As concentracións parcelarias serán “moi pensadas e selectivas, no entorno das explotacións agrogandeiras”

As concentracións parcelarias serán “moi pensadas e selectivas, no entorno das explotacións agrogandeiras”

O presidente da Xunta en rolda de prensa

O presidente en funcións da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que un dos obxectivos da próxima lexislatura será o impulso do sector primario e o agroalimentario e que, para conseguilo, “a prioridade será unha concentración moi pensada e selectiva no entorno das explotacións agrogandeiras”. “Non concentraremos por concentrar nin só por unha decisión de ordenación do territorio”, aclarou Feijóo, que precisou que se adicará unha especial atención ás zonas con actividade agraria.

O mandatario galego fixo estas declaracións trala reunión do Consello do Goberno Galego, no que se avaliou un informe da Consellería do Medio Rural coas actuacións que se teñen levado a cabo nesta materia.

En total, a Xunta destina este ano un total de 27,1 millóns de euros a impulsar as estruturas e infraestruturas rurais, co fin de potenciar as explotacións e mellorar a calidade de vida no agro galego. A maior parte dos fondos, 23,4 millóns, corresponden ao Plan de reestruturación parcelaria 2016, que ao rematar este ano permitirá que estean concentradas unhas 21.000 hectáreas e haberá 17.838 novos propietarios, segundo destaca o informe.

Ao longo deste exercicio ordenáronse 26 zonas, que ou ben xa están totalmente rematadas ou atópanse nas últimas fases do proceso, aquelas que permiten aos seus propietarios comezar a usar os novos predios, coa aprobación da toma de posesión. Dentro deste plan, a maior parte dos fondos dispoñibles (17,8 millóns de euros) están destinados á execución das redes de camiños principais e secundarias, e a cantidade restante (3,2 millóns de euros) permitirá o acondicionamento de terreos, isto é, a colocación de entradas e a eliminación nas leiras de restos de muros ou desniveis que impidan a súa axeitada explotación.

A maiores destas achegas, hai orzamentados outros 2,4 millóns de euros destinados a servizos técnicos que están a permitir a superación das distintas fases administrativas, como son a identificación dos propietarios, a clasificación das terras, a marcación dos predios e a preparación de toda a documentación necesaria.

Actuacións urxentes Actuacións urxentes

Por outra banda, o Plan de actuacións urxentes en zonas de reestruturación, dotado con 3,7 millóns de euros, destínase á mellora da capa de rodaxe de camiños principais de reestruturación que comuniquen núcleos entre si, ou núcleos con estradas e que se encontren en malas condicións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información