As atencións á viña no outono

Un artigo de Francisco Rego, técnico da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia. Recomenda realizar tratamentos fitosanitarios despois da vendima para que a vide faga unha fotosíntese outonal e acumule reservas

Publicidade
As atencións á viña no outono

Viñedo no outono

Tras a vendima o viticultor vai gozar dun certo relax, merecido tras os traballos realizados en toda a campaña.
Agora ben, relax non é sinónimo de esquecemento, porque no outono a viña tamén precisa de observación e de atencións.

Entre as atencións, e en función do estado sanitario, á súa vez condicionado pola climatoloxía habida na campaña, pode estar a aplicación dun ou dous tratamentos funxicidas. Tratamentos que prolongarán a vida da folla até que as xeadas rematen o ciclo. En anos como este, onde as producións foron altas e a seca afectou a moitas viñas, manter as follas fitosanitariamente protexidas, capaces por tanto de realizar unha aceptable fotosíntese outonal, significa aumentar a provisión de reservas. Beneficio que agradecerán en especial aquelas plantas que ficaron máis esgotadas polo tirón da colleita.

“Recoméndase aplicar despois da vendima un ou dous tratamentos funxicidas”

Dependendo dos xeitos de manexo, o outono tamén é a época de preparar o terreo para sementar cubertas , sexan temporais ou permanentes.
Nestas datas compre revisar a viña, videira a videira, e ir marcando, croquizando e apuntando detalles dos pés que presenten síntomas de doenzas de madeira, roturas por maquinaria ou calquer outra anormalidade. Tamén calquera desperfecto en terreos e instalacións.
Relativo a fallos e a enfermidades, sobre todo cando sobrepasan o que consideraríamos “tasa normal”, compre tratar de analizar as causas, e enviar aos laboratorios as baixas de diagnóstico incerto. Ao arrancar as que secaron e as de afectación irreversible, aplicar os protocolos de desinfección.

Vixiar a presenza de flavescencia dourada

Os viticultores do Ribeiro, Condado, Rosal e Baixa Limia deberán prestar especial atención a calquera alteración que lles resulte extraña, aínda que apareza só nunha videira. A razón é que a flavescencia dourada está presente desde hai uns anos nos distritos de Braga e Viana do Castelo, en Portugal. A termoterapia aplicada á madeira a multiplicar controla este fitoplasma e, por tanto, supón un alivio para os viveiristas e en consecuencia para os viticultores. Sen embargo, as transaccións incontroladas, inevitables nas zonas fronteirizas, xunto co feito de que o vehículo difusor é un insecto, que xa está presente na beira norte do Miño, posibilitan que a enfermidade poida entrar en calquera momento, se non o ten feito xa. Así que hai que estar en máxima alerta.

Francisco Rego Martínez

Técnico de viticultura na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), en Leiro-Ourense, dende o ano 1994.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información