As contas non cadran para as queixerías galegas

As queixerías levan meses traballando a perdas, afogadas polas subas dos custos de produción e as restricións que lle pon a distribución para trasladar o incremento ó prezo do queixo. As vendas tamén se resenten no mercado nacional. As industrias procuran vías para evitar o peche mentres sega a inestabilidade

As contas non cadran para as queixerías galegas

Os últimos meses están a ser críticos para a maioría das queixerías galegas e algunhas delas mesmo comezan ter dúbidas sobre a viabilidade da súa actividade se a inestabilidade dos mercados se mantén durante moito máis tempo. Recoñecen que están a afrontar unha ‘tormenta perfecta’ que provoca un notable incremento dos custos de produción. Mentres, teñen dificultades para trasladar ese aumento do prezo á distribución e as vendas tamén se comezan a resentir.

A situación estase volvendo crítica para moitas pequenas queixerías que esgotaron xa a súa liquidez ó vender a perdas, en moitos casos dende finais do ano pasado. Procuran alternativas que lles permitan seguir mantendo a produción, pero moitas recoñecen que a situación é moi crítica.

O incremento dos custos de produción

Un dos principais factores que está poñendo ás queixerías contra as cordas é o incremento dos custos da enerxía. Os prezos ‘desorbitados’ que segue acadando a enerxía eléctrica fixo multiplicar as facturas da luz das queixerías a cifras que nunca antes rexistraran. Así, industrias que tiñan un gasto medio duns 7.000 euros en luz pasaron a desembolsar arredor de 30.000 euros ó mes.

Tamén o prezo do gas natural, que se volve imprescindible para a transformación do leite en moitas queixerías, experimentou unha importante suba, chegando a triplicarse, segundo recoñecen as industrias. O anuncio de Alxeria, un dos principais países produtores de gas, da ruptura das relacións con España feito esta mesma semana trae aínda máis incertezas para os queixeiros, que temen unha nova suba do prezo do gas ou mesmo as dificultades de abastecemento.

A suba dos prezos de enerxías como a electricidade ou o gas, así como as embalaxes supón un notable incremento dos custos de produción para as queixerías

Á marxe das enerxías, tamén se dispararon os prezos das embalaxes. En concreto, no caso do cartón algunhas industrias experimentaron nos últimos meses subas dun 35%. Este aumento dos custos sorprendeu ás queixerías, dada a aposta que están facendo moitas por evitar os envases de plásticos e buscar solucións máis sostibles medioambientalmente como o cartón.

Escaseza de leite

A estes custos súmase o notable incremento do prezo do leite rexistrado nestes meses, situándose de media nun prezo base arredor dos 42 céntimos por litro, mentres que hai cousa dun ano se atopaba en pouco máis de 30 céntimos. As subas que reclamaban os gandeiros para non producir por debaixo dos custes de produción están a repercutir directamente nas queixerías, aínda que comprenden que os gandeiros precisen tamén ese aumento do valor para afrontar o incremento dos custos de produción, en especial da enerxía e dos cereais, pero tamén dos fertilizantes e outros insumos da gandería.

As queixerías están perdendo provedores de leite que atopan noutras industrias transformadoras prezos máis competitivos pola alta demanda de produtos como a manteiga

A suba do prezo do leite estase a producir nun momento de forte demanda de produtos como a manteiga ou o leite en po, o que está a provocar mesmo que as queixerías estean a ter menos dispoñibilidade de leite. Así, atópanse con provedores que deixan de proporcionarlle o leite ó conseguir noutras industrias transformadoras mellores prezos, cos que aseguran non ser capaces de competir.

Dende as queixerías tamén apuntan a que esta forte demanda doutras industrias, motiva por diversos factores dos mercados internacionais, pode desaparecer e volver provocar situacións como as vividas noutros momentos de crise nos que o prezo do leite despois de grandes subas rematou volvendo a baixar drasticamente ata vivirse situacións onde os provedores ofrecían o leite na porta da queixería a prezos moi baixos ante a falta de compradores, unha situación que apuntan ‘non é favorable nin para os gandeiros nin para as queixerías’.

Trasladar a suba do prezo

Mentres os custos de produción se dispararon nos últimos meses, en especial dende o verán do ano pasado, as queixerías aseguran non poder trasladar este incremento do mesmo xeito. Por unha banda, temen que a suba proporcional que deberan aplicar no valor do queixo faga baixar ó mínimo as vendas de queixos. Cómpre ter presente que algunhas queixerías levaban case unha década sen subir o prezo do queixo, entre outros motivos porque o prezo do leite se mantiña tamén estable.

De feito, moitas queixerías xa están notando unha importante redución das vendas e cambios de consumo. Así, estase incrementando a venda de porcións de queixo, no canto de pezas enteiras. “A xente antes levaba un queixo de quilo e agora prefire que lle corten un anaco”, coinciden en sinalar os queixeiros. Trátase dunha tendencia que se aprecia non só nas vendas do día a día senón tamén nas feiras, onde cada vez máis piden o queixo ó corte, cando hai uns meses todas as vendas eran de queixos enteiros.

Do mesmo xeito que se están reducindo as vendas de queixo enteiro, tamén se incrementou nos últimos meses as vendas de queixo en liscos, unha tendencia que comezou coa pandemia e que se mantén.

As queixerías acusan á distribución de facer de freo para trasladar os incrementos dos custos de produción e obrigalos a continuar a perdas

Xunto co temor á baixada das vendas, as queixerías estanse atopando de cheo coas dificultades postas pola distribución para subir os prezos. Mentres as pequenas tendas están a trasladar estas subas, as grandes superficies mantéñense reticentes nun tira e afrouxa no que tamén existen as ameazas a deixar de mercarlle o queixo e rexeitar directamente calquera proposta de suba que lle propoñan as queixerías.

Nestes meses, houbo industrias que fixeron xa ata tres subas progresivas dos queixos e outras que non conseguiron trasladar máis que unha e tiveron que aguantar botando man da súa liquidez. Ademais, mentres que outras subas, como a da enerxía se traslada de xeito inmediato na seguinte factura, as queixerías atópanse con máis dificultades, xa que as subas tardan máis tempo en facerse efectivas ou mesmo en valorarse. “Aínda que a nós nos estean a subir cada mes os custos, nós non podemos trasladar eses incremento dese xeito. Hai clientes cos que tes asinado contratos de 6 meses e nos que non cabe unha suba do prezo, porque deixan de recollerche os queixos”, apuntan.

Estratexias para afrontar a crise

Ante esta situación, as queixerías están barallando distintas alternativas para afrontar esta crise. Unha das medidas máis recorridas é reducir ó mínimo todos os gastos previstos, suprimindo calquera inversión de mellora das instalacións que tiveran previstas para os próximos anos. Algunhas delas están xa procurando liquidez mediante préstamos, para avalar así a súa actividade e poder tentar resistir as vendas a perdas mentres o mercado siga nesta situación de inestabilidade.

Tamén hai queixerías que están atopando na exportación unha táboa de salvación para os seus queixos, aínda que ese é un mercado ó que moitas das queixerías galegas teñen dificultades para entrar polas propias características dos queixos que elaboran, pensados para un consumo en fresco ou cunha forma determinada, como os queixos da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa, que dificulta o a súa comercialización internacional. Con todo, algunhas queixerías, mesmo están conseguindo un importante incremento das vendas en países como Francia, que tamén afrontan unha crise de escaseza de leite o que facilita estas vendas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información