Thierry Dagnac, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM-INGACAL) participou recentemente no Congreso de Alimentación Animal celebrado en Santiago cun relatorio sobre “Métodos analíticos para o control e a monitoraxe de diferentes clases de micotoxinas en forraxes ensilados”, na que avanzou algúns resultados da tese que dirixe de Alicia Latorre, e cuxa defensa está prevista para a primavera do próximo ano.
Que riscos supoñen as micotoxinas presentes nos ensilados de forraxe para a alimentación animal e humana?
No caso de que estivesen presentes algunhas micotoxinas en ensilados con concentracións elevadas, si que podería existir un risco importante, sobre todo para a saúde dos animais coa consecuente perda de produtividade.
Por exemplo, a zearalenona pode ocasionar desordes reprodutivas; a DON inflamación da pel, trastornos dixestivos, síndrome hemorráxico, inmunosupresión e trastornos no sistema nervioso e síndromes hemorráXico (A) e emético e de rexeitamento do alimento; as aflatoxinas poden provocar enfermidade crónica ou envelenamento agudo; as fumonisinas provocan leucoencefalomalacia en cabalos e edema pulmonar en porcos, reducido crecemento en pitos e alteracións hepáticas e do sistema inmune en vacún.
“As aflatoxinas son case inexistentes nos nosos silos de millo, pero se poden estar en pensos importados”
Por outra banda, a aparición de Aflatoxina M1 no leite (que provén de a aflatoxina B1) creou unha alarma social. Con todo, esta aflatoxina B1 é case inexistente nos nosos silos de millo, pero si que pode atoparse en lotes de pensos concentrados importados.
Cales son as micotoxinas máis frecuentes nos ensilados de forraxes en Galicia?
A enniantin B foi a micotoxina coa frecuencia de detección máis alta, cun 51 % de casos detectados, seguida da fumonisina B2 e da ZEA, ambas as cunha frecuencia do 21 %.
A DON e o ácido micofenólico foron as dúas micotoxinas coas concentracións máximas máis altas, con valores superiores a 3000 ng/g (ppb).
Na evolución temporal dun silo, cales son os meses con maior presencia de micotoxinas?
Isto depende máis da climatoloxía que das estacións, así como das prácticas agrarias, no campo e logo nos ensilados. No Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) fixemos mostraxes en dous anos diferentes e tamén, cada ano, unha mostraxe en febreiro-marzo e outra mostraxe en xullo.
O primeiro ano atopamos concentracións de micotoxinas bastante máis elevadas no verán. Con todo, o segundo ano, foi ao revés, con contidos máis elevados durante a mostraxe de inverno-primavera.
Talvez o segundo ano sexa máis representativo, pois incluía 13 micotoxinas no canto de 7 para o primeiro ano.
Existen normativas de obrigado cumprimento para os gandeiros no relativo á conservación dos silos?
Existen as chamadas “boas prácticas” de ensilado, e moitas veces non só se busca minimizar a presenza de micotoxinas, senón que tamén se busca a obtención dun ensilado de calidade que poida obviamente conservarse nas mellores condicións. Búscase asegurar a calidade fermentativa, a estabilidade aeróbica e a calidade hixiénica dos silos (doc adxunto).
Que recomendacións básicas lle daría ao gandeiro para evitar este tipo de micotoxinas?
Determinadas prácticas agronómicas como a rotación de cultivos, o laboreo, a elección da data de sementeira e colleita, a fertilización, a elección de variedades resistentes, control de pragas e malas herbas, poden reducir a infección por fungos e a consecuente produción de micotoxinas, pero non erradicalas.
É moi frecuente a contaminación simultánea de varias micotoxinas, destacando o deoxinivalenol e a zearalenona, como as máis habituais, ademais da variación do tipo de micotoxinas e do grao de contaminación entre rexións, explotacións da mesma rexión e mostras do mesmo silo.
Algúns dos factores determinantes no contido dos fungos nos silos comerciais son o lugar que ocupa a mostra no silo, a duración de proceso de elaboración do silo e o mes que se realiza a mostraxe.
Está claro que as zonas do silo máis expostas ao aire (osixeno) e onde hai máis porosidade (menor densidade) son máis susceptibles de provocar a aparición de micotoxinas.
No teu relatorio non Congreso de Alimentación Animal advertiches de que para a maioría das micotoxinas non está regulada a súa presenza tanto nos ensilados, como tamén nos pensos compostos. Explícate….Que recomendarías?
Coa intención de manter os niveis de micotoxinas por baixo dos niveis de risco para a saúde animal, establecéronse no ámbito da Unión Europea (UE) unha serie de normas que regulan o contido máximo de micotoxinas en produtos destinados á alimentación animal.
Así, a Comisión Europea, fixa os límites máximos para a aflatoxina B1 en alimentos para animais na súa directiva 2003/100/CE e aconsella ademais intensificar o seguimento da presenza de micotoxinas producidas por Fusarium en cereais e en produtos a base de cereais na súa Recomendación 2006/576/CE, establecendo niveis recomendados para deoxinivalenol (DON), zearalenona (ZEA), ocratoxina A (OTA) e fumonisinas (suma de FB1 e de FB2) en produtos destinados para animais.
“Recomendaría cumprir as directivas europeas sobre micotoxinas, aínda que non sexan obrigatorias de momento”
Máis recentemente, de acordo coa Recomendación 2013/165/UE, establecéronse os límites máximos orientativos para a suma das toxinas T-2 e HT-2 en cereais e produtos a base de cereais para alimentos e para pensos.
A recomendación é simple: sempre tentar cumprir coas recomendacións europeas, aínda que de momento non sexan obrigatorias.
Tamén informaches de que ata o 70% das micotoxinas non se detectan actualmente, as chamadas micotoxinas enmascaradas. A que se debe esta situación e que se está facendo para para mellorar a súa detección?
Non é exactamente así: estaba a falar de experimentos realizados no CIAM con micro-silos contendo millo que cultivaramos e contaminaramos de forma intencional con cepas de Fusarium Verticilloides no campo. O que observamos é que as fumonisinas existían en formas modificadas nos silos, con cociente do 70 % para FB1 e cociente do 38 % para FB2, en relación coas fumonisinas totais.
Pero insisto, só estaba a falar de fumonisinas, aínda que a necesidade de cuantificar formas modificadas doutras micotoxinas xa foi expresada:
– A necesidade de regular as micotoxinas modificadas foi recoñecida polas autoridades regulatorias europeas, pero debido á falta de datos toxicolóxicos, a implementación non se chega a concretar. En 2013, a Comisión Europea solicitou unha opinión científica á Axencia Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) acerca dos riscos sobre a saúde animal e humana provocados pola presenza de DON, metabolitos de DON e DON enmascarada en alimentos e produtos de alimentación animal.
– En 2011, soamente os derivados acetylados de DON foran engadidos a DON para levar a cabo unha avaliación de riscos especifica das diversas formas de DON.
– Ademais, a comisión europea solicitou unha opinión científica á EFSA acerca dos riscos sobre a saúde animal e humana provocados pola presenza doutras micotoxinas modificadas en alimentos e produtos de alimentación animal.
– É por exemplo o caso do conxugados mono e dei-glicolisados das toxinas T2 e HT-2 para os cales a comisión europea recomendou a súa análise en cereais e produtos a base de cereais.
No CIAM tamén realizastes ensaios con inoculantes para reducir a presenza de micotoxinas. Cales foron os máis efectivos?
Fixemos probas con inoculantes, pero non puidemos concluír de maneira firme sobre o seu papel acerca da diminución dos contidos en micotoxinas. Para ZEA e Acetyl-DON non observamos diferenzas significativas entre a presenza ou ausencia de inoculante en canto ás evolucións das concentracións en micro-silos.
Poida que a presenza de inoculante axudase en diminuír máis rapidamente as concentracións de DON en micro-silos.
En canto aos “secuestrantes”, forman parte dos aspectos que me gustaría estudar nun futuro. Sobre todo, avaliando a súa eficacia sobre as formas modificadas e metabolitos secundarios.
En que aspectos consideras que existe máis marxe de mellora nas ganderías galegas para a correcta conservación dos ensilados de forraxes?
Ademais do xa sinalado anteriormente, existen pautas xerais de boa prácticas de ensilado que é unha matriz onde a humidade e a actividade da auga (AW: cantidade de auga dispoñible para o desenvolvemento de micro-organismos) adoitan ser elevados. Admítese que a partir de unha AW de 0.8 pode empezar a produción de micotoxinas, e cunha AW de 0.7 pode empezar a aparecer fungos.
“Hai que ensilar de forma moi compacta e coa menor presenza de aire posible”
Algúns consellos básicos son que durante a elaboración de ensilados, é decisivo asegurarse que a atmosfera sexa anaerobia. Tamén hai que ensilar coa madurez (non esperar para cultivar) e nivel de auga adecuada. E por último, empacar/ensilar de forma moi compacta e coa menor presenza de aire posible.
Existe tamén risco de contaminación das vacas por micotoxinas nos prados cando pacen?
Non, nas praderías, o risco parece mínimo. Pola contra, o millo forraxeiro é moito máis susceptible que a herba á contaminación con fungos tales como Aspergillus e Furarium no campo (pre-colleita) e con fungos en xeral no silo (post-cultivo).
Algo máis que queiras engadir?
Dentro dun mes imos contar cunha nova tecnoloxía ultra moderna no CIAM. Trátase dun espectrómetro de masas de alta resolución e alta precisión (HRMS) que contribuirá á modernización da capacidade tecnolóxica do INGACAL-CIAM para seguir progresando nas liñas de investigación da calidade e seguridade alimentaria nos sistemas produtivos agrarios.
Entre outros obxectivos, espero que podamos iniciar pronto novos estudos sobre a identificación e a cuantificación de formas modificadas (antes chamadas enmascaradas) de micotoxinas en ensilados e materias primas.