Xunta e co Ministerio de Agricultura. Na reunión quedaron tamén patentes as diferenzas entre a titular de Medio Rural e as cooperativas, pois trascendeu que Quintana incidiu de novo nas dificultades que presenta a normativa de Competencia para chegar a un acordo de prezos. Desde o sector advertíronlle de que non había tempo para discusións legais. “Ou hai acordo de prezos ou a final de ano non queda ninguén no agro”, trasladóuselle a Quintana.
Do encontro coa conselleira, as cooperativas saíron satisfeitas pola unidade amosada e tamén convencidas de que a titular do Medio Rural asume a gravidade do problema. A próxima data clave para o sector será o martes 18, cando hai unha reunión prevista en Madrid entre a distribución, a industria, cooperativas e organizacións agrarias. Espérase a presenza no encontro da ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina.
Balance
O último mes e medio de crise, mobilizacións e reunións entre as distintas partes do sector lácteo serviu para ir separando a palla e o gran, ata chegar a un escenario claro. O sector gandeiro iniciou as protestas a finais de xuño cunha ampla táboa de reinvindicacións, en tanto as Administracións ían anunciando de xeito paralelo medidas para ir capeando o temporal que sufrían as granxas, tales como apoios ó refinanciamento de débedas ou plans de promoción do leite. Pero chegada a metade de agosto, cunha situación de prezos que continúa á baixa, só hai unha disxuntiva sobre a mesa. Ou se chega a un acordo de prezos ou haberá peches masivos de granxas, en palabras dos gandeiros.
Os pactos entre produtores e industrias sobre volumes de produción e xestión de excedentes son o segundo punto a resolver no curto prazo. Con vistas no medio prazo, o sector sitúa os esforzos que haberá que facer na promoción do consumo de lácteos galegos e españois e nos apoios á transformación do leite galego.