“As comunidades con grandes cooperativas levan mellor a crise láctea”

O director general de Producciones y Mercados Agrarios, Fernando Miranda, avoga pola integración cooperativa e suliña a necesidade de mellorar a transformación industrial do leite en España

“As comunidades con grandes cooperativas levan mellor a crise láctea”

Fernando Miranda, director general de Producciones y Mercados Agrarios (Ministerio de Agricultura).

A Interprofesional Láctea mantén hoxe un novo encontro para valorar a posibilidade de establecer unha limitación voluntaria á produción de leite en España. O director general de Producciones y Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Fernando Miranda, recoñece que o asunto é problemático. “Se un Estado membro decide establecer limitacións, outro pode non facelo e sacar vantaxe, pero non houbo consenso na UE para establecer unha limitación obrigatoria, como pedimos”.

Analizamos tamén con Miranda a situación de industrias e cooperativas en España. “Se non hai integracións cooperativas, o gandeiro perde en competitividade e eficacia”, advirte.

Ante a saturación de oferta de leite no mercado, o Ministerio está a traballar coa Interprofesional na posibilidade de establecer límites voluntarios á produción. Prevén bonificacións económicas para as granxas que acepten limitar a súa produción?
– En efecto, o desequilibrio entre oferta e demanda a nivel comunitario é a raíz da crise de prezos pola que atravesa o sector lácteo en Europa e en España. O incremento de produción rexistrado na Unión Europea, mesmo antes do fin das cotas lácteas, non se viu acompañado por un aumento da demanda, sobre todo como consecuencia do embargo ruso ás exportacións comunitarias e da redución das importacións de terceiros países, especialmente de China.

Por poñer un exemplo, en España, nos dous últimos anos o incremento de produción equivale á produción de Cantabria.

O aumento da produción de leite en España nos últimos dous anos equivale á produción láctea de Cantabria

A medida proposta pola Comisión para a redución voluntaria da demanda é unha petición de varios Estados membros, entre eles España, para tentar atallar o problema desde o lado da oferta.

Trátase dunha medida cuxa aplicación debe ser a iniciativa da Interprofesional Láctea. Ten que ser, por tanto, o sector o que debe decidir se aplica a medida e, de facelo, debe decidir o seu ámbito de aplicación, é dicir, o volume de leite ao que afectaría e durante canto tempo, que non pode ser máis de seis meses desde que se publique o Regulamento comunitario.

Con respecto á posibilidade de establecer algún tipo de compensación, o Regulamento non prexulga nada respecto diso. Na miña opinión, o prioritario é que a Interprofesional traballe na posibilidade dese acordo.

Esta iniciativa de regulación do mercado podería fracasar se outros países da contorna continúan cos actuais ritmos de aumentos de produción?
– Sería máis efectiva unha aplicación obrigatoria da medida en todos os Estados membros, como pedía España, pero hai que ter en conta que un bo número de países produtores da Unión Europea non apoian esta idea. Por tanto, chegouse á solución de máximo consenso a nivel comunitario, que é a aplicación voluntaria.

“Pode suceder que un Estado membro decida aplicar a reducción e outro decida non facelo e sacar vantaxe diso”

Isto pode levar, en efecto, a que se un Estado membro decide aplicar a redución outro pode non facelo e sacar vantaxe diso. Por esta razón, cremos que a súa aplicación debe ser o máis ampla posible, dentro e fóra de España. De momento temos constancia de que a interprofesional francesa, CNIEL, vaina aplicar. Pedímoslle á Comisión que nos manteña informados ós Estados membros do grao de aplicación desta medida, de xeito que a Interprofesional saiba en que condicións pode alcanzar o acordo de limitación da produción.

O sector critica a entrada de produtos lácteos europeos a baixo prezo. En Galicia, parte das queixerías teñen dificultades para colocar os seus produtos, a pesar do déficit español en produción de queixos. Cre que se está producindo unha situación de ‘dumping’?
– Este é un argumento recorrente no sector lácteo desde hai moitos anos. En ocasións, outros países da Unión Europea acusan de dumping a España nas súas exportacións. Recentemente fixérono co viño e o ano pasado fixérono co porcino e coas froitas.

“Dumping na importación de queixos? Outros países acusan a España do mesmo co viño, co porcino e coas froitas”

En xeral, os grandes exportadores de produtos lácteos comunitarios non só fabrican queixo a partir do leite de vaca. Fabrican unha gama moi ampla de produtos que valorizan nos mercados internacionais de moi diversas maneiras. A súa rendibilidade non é só a dun produto, senón a do conxunto ou ‘mix’ de todos eles.

As nosas industrias son moi pequenas en comparación coas grandes industrias lácteas comunitarias, moitas delas de base cooperativa, é dicir, propiedade dos gandeiros. A dimensión permítelle a estas industrias economías de escala da que carecemos en moitas ocasións.

“As nosas industrias son moi pequenas en comparación coas grandes industrias lácteas da UE. Temos que gañar en eficacia”

Sería necesario que as nosas industrias investisen para mellorar a súa eficacia e a súa capacidade de competir en todos os segmentos do mercado lácteo.

No acordo lácteo, industrias e distribución comprometéronse á identificación da orixe do leite e dos produtos lácteos. Cando se plasmará este compromiso na práctica e como se executará?
– Xa se comezou a plasmar, aínda que cremos que se pode facer moito máis. Industria e distribución deben poñer este compromiso en práctica de maneira máis evidente. A partir do acordo de setembro, a Interprofesional, INLAC, xa logrou bastantes avances a este respecto, traballaron moito no seu seo e coa distribución e existe un compromiso específico de como levalo a cabo, pero fai falta que sexa máis patente, que se vexa nas tendas e nos lineais. Temos a confianza de que en breve se notará máis.

“A identificación da orixe dos lácteos xa se comezou a plasmar. O importante é que o consumidor a vexa e se decante polo produto nacional”

A identificación da orixe pode facerse nos propios envases e tamén na cartelería da distribución ou na publicidade que se faga do produto. A cuestión é visualizala máis, para que o consumidor se decante polo leite e os produtos lácteos de orixe nacional e que con iso contribúa ao sostemento do sector. É a mellor axuda que podemos ter.

Desde o Goberno están a tratar de promover as integracións supraautonómicas de cooperativas, que factores cre que frean unha integración cooperativa desas características no sector lácteo?
– Efectivamente, o Goberno fixo un gran esforzo para incentivar a integración cooperativa. A nosa primeira cooperativa láctea é a número 25 no ránking europeo e un país como Irlanda, cunha produción de leite similar á española, comercializa case toda a súa produción a través de dúas cooperativas, cuxo tamaño é moi superior á primeira española.

A Lei de Integración Cooperativa, financiada a través do Programa de Desenvolvemento Rural Nacional, puxo as ferramentas para que poidan constituírse grandes grupos cooperativos en España. Agora o paso teno que dar o sector lácteo, da mesma forma que comezaron a facer outros sectores.

“Para unha fusión de cooperativas, con frecuencia alguén ten que dar un paso atrás. Cando isto non sucede, os gandeiros perden competitividade”

Ademais, dentro do ámbito autonómico tamén hai moito percorrido. Sería un gran avance lograr a fusión de, polo menos, boa parte das cooperativas lácteas de Galicia, en lugar de que estean a competir entre elas por separado. O mesmo sería aplicable, por exemplo, a Castilla y León ou Cantabria.

As comunidades autónomas que contan con grandes grupos cooperativos no sector lácteo, como Asturias, País Vasco ou Andalucía, están a soportar mellor estes momentos de dificultade no sector lácteo. Todo iso porque teñen unha estrutura cooperativa e industrial que ampara ós gandeiros.

En moitas ocasións, o freo cara á integración cooperativa ten que ver coas persoas. Para que haxa unha fusión, con frecuencia alguén ten que dar un paso atrás para que se avance cara á integración. Cando isto non sucede, os gandeiros perden en competitividade e eficacia.

O decreto que permitirá coñecer os prezos de cesión do leite entre industria e distribución atrasouse máis do esperado. Que obstáculos atoparon para a súa publicación?
– Trátase dunha norma complexa, pois non ten comparación en ningún outro sector produtivo, agrícola ou gandeiro. Por iso, foi necesario estar completamente seguros de que se axusta ao ordenamento económico xeral e, en particular, á normativa sobre competencia, e iso require os seus informes e o seu tempo. Pero merecía a pena facelo ben.

“O decreto sobre prezos de cesión permitirá un reparto máis xusto do valor ó longo de toda a cadea e beneficiará ó gandeiro”

O decreto finalmente aprobouse no Consello de Ministros, co que temos unha ferramenta de gran utilidade para comprobar como se reparte o valor do leite ao longo da cadea e, con iso, traballar por un reparto máis xusto dese valor, sobre todo no que se refire aos gandeiros.

Na última reunión do acordo lácteo, anunciaron posibles medidas de apoio ás explotacións máis endebedadas ou con problemas de viabilidade. Por onde poderían ir eses apoios?
– O Ministerio traballa na posibilidade de axudar aos gandeiros que teñan créditos para que poidan reducir as súas amortizacións mensuais. Para iso, está a elaborarse unha orde ministerial que lle permitirá aos gandeiros, por exemplo, obter un novo crédito que lles permita cancelar un anterior, cun prazo de amortización máis amplo e mesmo con menores tipos de interese.

“Estamos a elaborar unha orde ministerial para refinanciar créditos con maiores prazos de amortización e menores intereses”

Ademais, estamos a traballar coas comunidades autónomas para que se sumen a esta iniciativa, axudando na redución dos tipos de interese deses novos préstamos. Con iso, o que pretendemos é que precisamente as explotacións gandeiras que máis investiron estes anos poidan facer fronte dunha maneira máis folgada aos préstamos.

Unhas recentes declaracións súas nas que pronosticaba a desaparición de 4.000-5.000 explotacións lácteas en 5 anos xeraron numerosas críticas no sector. Tan pouco competitivas ve ás explotacións lácteas en España, en xeral, e en Galicia en particular?
– As explotacións gandeiras españolas, en xeral, son competitivas e equiparables ás comunitarias. Os gandeiros investiron e invisten moito nelas para mellorar en eficacia e dimensión. A media das nosas explotacións, en termos de produción e cabezas de gando, é similar á media comunitaria.

“Desaparecen granxas mesmo cando os prezos do leite están á alza. É un proceso que ten que ver con moitos factores”

Se temos en conta que pasamos de 100.000 explotacións a principios dos noventa a algo máis de 16.000 no 2016, podemos entender o gran esforzo de reconversión que realizou o sector gandeiro. Con todo, este proceso de reconversión, equiparable por exemplo ao producido en Francia, que partía dunha posición mellor, continúa.

De feito, as explotacións de vacún de leite reducíronse en España mesmo a ritmos superiores aos actuais e mesmo nos anos nos que o prezo do leite estaba á alza. Este proceso ten que ver co prezo do leite, coa falta de estruturas organizativas a nivel produtor e tamén coa ausencia de substitución xeracional e coa propia dureza e complexidade do traballo do gandeiro de leite, o que o levou en moitas ocasións a reconverterse noutro tipo de actividade.

“A estimación que fixen sobre desaparición de explotacións non é un desexo. O noso compromiso co sector é completo”

A estimación que fixen da evolución do número de explotacións non foi máis que iso, unha estimación a longo prazo, á luz do que ocorreu nos últimos 25 anos e do que está a ocorrer nos países da nosa contorna. Non foi en absoluto nin un desexo particular nin un obxectivo do Ministerio. O noso compromiso co sector é completo, a pesar de todas as dificultades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información