“As adegas galegas teñen que mellorar os seus equipos comerciais”

Entrevista a Rafael del Rey, director do Observatorio Español del Mercado del Vino. Considera acertada a aposta de Galicia polos viños diferenciados e con Denominación de Orixe.

Publicidade
“As adegas galegas teñen que mellorar os seus equipos comerciais”

Rafael del Rey durante a súa ponencia.

Rafael del Rey, director do Observatorio Español del Mercado del Vino, participou esta semana o Atlante Wine Forum, un foro de encontro de expertos en enoloxía, comercio e viticultura que se marcou como obxectivo orientar ao sector vitivinícola galego nun momento en que a exportación imponse como unha materia obrigada.

Durante o seu relatorio, Rafael del Rey fixo un repaso pola situación do sector do viño en España, que en liñas xerais atópase nunha situación difícil, e as diferencias do caso galego.

Velaquí algúns datos: España é o primeiro produtor mundial de viño cunha produción media de 40 millóns de hectolitros, dos que a metade destínase a exportación. O consumo interno está nos 10 millóns de hectolitros e cunha baixada continuada dende 1990 do 44%.

Especialmente grave foi o desplome na hostalaría, un 26% menos de vendas desde o inicio da crise. Pola contra, as vendas directas en adega ou a través de plataformas online manteñen un crecemento sostido.

En canto ás exportacións España ten o mérito de ser o primeiro exportador mundial de viño en volume pero a outra cara da moeda é que é o país que vende o viño máis barato, apenas 1,1 € por litro, só por diante de Sudáfrica. Francia ten un prezo medio de 5 euros por litro e Italia de 2,5 euros.

En definitiva, unha aposta pola eficiencia, por producir moito viño a baixo custo, que non se revelou como a máis adecuada.

E Galicia? De momento estase salvando mellor da difícil situación que atravesa o sector vitivinícola español pola súa aposta pola diferenciación. É dicir, polas Denominacións de Orixe e polo viño branco, unhas categorías que aumentaron o seu consumo no mercado español e que nas exportacións son as que concentran maior valor por litro.

En que situación se atopa Galicia dentro do mercado do viño español?
Galicia é algo diferente do conxunto de España porque non está xogando a eses grandes volumes. A cuestión é se se vé afectada polo que pasa no conxunto de España no mundo do viño. Galicia apostou por Denominacións de Orixe, o que quere dicir rendementos controlados e un nivel de calidade relativamente alto.

É dicir, apostouse por que a competitividade non a dea as altas producións e os baixos prezos, senón outra serie de factores, apostouse pola diferenciación máis que pola eficiencia.

“Os consumidores valoran máis os viños con Denominación de Orixe”

Ademais, Galicia apostou polos viños brancos que no mercado van mellor que a media. Pero temos que ser conscientes de que cando saímos fóra compárannos con outras zonas ou nos afectan outros viños ou a competencia doutros viños.

wineforum_comercio_viño_rafael_del_rey_01_standar

Evolución do consumo interno e das exportacións de viño en España. Fonte: OEMV

Competir en base a prezos e a volume de produción estaría desaconsellado para Galicia?
Eu creo que si porque viños homoxéneos e baratos con grandes volumes pódense conseguir con relativa facilidade en moitas outras zonas. Xogar nesa liga fainos que teñamos poucas posibilidades de gañar. A liga de Galicia ten que ser a diferenciación: viños atlánticos, de calidade, diferenciados, ata de varietais específicos. Iso refírese á presentación dos produtos.

Pero hai outro factor que é igual de relevante para toda España e que é moi necesario: a mellora da nosa capacidade de comercialización. Hai dúas mensaxes que son igual de válidas en Galicia que en calquera outra parte de España: temos que ter producións equilibradas respecto do que somos capaces de vender, porque se nos pasamos ou se nos quedamos curtos malo, e temos que mellorar sensiblemente a nosa capacidade de comercialización.

Non vale con quedarse en casa, con estar contentos e tranquilos porque o temos todo vendido na nosa Comunidade, hai que saír e mellorar a nosa capacidade de comercialización, porque o potencial para os viños de España, e de Galicia en particular, é enorme.

“Diríalles ás adegas que melloren os seus equipos comerciais”

Que mercados exteriores recomendaría para os viños galegos?
Están variando e dependen moito das condicións de cada adega. Reino Unido era un dos mercados tradicionais e, sen embargo, estase poñendo moi complicado; Suíza é un mercado moi atractivo; os países nórdicos están funcionando moi ben, do mesmo xeito que algúns países de Europa do Leste.

Por outra banda, toda Norteamérica presenta un potencial extraordinario, e non me refiro só a Estados Unidos, que é un mercado complicado no que se require un certo tamaño, senón a Canadá, onde está habendo oportunidades moi importantes, e especialmente México.

“México, Canadá, os países Nórdicos e Suíza son mercados moi interesantes”

E logo recomendaría a zona de Extremo Oriente, que é interesante pero tamén complicada. Por exemplo, o mercado de China arrefriouse moito nos últimos anos e é moi complicado vender, pero logo está Hong Kong ou Singapur, mercados onde outros países colléronnos moita vantaxe. Está tamén Corea do Sur, onde a algunhas adegas españolas vailles extraordinariamente ben. Xapón foi nos últimos anos un mercado moi bo para os viños de España.

wineforum_comercio_viño_rafael_del_rey_02_standar

Evolución do consumo interno de viño en España 2013-2014. Fonte: OEMV

Tamén habería que prestar atención aos mercados específicos onde hai comunidades de galegos, como Colombia, Venezuela, Uruguai ou Brasil, onde se pode facer un nicho de mercado.

Un dos temas que suscitou certa polémica no Atlante Wine Forum é que a atomización dos consellos reguladores fai difícil exportar. Deberíase camiñar cara a unha concentración dos Consellos Reguladores, mantendo ou aumentando as denominacións de orixe, para concentrar os esforzos na promoción e exportación dos viños galegos?
Creo que as denominacións de orixe fan un gran papel, do mesmo xeito que os consellos reguladores. O que pasa é que todo a labor de promoción témola que suscitar desde o punto de vista do consumidor, non do que nos interesa a nós.

Por exemplo, desde fai tempo veño defendendo que o grao de implicación dunha denominación de orixe na promoción dos seus viños é inversamente proporcional á distancia. É dicir, un consumidor galego saberá diferenciar entre un viño Ribeiro e un Rías Baixas; a un de Murcia seralle difícil pero un consumidor de Xapón é probable que nin sequera saiba onde está España.

“Non sempre vale a marca Galicia para vender viño no exterior”

Quere isto dicir que non nos serven os consellos reguladores? En absoluto, depende para onde: nalgúns sitios viranos moi ben ter un amparo maior e noutros non. O amparo no exterior debe ser Galicia ou o conxunto das denominacións galegas? Depende. Se cadra en determinados países é máis útil o amparo de Vinos de España. E poida que haxa países con presenza galega importante onde o paraugas axeitado será a marca Galicia.

Debemos plantear a comercialización no exterior sempre en función do consumidor ao que nos diriximos, non por intereses nosos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información