As comunidades autónomas poderán adiantar ao 16 de outubro o pago da PAC

En Galicia aínda non se iniciaron as inspeccións de superficie polo que o prazo de cobro para unha parte importante das explotacións é previsible que se atrase

As comunidades autónomas poderán adiantar ao 16 de outubro o pago da PAC

Vacas nunha gandería en ecolóxico en Arzúa

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Mediambiente autorizou ás Comunidades Autónomas a adiantar o pago das axudas da PAC deste ano ao 16 de outubro, segundo informa a organización agraria Unión de Pequenos Agricultores (UPA).

Será así o terceiro ano no que España adianta as axudas europeas ao campo. A Comisión Europea de Agricultura permite, dentro do paquete de medidas extraordinarias para o sector gandeiro, que os estados membros adianten ata o 70% dos pagos directos e o 85% dos pagos de desenvolvemento rural a partir do 16 de outubro.

Con todo, a aplicación real deste adianto nos últimos dous anos non foi eficaz, especialmente polos problemas de varias Comunidades Autónomas, entre elas Galicia, coa nova aplicación do Ministerio para xestionar as axudas da PAC, así como debido aos atrasos da administración en realizar as inspeccións. Desta forma, moitas explotacións lácteas, especialmente as sociedades, acabaron por cobrar as axudas da PAC nos meses de abril e de maio, cando en anos anteriores recibían a maioría dos pagos no mes de decembro. Isto xerou un gran malestar entre os gandeiros, xa que as axudas da PAC son un ingreso imprescindible en momentos como este de baixos prezos do leite.

“O máis probable é que cobren en outubro as explotacións que non teñan actas de control”

Fontes do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), o organismo encargado da xestión das axudas da PAC dentro da Consellería do Medio Rural, informan de que “a día de hoxe non se iniciaron a maioría das inspeccións de control de superficies” e que aínda hai algunhas explotacións sen cobrar a PAC do pasado ano. “A aplicación informática vai agora bastante mellor, polo que no mes de outubro é previsible que se poidan adiantar as axudas ás explotacións gandeiras que non teñan actas de control, pero non así para o resto, que é previsible que tarden máis tempo en cobrar”, aseguran as mesmas fontes.

Pola súa banda, desde UPA declaran que “a pelota está agora no tellado das comunidades autónomas”. “Deben facer o seu traballo con celeridade e proceder ao pago das axudas en outubro, tal e como permite a normativa”. Desde a organización aseguraron que o ano pasado a campaña foi “máis complexa que esta e aínda así algúns territorios lograron adiantar a PAC”, polo que afirman “non hai escusas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información