As accións de promoción serán a prioridade da D.O. Valdeorras para este ano

O pleno do Consello Regulador aprobou as contas da entidade, cun orzamento de 757.000€ para 2022. Entre as accións de promoción previstas está a celebración da Feira do Viño, logo de dúas edicións canceladas pola pandemia

Publicidade
As accións de promoción serán a prioridade da D.O. Valdeorras para este ano

No pleno do Consello Regulador aprobouse un orzamento cunha ampla cubertura promocional da D.O.

O pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras deu luz verde á liquidación orzamentaria e á memoria de actividades de 2021, aprobando, así mesmo, as contas para o novo exercicio, que ascenden a 757.897,76 euros. Tal e como sinala o presidente do Consello, José Luis García Pando, “as accións de promoción centrarán gran parte deste orzamento; nelas investiranse máis de 300.000 euros”.

Unha das accións previstas é a recuperación da tradicional Feira do Viño de Valdeorras, que este ano se desenvolverá con normalidade no mes de xullo logo de dúas edicións nas que tivo que cancelarse por mor da pandemia. Do mesmo xeito, A Coruña, Santiago de Compostela, Alicante, Madrid e Barcelona serán algunhas das cidades que acollan actos promocionais dos viños da comarca. Así, os brancos e tintos valdeorreses poderán degustarse, por exemplo, na Barcelona Wine Week e tamén no Salón Gourmets de Madrid.

Ademais, os viños promocionaranse na London Wine Fair, un dos foros vinícolas máis importantes do mundo, nun stand conxunto no que participará a D.O. Valdeorras xunto ao resto de territorios amparados de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información