As cooperativas apremian a creación dun contrato tipo entre industria e primeiros compradores

Agaca entende que é un instrumento que dotará de estabilidade ás cooperativas que comercializan en conxunto o leite dos seus socios. Medio Rural ofreceuse a intermediar para atopar comprador para Codegui

As cooperativas apremian a creación dun contrato tipo entre industria e primeiros compradores

O sector quere garantías de recollida da producción das granxas.

O caso da cooperativa Codegui, sen comprador para o seu leite a partir do 1 de febreiro, logo de que Leche Celta lle anunciase a cancelación da recollida, pon sobre a mesa o problema da falta dunha contratación estable entre industrias e primeiros compradores, tanto cooperativas como particulares. A Asociación Galega de Cooperativas (Agaca) entende que cómpre impulsar o antes posible un contrato tipo homologado entre industrias e primeiros compradores.

De feito, a idea inicial de Cooperativas Agroalimentarias de España era que ese contrato saíse adiante á vez que o contrato tipo entre gandeiros e industrias, se ben a Interprofesional Láctea optou finalmente por pactar primeiro o contrato para os gandeiros, que se aprobou en decembro na Inlac e foi asinado esta semana pola ministra. Para unha segunda fase quedou a regulación dos acordos entre primeiros compradores e industrias.

As cooperativas consideran que o contrato tipo introducirá maior estabilidade na relación entre cooperativas e industrias, cunhas condicións e garantías claras en canto a duración do contrato, prezo, volumes recollidos ou condicións de renovación, entre outras cuestións.

Codegui
O sector, non obstante, tamén é consciente de que os contratos non van solucionar o problema dos excedentes e das dificultades de comercialización do leite. O caso da cooperativa Codegui ilustra a situación do mercado. Logo de recibir o anuncio de Celta da cancelación da recollida, a cooperativa contactou con todas as industrias para buscar alternativas, pero recibiu de todas a mesma resposta. Están a tope de leite e con dificultades para comercializar os volumes que teñen contratados. A única alternativa era enviar o leite para po a un prezo baixo duns 18 céntimos litro, unha opción que os gandeiros non poden asumir.

Tras saír á luz o problema ó que se enfronta a cooperativa, a Consellería do Medio Rural púxose en contacto con Codegui para ofrecerse a intermediar na busca dunha solución, se ben a última hora de onte aínda se estaba a busca de alternativas. Para esta noite, a cooperativa ten previsto celebrar unha nova asemblea para analizar a situación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información