As axudas polos danos causados polo lobo e o xabaril poderán pedirse a partir de hoxe

Ademais de manter as indemnizacións ás explotacións afectadas polos ataques e destrozos provocados por estes animais, a Xunta financiará os gastos de adquisición de peches, pastores eléctricos e cans defensores do gando

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, visitando unha explotación de bovino no municipio de Rodeiro

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, visitando unha explotación de bovino en Rodeiro

Este xoves foron publicadas no DOG dúas ordes de axudas para, por un lado, implantar medidas preventivas fronte ao lobo, o oso e o xabaril en explotacións gandeiras, agrícolas e de autoconsumo, cunha dotación de 1,06 millóns de euros; e por outro, para contribuír aos custos derivados da instalación de valados fixos para protexer ao gando dos ataques do lobo, unha liña á que se destinarán 400.000 euros.

A partir deste venres e durante o prazo dun mes, as ganderías poderán acollerse a estas novas convocatorias de axudas, grazas ás cales a Xunta mobilizará en 2023 algo máis de 1,4 millóns de euros só para apoiar ao sector na implantación de medidas efectivas que protexan as súas propiedades do impacto causado pola fauna silvestre coa que comparten o territorio.

O prazo para solicitar as axudas é dun mes

En concreto, entre as medidas de prevención subvencionables está a adquisición e manutención de cans para protexer e defender o gando (ata 300 euros por exemplar e 200 euros para gastos de alimentación, cun límite de 3 cans por explotación); a compra de pastores eléctricos (ata 600 euros para comprar como máximo 3 pastores); e a instalación de cerrumes con mallas electrificadas (8 mallas e 800 euros por explotación).

Subvenciónanse un máximo de 3 cans, 3 pastores eléctricos e 8 mallas electrificadas por explotación

Ademais das subvencións para prevención que se convocan no DOG deste xoves, no mes de decembro publicouse outra orde de axudas para compensar os danos ocasionados polo lobo, cun orzamento reservado de 646.000 euros, a mesma contía que en 2022.

Medidas preventivas e indemnizacións fronte aos xabarís

No caso das medidas fronte aos xabarís, o pasado 21 de decembro tamén se convocou a orde de subvencións para paliar o impacto deste tipo de incursións nos cultivos agrícolas ligados a explotacións profesionais e a propiedades particulares, cun orzamento inicial de 1,45 millóns de euros.

A contía máxima da axuda polos danos do xabarín será nesta ocasión de 2.750 euros por explotación, 250 euros máis que na convocatoria anterior

Subvencionaranse os danos producidos por esta especie entre o 11 de outubro de 2022 e o 10 de outubro deste ano e, como principal novidade, a contía máxima da axuda será nesta ocasión de 2.750 euros por explotación, é dicir, 250 euros máis que na convocatoria anterior.

Ao orzamento destinado pola Xunta para indemnizar aos afectados polas incursións do xabaril nos seus cultivos hai que sumar tamén os 286.000 euros reservados para previr ou minimizar os danos dentro da orde de axudas que se publicou hoxe no DOG.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información